Oito días de prazo para a execución de axudas ligadas á Rede Natura

Quince colectivos do Xurés trasladan o seu malestar polos “irrisorio” periodo concedido por Medio Ambiente, o que lles obrigará a renunciar a boa parte dos proxectos

Oito días de prazo para a execución de axudas ligadas á Rede Natura

Imaxe da serra do Xurés. / Foto: Unitega.

A resolución das axudas orientadas á Rede Natura 2000 está a deixar ós beneficiados entre a espada e a parede. Quince colectivos da Serra do Xurés (Ourense) advirten en nota de prensa de que a Consellería de Medio Ambiente só lles concede 8 días laborables para execución dos traballos correspondentes á anualidade do 2016, o que, na práctica, os obrigará a renunciar a boa parte dos proxectos para os que tiñan financiación concedida.

As subvencións para investimentos non produtivos en Rede Natura nos anos 2016 e 2017 convocáranse o 8 de xullo, pero as resolucións das solicitudes non comezaron a recibirse no Xurés ata o 30 de novembro. O problema radica en que Medio Ambiente esixe que os traballos correspondentes á anualidade 2016 estean executados a 13 de decembro, a penas dúas semanas despois de recibidas as resolucións das axudas.

Quince colectivos do Xurés que contan con proxectos aprobados están a iniciar accións para amosar o seu malestar polos “irrisorios” prazos de execución que lles concedeu Medio Ambiente.

“Ese prazo tan axustado fai practicamente imposible cumprir coas obrigas marcadas pola resolución, xa que habería que realizar e xustificar o 50% dos traballos en só 8 días laborables, cando para o resto de accións, que se derivaron á anualidade 2017, estableceuse un prazo ata o 15 de xuño do 2017”, critican en nota de prensa colectivos dos concellos de Lobios, Muiños e Entrimo, encadrados no Parque Natural da Baixa Limia – Serra do Xurés.

Esta situación, critican os afectados, contradi os compromisos ós que chegou Medio Ambiente con eles nunha reunión celebrada no Xurés na que se acordou solucionar as deficiencias que se viñan detectando nas convocatorias de axudas. Os veciños do Parque xa advertiran daquela á Consellería dos problemas que levaban consigo os reducidos prazos de execución que se concedían.

Recollida de sinaturas
En vista de que os problemas non só continúan senón que se agravan, os colectivos afectados, entre os que hai asociacións de cazadores, de pescadores, de regantes e comunidades de montes, barallan iniciar unha recollida de sinaturas para emprazar á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, a dar explicacións nunha reunión pública.

Entre as asociacións perxudicadas no Xurés pola resolución das axudas da Rede Natura, a nota de prensa cita a Asociación de Tecores do Xurés (Xurestec), a Asociación de Xurexianos – Gerexianos (Axuge), a Asociación de Pescadores do Xurés (Xurespesca), a Asociación de usuarios de augas de Bouzas, a Asociación Foxo do Lobo, a Asociación Santa María de Cela, a Asociación de Veciños de San Paio, a Asociación Rural de Pereira e a Asociación de Veciños de Quintela.

Tamén figuran as comunidades de montes de Bouzas, Briñidelo, Esperanzo e San Paio, a de Riocaldo, a da Serra de Lobios e Nichos, a de Quintela e Buscalque, a de Requias e Guntumil e a de Pereira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información