O SLG advirte de que hai granxas sen cobrar a PAC 2017 polos procesos de parcelarias

A organización agraria solicitará unha reunión urxente coa Consellería do Medio Rural para abordar o problema, do que responsabiliza á Xunta

O SLG advirte de que hai granxas sen cobrar a PAC 2017 polos procesos de parcelarias

Vista aérea dunha parcelaria.

En toda Galicia, o Sindicato Labrego Galego (SLG) ten detectado que hai granxas afectadas por procesos de concentración parcelaria que están a sufrir serios retrasos no cobro das axudas da Política Agraria Común (PAC). A organización agraria advirte de que hai explotacións que nin cobraron a PAC 2017 nin os anticipos da PAC 2018. O SLG ten previsto solicitar unha reunión coa Consellería do Medio Rural para abordar a situación, da que responsabiliza á Xunta.

“O problema radica -según expón o Sindicato Labrego- en que, por mor da desidia da Consellaría de Medio Rural, moitas fincas con dereitos de cobro na PAC afectadas por parcelarias non están actualizadas e, polo tanto, non poden ingresar os cartos a que teñen dereito até que os predios afectados se actualicen. Cómpre destacar a importancia destas axudas para a economía labrega, especialmente para aquelas granxas que se endebedaron con investimentos e que teñen que facer fronte á devolución de préstamos”, advirte a organización agraria.

O número de explotacións afectadas é unha incógnita, aínda que poderían estar afectadas moitas ganderías ubicadas en zonas de concentración parcelaria, segundo o SLG.

A organización agraria lembra que a convocatoria da PAC 2018 enumera no seu anexo zonas de concentracións parcelarias en 35 concellos das catro provincias, existindo ademais problemas noutros concellos con parcelarias rematadas, coma Goá (Cospeito, Lugo) ou Pezobre (Santiso, A Coruña).

As zonas en concentración identificadas por Medio Rural na convocatoria da PAC son as seguintes:

– A Coruña: Abegondo, Arzúa, Boqueixón, Cesuras, Oza-Cesuras, Coristanco, Mazaricos, Mesía, Melide, Narón, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Touro e Zas.

– Lugo: Abadín, Alfoz, Baleira, Castro de Rei, Mondoñedo, Riotorto e O Valadouro.

– Ourense: Allariz, Cartelle, Xunqueira de Ambía, A Merca, Porqueira, Verea e Verín.

– Pontevedra: O Covelo, A Estrada, Forcarei, Lalín e Vila de Cruces.

Desde a perspectiva do SLG, “todo este problema é unicamente imputable á Consellaría de Medio Rural, probablemente motivada polos fortes recortes do persoal, que debería xestionar a actualización das fincas afectadas, ben nas oficinas agrarias comarcais, ben en organismos coma o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA)”. O Sindicato Labrego ten solicitada unha reunión con Medio Rural para pedirlle urxencia no proceso.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información