O Sindicato Labrego pide a exención fiscal nas axudas de incorporación ó agro

A organización agraria advirte de que as persoas mozas beneficiarias atópanse con que chegan a tributar nalgúns casos ata un terzo da axuda recibida. Solicita que Medio Rural se reúna coa Axencia Tributaria para abordar o problema

O Sindicato Labrego pide a exención fiscal nas axudas de incorporación ó agro

O anuncio das máis de 600 axudas de incorporación ó agro aprobadas estes días pola Xunta suscita unha dobre lectura por parte do Sindicato Labrego Galego (SLG). A organización agraria considera esta liña de subvencións fundamental, dado o envellecemento do sector agrario, onde máis do 60% dos profesionais supera os 60 anos, pero tamén cuestiona os problemas que se están a detectar nas axudas.

O SLG advirte de que as subvencións de incorporación ó agro están a representar para moita xente nova “un auténtico viacrucis burocrático, impositivo e sancionador” por parte da Axencia Tributaria.

Persoas mozas que cobraron 22.000 euros de axudas tiveron que pagar entre 5.000 e 6.000 de impostos. A maiores, nalgúns casos, houbo sancións

Casos
A organización agraria sinala que a axuda concedida non é real, pois as persoas beneficiarias teñen que pagar unha boa parte en impostos e, nalgúns casos, en sancións.”Hai persoas que no 2014 cobraron arredor de 22.000 euros de subvención e que, ó ser considerada unha gañancia patrimonial, tiveron que pagar entre 5.000 e 6.000 euros de impostos por esa subvención”, cuestiona o Sindicato.

A maiores, no caso de persoas beneficiarias que cometeron o erro de non declarar a subvención, tiveron que enfrontarse a sancións, co cal o pago final á Axencia Tributaria superou os 7.000 euros, un terzo da axuda recibida, segundo detalla o SLG.

Dado que non se anunciou ningún cambio na tributación das axudas á incorporación, o Sindicato Labrego teme que este ano se repitan os problemas. A organización cuestiona que unhas axudas que deberían supoñer un apoio para o inicio na actividade profesional rematen por ocasionar problemas de liquidez para os produtores.

Medidas
O SLG pide que as axudas para apoiar a incorporación de xente nova ó agro estean exentas de impostos. Como medida transitoria, en tanto non se chegue a ese acordo, a organización demanda que se prorratee o cobro de impostos nos seguintes 5 anos á instalación.

Desde o Sindicato Labrego, demandan que a Consellería do Medio Rural manteña un encontro coa Axencia Tributaria para abordar estas cuestións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información