O SLG alega contra o parque eólico de Ordes por “usurpar” máis de 6.000 hectáreas ás granxas

O SLG alega contra o parque eólico de Ordes por “usurpar” máis de 6.000 hectáreas ás granxas

Parque eólico

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar, diante do Ministerio de Agricultura, un extenso documento de alegacións contra o parque eólico de Pobra, que afecta 6.670 hectáreas dos termos municipais de Mesía, fundamentalmente e, en menor medida, de Oza-Cesuras e Abegondo.

Este parque está a ser promovido pola empresa Green Capital Power, cunha participación maioritaria no seu capital social dun fondo de investimento de Arabia Saudí.

O SLG denuncia que 8 dos 15 aeroxeneradores proxectados están a menos de 500 metros de núcleos rurais, incumprindo a distancia mínima que esixe o Plan Eólico de Galicia e a Lei 5/2017. En canto á superficie que pretende expropiar o proxecto, está a ser utilizada, na actualidade, con fins agrícolas, gandeiros, forestais e residenciais. “A todos estes terreos, habería que engadir a execución de 7.500 metros de camiños dos que nin sequera se fixo informe de impacto ambiental no proxecto da empresa”, advirten.

Nas alegacións do SLG, explícase que só no concello de Mesía hai 346 granxas de vacún, con 329 postos de traballo dados de alta na Seguridade Social. Están afectadas tanto granxas convencionais como ecolóxicas. Neste sentido, alertan de que “a cercanía dos aeroxeneradores ás explotacións gandeiras, se estes chegan a implantarse, provocarían ruídos e ondas electromagnéticas que causarían estrés nas reses, o que incidiría negativamente na súa alimentación e produción final, podendo chegar a sufrir abortos, problemas de xestación, etc”.

“O feito de que o meirande dos terreos afectados sexan de uso agrícola e gandeiro diminuiría a base territorial das granxas e a súa viabilidade futura. Tamén hai unha parte considerable de terras que están dedicadas ao aproveitamento madeireiro, unha fonte de ingresos decotío complementaria e de grande importancia para moitas explotacións e empresas ligadas ao sector forestal”, engaden.

Distancias ilegais dos aeroxeneadores respecto das casas, centros escolares e de saúde

Por outra parte, o Sindicato Labrego advirte de que varios dos aeroxeneradores proxectados terían unhas distancias ilegais respecto a centros escolares e de saúde, así como de moitos núcleos de poboación.

A organización agraria tamén denunciou nas súas alegacións a pretensión de Green Capital Power de levar a cabo un macro-proxecto que presenta fragmentado en varios pequenos, uns seguidos dos outros, e que abranguerían unha franxa que vai dende Cerceda a Vilasantar.

“De feito, a este proxecto de Pobra, únenselle a unha banda e outra os proxectos de Gasalla e Monte Inxerio, Ardemil e Lavandeira, que afectarían outros termos municipais a maiores dos citados como Ordes, Oroso, Frades ou Vilasantar”, advirten.

Para o Sindicato Labrego Galego, “a Xunta non pode autorizar este proxecto eólico polo forte impacto negativo que tería na vida diaria das persoas afectadas e no principal medio de vida da zona, que é a gandería e a produción de leite”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información