A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“O sector gandeiro está retomando os investimentos para aumentar capacidade”

A lixeira recuperación do mercado lácteo e os baixos tipos de interese animan os proxectos de mellora das ganderías. Falamos co subdirector de Caixa Rural Galega, Gabriel Guijarro, sobre a situación financieira das explotacións

“O sector gandeiro está retomando os investimentos para aumentar capacidade”

Gabriel Guijarro, subdirector xeral de Caixa Rural Galega.

As explotacións lácteas atravesaron dous anos críticos no 2015-16, aínda que a lixeira recuperación do 2017 está permitindo que as ganderías retomen o pulso e afronten novos proxectos de ampliación. Analizamos a situación co subdirector xeral de Caixa Rural Galega, Gabriel Guijarro, que ve positivos estos pasos, sempre que se tomen desde “criterios económicos sostibles”.

Comecemos falando da situación atípica que se está a vivir a nivel financieiro, cuns moi baixos tipos de interese. Qué repercusión está a ter este escenario xeral no caso concreto de Caixa Rural Galega e dos seus clientes?
– Os investidores dos dintintos sectores (primario, industrial, de servicios, familias… ) veñen dunha situación pasada de maior endebedamento, e tiveron como prioridade nos últimos anos baixar ou reaxustar débeda, alongando prazos, aproveitando precisamente eses tipos baixos e o exceso de cartos (liquidez) no sistema financieiro, todo elo co fin de conquerir unha situación financieira máis cómoda e de certa tranquilidade. Só é agora cando algúns investidores se deciden voltar a investir, pero os pequenos crecementos da demanda tampouco animan a facer grandes inversións.

“A maioría dos sectores tiveron nos últimos anos a prioridade de baixar ou reaxustar a súa débeda”

Caso distinto é o do sector gandeiro. O incremento no prezo do leite desta última campaña está a facer que se demande crédito para aumentar a cabana gandeira e facer novas inversións en maquinaria e en maior capacidade.

Mentres, para Caixa Rural Galega, os tipos baixos reducen significativamente a marxe financieira, co cal se ve obrigada a incrementar volumes e productividade para manter un nivel de beneficio que posibilite seguir medrando pouco a pouco. O factor positivo é que a morosidade vense reducindo e permite recuperar parte das dotacións efectuadas no seu día.

Hai perspectivas dunha elevación próxima dos tipos de interese? Qué recomendacións lle transmitides ós vosos clientes a nivel crediticio e de aforro?
– Lévase tempo falando de que os tipos de interese van subir, pero o certo é que seguen baixos. A nivel crediticio, recomendámoslles que se financien a tipos fixos, pois tal e como está o prezo da Débeda Pública, sobre todo coa recente mellora do rating de España e a baixada da prima risco-país, hoxe é posible pechar tipos a longo prazo máis baixos que nunca. Non sabemos canto tempo se manterá esta situación, así pois creemos que é un magnífico momento para endebedarse, sempre con criterios económicos sostibles.

A nivel de aforro, o que podemos recomendar é non investir en productos a longo prazo, esperando ese rebote de tipos. Cecais os fondos son hoxe a mellor alternativa, pois permiten mobilizar os aforros dun producto a outro sen peaxe fiscal.

Pasemos ó traballo específico de Caixa Rural Galega co sector agrario, que continúa a ser un dos piares da vosa actividade. O sector lácteo vén de dúas campañas marcadas polos baixos prezos, que non remataron de recuperarse este ano, como se esperaba, en tanto o sector da gandería de carne está a verse este ano afectado pola seca. Como valorades a evolución da situación financieira das explotacións?
– Os anos precedentes foron moi duros para as explotacións leiteiras, que viron recortada de forma drástica a súa marxe. Puideron subsistir estes anos, con moito esforzo, pola capacidade do gandeiro galego para vivir do autoconsumo, practicamente sen asignarse un salario, un factor unido ao bo comportamento das materias primas e ás melloras de productividade nas ganderías nos anos precedentes, grazas ós plans de mellora, así coma ao alongamento dos prazos de pago.

