O SLG denuncia ante a Valedora do Pobo a “indefensión” das granxas galegas fronte aos ataques da fauna salvaxe

Publicidade
O SLG denuncia ante a Valedora do Pobo a “indefensión” das granxas galegas fronte aos ataques da fauna salvaxe

Reunión entre o SLG e a Valedora do Pobo

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego reuniuse en Compostela este mércores coa Valedora do Pobo, Milagros Otero, para denunciar o que consideran “indefensión e desamparo que sofren as nosas granxas polos continuos ataques da fauna salvaxe e polo abandono de funcións da Xunta de Galicia diante desta problemática”.

As persoas que representaron ao SLG foron a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane; o responsábel do sector de Vacún de Carne, Lois Varela; e, por parte da Dirección do Leite, a súa coordinadora, Lupe Prado, e Eliseo Cebreiro.

A Valedora do Pobo comprometeuse a estudar o tema. En días previos, de cara a preparar o encontro co SLG, solicitou un informe á Consellaría de Medio Rural para saber que medidas se están a tomar diante desta problemática. Na xuntanza, a Valedora cedeulles o informe para que o Sindicato Labrego Galego realice unha avaliación do mesmo e para analizar e argumentar por que as medidas das que fala Medio Rural non están a funcionar. Dende o SLG, comprométense a estudar este informe nas distintas direccións sectoriais da organización para concretar por que non funcionan as políticas da Xunta respecto á xestión da fauna salvaxe e a súa convivencia coas actividades agrogandeiras.

“As perdas ocasionadas por ataques da fauna salvaxe non poden recaer só nos gandeiros, deben ser asumidas polo conxunto da sociedade”

En declaracións á prensa, a secretaria xeral do SLG explicou que “vimos aquí para denunciar a indefensión que temos diante dos danos da fauna salvaxe. Trátase dunha competencia da Xunta de Galicia, pois ten a obriga de xestionar as poboacións das distintas especies e, a maiores, entendemos que é a responsábel civil subsidiaria dos danos que estas causan. Lonxe disto, a Xunta non asume ningunha das súas competencias e obrigas neste tema e as poboacións de especies como o xabaril campan totalmente descontroladas, cada vez máis numerosas, e facendo estragos en pasteiros e cultivos como o millo ou a pataca”.

“Entendemos que as perdas ocasionadas por ataques da fauna salvaxe non poden recaer só nas granxas atacadas, senón que deben ser asumidas polo conxunto da sociedade”, continuou Vilalba. “Se un animal das nosas granxas causa algún dano, nós temos que asumir esa responsabilidade. En Castela e León, por exemplo, hai sentenzas que din que a Junta é á responsábel civil deses danos. No caso galego, a día de hoxe, só existen unhas axudas moi deficientes para cubrir os danos causados polo lobo, xa que son manifestamente cativas, poden tardar máis de tres anos en facerche o ingreso e, ultimamente, sabemos de varios casos nos que chamas para denunciar e ninguén acode para levantar acta dos danos. No caso das axudas para paliar os danos do xabaril, non se convocan dende 2016. Respecto a outros danos causados por especies das que tamén se rexistran abondosas perdas polos seus ataques como corvos, corzos ou veados, ninguén fala. Hai un abandono absoluto por parte da Xunta nesta problemática e as granxas non poden seguir aturando estes danos de maneira continuada”.

Problemas cos xabaríns pola transmisión da peste porcina africana

A maiores, a secretaria xeral do SLG quixo alertar sobre que, máis alá dos danos materiais causados, tamén “estamos diante dunha seria ameaza sanitaria”. Neste senso, recordou que, en Bélxica, vense de declarar un brote de peste porcina africana transmitida por xabarís que obrigará ao sacrificio de 4.000 porcos.

De feito, a Comisión Europea fíxolle, recentemente, unha petición ao Estado Español a este respecto para que sexa moi coidadoso á hora de prever a posible transmisión de tuberculose dende a fauna silvestre á cabana bovina. “Sen embargo, non parece que á Xunta de Galicia lle preocupe moito por agora esta ameaza nin ningunha outra relacionada coa fauna salvaxe”, advirten dende o SLG.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información