Oito iniciativas de desenvolvemento rural premiadas por Agader

Deshidratado de produtos de horta ecolóxicos, elaboración de cosméticos naturais ou recuperación de terras abandonadas no concello de Miño, entre os proxectos galardonados

Oito iniciativas de desenvolvemento rural premiadas por Agader

Un dos proxectos premiados desenvolve iniciativas turísticas na Ribeira Sacra.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de facer pública a lista de iniciativas de desenvolvemento rural distinguidas este ano cos premios Agader. Son un total de oito proxectos, que recibirán 10.000 euros cada un para reinvestir na correspondente iniciativa. Os premios entregaranse o 14 de setembro nun acto na Cidade da Cultura.

As iniciativas galardonadas foron as seguintes:

Veigas de Sabugueiro (Vilar de Santos, Ourense), unha empresa orientada a utilizar un recurso natural abundante en Galicia -o sabugueiro- para facer produtos como licores, marmeladas ou cervexa. O proxecto foi premiado no apartado agrogandeiro.

Cooperativa Levinred (Leiro, Ourense), que desenvolveu unha marca de cosmética natural cuxo elemento principal é o viño tinto artesán. Recibiu a distinción para persoas mozas menores de 40 anos.

Trasdeza Natur (Silleda, Pontevedra), un proxecto que transforma produtos de horta ecolóxicos con técnicas de deshidratado natural e empregando tecnoloxía solar. O xurado outorgoulle o galardón na categoría de innovación tecnolóxica.

Iniciativa para a recuperación de terreos abandonados no concello de Miño. O proxecto está volvendo a poñer en produción terras en desuso para cultivo de tubérculos como patacas ou cebolas. Recibiu o premio na categoría de loita contra o abandono.

Turisa Galicia (Silleda, Pontevedra) gañou no apartado de turismo polos servizos de rutas personalizables que ofrece na Ribeira Sacra.

‘Mulleres de seu’, un proxecto da cooperativa Clun que consiste nunha serie de accións formativas, encontros e xornadas de traballo dirixidos a favorecer a integración das mulleres nas cooperativas logrou o galardón na categoría de iniciativas encabezadas por mulleres.

Asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Ourense, que recibiu o premio no apartado de interese social polos seus obradoiros de estimulación terapéutica e apoio psicolóxico ós coidadores.

Festival da Luz (Boimorto, A Coruña), que recibiu o premio no apartado cultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información