O SLG advirte de posibles erros masivos en Catastro que afectarían ao IBI das instalacións agrogandeiras

O SLG advirte de posibles erros masivos en Catastro que afectarían ao IBI das instalacións agrogandeiras

O Sindicato Labrego Galego advirte de que “do mesmo xeito que aconteceu en Vilalba o ano pasado, neste 2018 a veciñanza de Cospeito vén de recibir 400 notificacións nas que lles reclaman atrasos do IBI de 2016 a bens regularizados ese mesmo ano”, debido a erros masivos na revisión catastral.

“Xa non abondaba cos prexuízos económicos do catastrazo -taxas de 60 euros na revisión de cada ben e o correspondente incremento do IBI-, senón que agora castigan aos e ás contribuíntes cunha carreira de obstáculos burocrática innecesaria motivada por erros administrativos”, denuncian dende o SLG.

Así, despois de varias comprobacións, no sindicato constan que “moitos deses expedientes correspóndense con cortes e instalacións agrarias e non teñen a obriga de pagar eses atrasos porque as alteracións deberían ter efectos no Catastro Inmobiliario dende o 1 de xaneiro seguinte a aquel no que se publique a resolución do procedemento de regularizacion catastral en cada municipio”.

A normativa reguladora especifica di sobre a data de alta para as construcións indispensables para o desenvolvemento das explotacións agrarias que: “Los valores tendrán efectividad el día 1 de enero siguiente a aquel en que se publique la mencionada resolución, con independencia de la fecha en que se notifiquen.” É dicir, o erro radica en que os expedientes foron tramitados como de “regularización” e non como “regularización rústica indispensable”.

Só 11 dos 67 municipios lucenses están “vacinados” contra estes cobros indebidos do Catastro

No Sindicato Labrego Galego preocúpalles que esta situación se teña dado no pasado en máis concellos ademais de Vilalba e Cospeito, e se estea a producir na actualidade noutros municipios galegos.

“Tendo en conta que o problema xorde nos concellos que teñen ponencia de valores anterior ao 1 de xaneiro de 2006, que na provincia de Lugo só 11 concellos dos 67 a teñen actualizada nunha data posterior, e que na actualidade a maioría xa teñen rematado o proceso de regularización, podería haber ducias de municipios afectados en toda Galiza nos que se lles está a cobrar atrasos do IBI indebidamente”, advirten.

 O problema xorde nos concellos que teñen ponencia de valores anterior ao 1 de xaneiro de 2006

Ante esta situación, o Sindicato Labrego Galego rexistrou o día 11 de maio un escrito dirixido á Xerencia Territorial do Catastro preguntándolle se esta situación se deu en máis concellos galegos e, de ter sido así, solicitan a enumeración dos mesmos.

Tamén lle preguntas+n cal é a maneira de proceder do Catastro diante desta problemática e se van revisar de oficio os expedientes. “En caso de non terse feito estas comprobacións, dende o SLG urximos ao Catastro a comprobar todos os concellos nos que se puido detectar este problema e a actuar de oficio, informando aos e ás contribuíntes afectados/as”, explican.

A maiores, tamén solicitan unha entrevista con responsables da Xerencia Territorial do Catastro para abordar esta problemática.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información