O SLG denuncia as prácticas abusivas de Facenda nas axudas de incorporación e na transmisión de granxas

O SLG denuncia as prácticas abusivas de Facenda nas axudas de incorporación e na transmisión de granxas

Reunión das representantes do Slg con Belén do Campo

O Sindicato Labrego Galego mantivo este xoves un encontro de traballo coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, Belén do Campo. Neste encontro, denunciaron o que consideran “prácticas abusivas da Axencia Tributaria ao gravar as axudas de incorporación de xente moza á actividade agraria ou o traspaso de granxas entre familiares”.

Por parte da organización agraria asistiron ao encontro Conchi Docampo e María Ferreiro, ambas integrantes da Executiva do SLG, que denunciaron que “a Axencia Tributaria está a cobrar fortes impostos en casos nos que non debería sequera aplicalos”. “Por exemplo, cando se traspasa unha granxa aos fillos ou fillas, a Axencia Tributaria considera que os dereitos de pagamento básico da Política Agraria Común (PAC) que van aparellados á explotación son unha ganancia patrimonial, como se fose unha operación de compravenda, polo que lle aplican unha taxa impositiva superior ao 15% sobre o suposto valor deses dereitos. Rizando o rizo, isto tamén acontece entre cónxuxes en réxime de gananciais cando un deles se dá de alta como titular dunha granxa da que, en teoría, xa tiña o 50% da propiedade”, explican dende o Sindicato Labrego.

Excesiva fiscalidade para as axudas de incorporación

Outro problema que denunciaron ante Belén do Campo foi “o da excesiva fiscalidade que a Axencia Tributaria imputa ás primas de incorporación -os impostos poden chegar a un terzo do importe da axuda- e a enorme carga burocrática que supoñen”.

“Coñecemos casos concretos de mozos e mozas a quen se lles concedeu unha prima de incorporación de 22.000 € que, ao ser considerada ganancia patrimonial, tivo que tributar entre 5.000 e 6.000 €. A isto, engádese o agravante de que Facenda cóbrache eses impostos no ano da concesión, cando o ingreso efectivo da prima é no seguinte ano”, aseguran.

Unha das cuestións sobre a que incidiron as representantes do SLG no seu encontro con Belén do Campo, é que esta fiscalización excesiva estase aplicando a axudas concedidas no ano 2015. Deste xeito, advertiron de que “en anos posteriores, o importe das axudas de incorporación incrementouse considerablemente, polo que os cartos a pagar polas subvencións concedidas a partir de 2016 poden dispararse e ocasionar problemas de liquidez insalvables para os mozos e mozas que as recibiron”.

SLG: “A Xunta ten que implicarse e buscar coa Administración Central unha solución inmediata”

Segundo o Sindicato Labrego, a resposta por parte da Consellaría de Medio Rural “foi que xa lle transmitiron esta problemática á Axencia Tributaria, Ministerio de Agricultura e Delegación do Goberno”.

Sen embargo, dende a organización agraria insisten en que “é necesario que o Goberno da Xunta dea un paso máis á hora de implicarse e incluír esta problemática na axenda de traballo coas institucións centrais para tratar de resolvelo de maneira inmediata (….) porque a realidade é que a pesares de telo explicado e denunciando diante de responsables da Axencia Tributaria, do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, segue sen facerse nada ao respecto”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información