O sistema gmp.Galis xa aglutina ao 95% da produción de pensos compostos de Galicia

O sistema gmp.Galis xa aglutina ao 95% da produción de pensos compostos de Galicia

Ánxeles Vázquez na clausura da xornada

Máis dun cento de representantes da industria da alimentación animal reuníronse este venres en Santiago no marco do Foro Galicia Alimentos Seguros, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC).

Esta xornada serviu para facer balance da implantación e eficacia do sistema gmp.GALIS (ou Galicia Alimentos Seguros), o sistema de control conxunto das materias primas utilizadas para a fabricación de alimentos compostos para animais. Nos seus dez anos de funcionamento, gmp.GALIS aglutinou en prol da seguridade alimentaria ao 95% da produción de pensos compostos en Galicia e aos principais provedores e importadores de materias primas para a alimentación animal.

A celebración deste foro anual sobre o sistema gmp.GALIS serve cada ano para poñer en común diferentes temáticas de interese para ambos os sectores e para reunir aos diferentes axentes relacionados co sector agropecuario galego.

Sistema gmp.Galis

No ano 2005 o Sector de Fabricación de Alimentos Compostos para Animais de Galicia deu un paso adiante no que a control da Seguridade Alimentaria refírese, máis aló do que a lexislación europea marca en relación aos autocontrois obrigatorios de cada fábrica para garantir a salubridade das súas producións. O sector galego abordou a seguridade alimentaria dos pensos de forma sectorial, mediante a posta en marcha dun innovador sistema de control conxunto das materias primas utilizadas en Galicia, baseado na aplicación de criterios de Análises de Perigos e Puntos de Control Críticos (APPCC). Este sistema establece un control sectorial sobre os produtos para a alimentación animal en Galicia, máis intenso do que podería facer ningunha fábrica de forma individual.

Este sistema, denominado gmp.Galis ou Galicia Alimentos Seguros, creouse a iniciativa da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), converténdoo nun sistema pioneiro en España para o control das materias primas utilizadas na alimentación animal.

Xornada anual

O Foro Galicia Alimentos Seguros, patrocinado pola USSEC (United States Soybean Export Council) e inaugurado polo Presidente de AGAFAC, Francisco Javier Barcia, congregou no Hostal dous Reis Católicos a representantes da industria de fabricación de pensos compostos, provedores e importadores de materias primas, almacenistas portuarios, laboratorios, asociacións sectoriais e administración autonómica, e foi clausurado pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Moderada por José María Fernández Monje, Vicepresidente de AGAFAC, na xornada presentáronse e debateron as actuais perspectivas dos mercados de materias primas para alimentación animal, sobre cereais e proteaxinosas, a repercusión da calidade na fabricación de alimentos para animais e a situación actual e perspectivas da economía mundial, europea e española.

Mercados de materias primas para alimentación animal: situación actual e perspectivas

O trader de CEFETRA IBÉRICA SL., Pablo Palacio Fernández-Copel, presentou a súa visión acerca da actual situación do mercado de cereais e proteaginosas a nivel mundial, con series históricas de prezos, previsións de colleitas, factores de influencia no mercado, etc…

Doutra banda, Jan Van Eys, responsable de operacións sobre materias primas de G.A.N.S. (Global Animal Nutrition Solutions Inc.) e en representación da USSEC (United States Soybean Export Council) interveu cun relatorio baixo o título “Comprar materias primas de calidade é un bo negocio”, na que tratou a xestión da calidade na fabricación de alimentos compostos para animais e a repercusión positiva que iso ten no sector e na cadea de alimentación.

Por último, o economista José Carlos Díez, mostrou a súa visión acerca da actual situación da economía a nivel mundial, europeo e español, así como as perspectivas de futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información