Tras un proceso con máis de trinta asembleas comarcais que se desenvolveu durante o mes de febreiro, o Sindicato Labrego Galego celebrará este sábado en Lugo o seu IX Congreso baixo o lema “Terra, prezos dignos e soberanía alimentaria”. Á fronte da organización, repetirá como secretaria xeral Isabel Vilalba, que ten unha explotación de leite e fabas en Lourenzá. Non se presentaron máis candidaturas para liderar o Sindicato. Ó longo do 2016, están previstos congresos sectoriais para escoller as direccións que se responsabilizarán dos distintos sectores agrícolas e gandeiros.
Os relatorios que se presentarán no Congreso deste sábado farán incidencia en cuestións consideradas clave para o agro galego, como a necesidade de prezos dignos en todos os sectores gandeiros ou a falta de superficie agraria. O Sindicato Labrego lembra a súa loita contra a forestación ilegal de terras agrarias e contra proxectos mineiros durante os últimos anos. A organización agraria reivindica tamén a soberanía alimentaria e a agroecoloxía, “sabendo que non son utopías senón metas acadables coas políticas axeitadas”, sinalan en nota de prensa.
Cambios estatutarios
O Sindicato Labrego someterá a votación da militancia este sábado os seguintes cambios estatutarios:
– A creación dun Encontro Anual, que se define como un espazo para a posta en común dos distintos órganos nacionais e comarcais, tanto transversais como sectoriais, do SLG, que se convocará cada ano de xeito ordinario.
– A creación dunha Secretaría de Mocidade, para organizar os afiliados e afiliadas menores de 40 anos e tratar directamente as súas problemáticas e demandas propias.
– A creación do Sector de Agroecoloxía.
– A posibilidade de que se podan afiliar ao SLG as comunidades de montes como colectivos, con independencia de que as persoas que as integren sexan afiliadas ou non.