O temporal provoca danos en invernadoiros e granxas

Unións Agrarias advirte de que os ventos levantaron a cuberta dalgunhas explotacións. Pide solucións inmediatas para ganderías que non poden muxir pola falta de electricidade

O temporal provoca danos en invernadoiros e granxas

Cuberta dunha granxa en Guntín (Imaxes: Unións Agrarias).

O temporal que chegou estes días a Galicia está a deixar serios danos no agro. Unións Agrarias está a detectar problemas xeralizados na maioría das comarcas galegas por cuestións como cubertas que levantou o vento, danos en invernadoiros ou muros derrubados. O máis urxente na mañá do sábado está a ser a falta de electricidade en arredor de 1.800 granxas da provincia de Lugo, segundo os cálculos da organización.

O corte da luz, que nalgúns casos dura 24 horas, impide que as explotacións lácteas muxan e que manteñan refrixerado o tanque do frío, no que se almacena o leite ata a súa recollida. Os problemas afectan a explotacións de concellos do Deza,en Pontevedra, e tamén ás de municipios lucenses como Pol ou Guntín, segundo indica Unións en nota de prensa.

Ante esa situación, a organización pide unha actuación inmediata da Xunta para que as compañías eléctricas axilicen a reparación das liñas. Unións critica que empresas como Gas Natural Fenosa, Begasa ou Hidroeléctrica de Silleda non están a dar explicacións nin están a dar solucionado os problemas causados polo temporal.

Danos nun invernadoiro.

Danos nun invernadoiro.

Balance
As treboadas están a deixar ademais unha seria afección en instalacións e equipamentos agrarios. Nas Rías Baixas, voou o tellado dunha adega e hai importantes danos en invernadoiros, en tanto que en explotacións lácteas do interior déronse numerosos casos de danos en tellados ou mesmo de cubertas que se perderon.

A organización agraria pide que Medio Rural habilite unha liña de axudas para compensar estas perdas, tal e como fixo tras as treboadas de saraiba que estragaron a uva en Sober. Unións lembra ademais que a crise no agro fixo baixar o número de pólizas de seguro contratadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información