“Dous retos importantes das ganderías son aumentar a base territorial e lograr máis poder de negociación fronte ás industrias”

Afortunadamente, a pequena mellora actual en prezos mudou o escenario de perdas, e está a posibilitar un respiro para todo o sector, que esperemos se manteña ou incluso mellore. Neste senso hai que seguir traballando na procura de tamaño (base territorial e nº de cabezas) e en organizacións de productores que permitan certo poder de negociación fronte á industria, co fin de que os prezos en Galicia non segan a ser os máis baixos de todo o Estado.

As ganderías de carne teñen tamén como asignatura pendente o incremento de tamaño (en base territorial e cabezas), e buscar relacións estables cos compradores, para conquerir ingresos regulares.

O IGAPE está a lanzar liñas de apoio á financiación das explotacións. Védelas de interese para o agro?
– Os convenios do Igape para o sector primario oriéntanse a financiar circulante e a refinanciar pasivos. Parécennos unha boa medida para aquelas explotacións que están máis apuradas, sen embargo desde Caixa Rural Galega sempre apostamos por axudas ligadas á mellora da competitividade, que é o que da forza ó sector a longo prazo, e posibilita que compitamos a nivel mundial, aproveitando ademais as boas condicións climáticas da nosa terra para os pastos e outros factores como a mellora xenética e o bo facer dos nosos gandeiros no manexo dos animais.

En canto ás novas incorporacións ao agro e os plans de mellora de explotacións que estades financiando, que tendencias vedes de investimento nas explotacións?
– As tendencias son as mesmas que nos últimos anos: fomentar a incorporación de gandeiros mozos ás explotacións, que valorizan o campo e veñen con novas ideas e moita ilusión a un sector que deixou de ser a pata pobre da economía. A crise polibilitou outra perspectiva e fixo que moitos mozos visen no rural o seu futuro profesional, onde desenrolar as súas capacidades.

“Unha tendencia que se consolida son os plans de mellora no sector avícola, onde se están a lograr marxes interesantes”

Asimesmo estanse a facer moitos plans de mellora para posibilitar incrementos de tamaño, cos que ser máis eficientes en producción e recría.

Por último, unha tendencia que se consolida nos últimos anos son os plans de mellora para o sector avícola (carne e ovos en producción campeira e ecolóxica), onde as marxes son hoxe moi interesantes, e a demanda destes productos vai en aumento.

Dos servizos que lle presta Caixa Rural Galega ás explotacións, que liñas destacariades?
– Cubrimos todas as súas necesidades financeiras, poñendo ó seu alcance unha banca moderna con todas as aplicacións a través de internet e do teléfono móbil. Pero o máis importante, como sempre dicimos, é que somos totalmente permeables ó sector: falamos todos os días con eles, sabemos dos seus problemas, visitamos as súas instalacións, somos mois conscientes en todo momento das súas necesidades, e sabemos que temos que estar a carón deles nos peores momentos.

Logo cando todo vai ben, seguimos a ser o seu banco de referencia por ese mesmo motivo. O servicio é integral: dende agroseguros para a explotación, ata financiacións específicas, inversións a longo prazo axustadas a cada necesidade, financiación de aprazamentos, e todo elo a tipos de interese éticos para ambas partes, como non pode ser doutro xeito a relación entre a Caixa Rural e os seus socios cooperativistas.

Como valorades os proxectos industriais e de unión cooperativa que se están a xestar en Galicia, cos casos paradigmáticos de Aira e de Clun?
– Alégranos moitísimo que as cooperativas se entendan e queiran sumar coñecemento, experiencias, mercados, e traballo. Cando esto se persegue, tarde ou cedo acábase convertindo nun referente. Esperemos que axiña estes proxectos culminen en productos e servizos galegos de calidade e moi competitivos, que os fagan atractivos en todo o mundo.

Gustaríanos tamén que a carón destes proxectos de unión, se fomentaran iniciativas públicas ou privadas para incrementar a concentración territorial, que hoxe segue a ser o principal problema das nosas ganderías.

Pola nosa parte estaremos encantados de aportar o noso grao de area para todas estas iniciativas e poder valorizar o noso entorno agrario, gandeiro, forestal e paisaxístico.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información