O Sindicato Labrego advirte de que solicitar axudas para o agro “converteuse nun vía crucis”

O Sindicato Labrego advirte de que solicitar axudas para o agro “converteuse nun vía crucis”

Rolda de prensa do Sindicato Labrego.

O Sindicato Labrego Galego denuncia o que considera “unha preocupante deriva de desidia administrativa, cun vía crucis de burocracia que empeora ano tras ano e que afecta transversalmente a toda a Xunta de Galicia”. Segundo a organización agraria “iso pode traducirse na perda da varias liñas de axudas esenciais para a viabilidade das nosas granxas”.

Para o Sindicato Labrego tres son as causas desta situación. Por unha parte, que as axudas se convoquen cun mes de prazo, “manifestamente insuficiente, xa que requiren documentos de tramitación lenta, como licenzas de obra no caso dos plans de mellora; ou estudos económicos e de viabilidade para as incorporacións”.

Como exemplo poñen as axudas para plans de mellora e de incorporación, cuxo prazo remataba o 2 de maio, pero que se ampliaron ata o día 15, “pero iso -critican dende o Slg- soubémolo a finais de abril, e fomos tendo información a través de rumores e vías extraoficiais, coma o Facebook da conselleira de Medio Rural”. “Semella que, a partir de agora, vai ser necesario facerse “amigo” ou “amiga” de Ángeles Vázquez para ter cumprida información da súa Consellería”, ironizan. “O lóxico sería dar un prazo razoable dende o principio para tramitar unhas axudas tan complexas”, subliñan.

O Slg critica “o demantelamento das Oficinas Agrarias Comarcais e a privatización dos servizos que prestaban”

En segundo lugar, o Sindicato Labrego atribúe como unha das causas da maior dificultade para solicitar axudas para o agro “o desmantelamento das oficinas agrarias comarcais, que está facendo que, cada vez, estean a prestar menos apoio aos labregos e labregas”.

“As OACs deixaron de prestar servizos como o apoio á tramitación das axudas da PAC ou os estudos económicos para as subvencións de incorporación, privatizando este servizo, xa que se trata de xestións que as granxas teñen que externalizar en xestorías ou asesorías privadas pola súa grande complexidade e esixencias técnicas”, denuncian dende o Slg.

“Son necesarios prazos suficientes e realistas para realizar as tramitacións”

E en terceiro lugar, o Slg critica que moitas solicitudes de axudas só se podan presentar vía internet, “cando no rural -advirten- hai serias dificultades para ter acceso a Internet, e cando a profesión agraria está notablemente envellecida e moitos e moitas profesionais non saben utilizar novas tecnoloxías, é manifestamente discriminatorio”.”Por se non abondase, -engaden- os sistemas informáticos desenvolvidos pola Administración para tramitar estas axudas son unha auténtica chapuza e dan serios problemas ano si, e ano tamén”.

Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego ven necesaria unha ampliación dos prazos de solicitude máis alá do 15 de maio, e que “en anos vindeiros solucionasen todas estas eivas con medidas como un maior apoio das oficinas agrarias comarcais, prazos suficientes e realistas para realizar as tramitacións ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas máis sinxelas e efectivas que as actuais”.

“Ao fin e ao cabo, as axudas deberían servir para apoiar a actividade económica das nosas granxas e non para complicarlle a vida aínda máis aos labregos e labregas que traballan nelas”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información