“O rural convértese nunha reserva para a desneurotización da xente da cidade”

A IX edición do Son d'Aldea reflexiona sobre a situación do mundo rural hoxe desde a perspectiva das persoas maiores e rememora aquelas aldeas vivas e cheas de xente anteriores ao éxodo rural e á emigración

 

Alberto Saco, durante a súa intervención na mesa redonda sobre os maiores no rural no Son d'Aldea

Alberto Saco, durante a mesa redonda sobre os maiores no rural no Son d’Aldea

Alberto Saco é profesor de Socioloxía da Universidade de Vigo e fai máis de 30 anos -“na época hippie”, lembra- que se foi vivir ao rural de Ourense. Durante sete anos foi o último habitante da súa aldea, no concello de Nogueira de Ramuín, e como experto en demografía reflexionou onte no Son d’Aldea, que se celebra esta fin de semana nas instalacións de Arqueixal en Santiago de Albá (Palas de Rei) sobre o futuro dun rural galego con cada vez menos xente.

“O rural é máis necesario ca nunca. Mesmo a xente da cidade necesita un espazo para a desconexión dese mundo urbano. O medio rural cumpre hoxe tamén unha función como reserva para a desneurotización da xente da cidade”, argumenta.

“Outra cousa -engade- é que o rural volva cumprir a función que tiña como provedor de alimentos e sirva para dar emprego a moita xente nas aldeas, porque, entre outras cousas, para producir alimentos hoxe coa mecanización, a robotización e a tecnoloxía fai falla moi pouca xente, moita menos ca antes”, indica.

“A xente da cidade valora a paisaxe do rural pero pensan que esa paisaxe xérase soa”

Pero reivindica outro tipo de función produtiva das persoas que viven no rural. “A xente da cidade valora a paisaxe do rural pero pensan que esa paisaxe xérase soa e a paisaxe non se xera soa, está xerada por persoas, se non hai persoas non hai paisaxe”, argumenta.

Con todo, asegura que a visión que había respecto ao rural está a cambiar. “O rural tivo durante moitos anos un concepto moi negativo tanto para a xente da cidade como para a xente do propio rural, como un lugar de paletos, hoxe esa visión variou e ten un valor positivo mesmo para a xente da cidade aínda que pensado máis como lugar de descanso e desconexión, como espazo para visitar, máis que para vivir e traballar”, di.

Neorurais vs “indíxenas”

Alberto é partidario de potenciar esa relación entre “indíxenas rurais e foráneos” para “converter unha invasión nun proxecto común”. “O fracaso da xente da cidade que se vai vivir ao rural é querer trasladar a cidade e ese xeito de vida ao rural”, di. Observa xa unha “gran desconexión” das xeracións máis novas nadas e criadas nas cidades galegas a respecto da forma de vida e das costumes do rural e pensa que ese feito está a facer que xurdan “conflitos”. “Non se pode ir ao rural dicíndolle á xente o que ten que facer, é unha contradición definirse como animalista e criticar que as vacas estean estabuladas producindo leite e logo ter o can metido no piso 22 horas ao día”, exemplifica.

Por iso demanda “respecto” para o modo de vida e as costumes propias do rural. “O rural atesoura unha sabedoría ancestral que vai máis aló dos avances tecnolóxicos. Podes ir co metro medir para poñer as patacas xusto a 53 centímetros, pero as patacas non entenden de matemáticas”, di.

Cambiar o modelo produtivo con novas ideas

Este experto en socioloxía e domografía recomenda fuxir de catastrofismos e presentar o medio rural desde o punto de vista das súas potencialidades, entre outras cousas, di, “porque a visión negativa do rural retroalimenta a tendencia da xente moza a abandonalo”.

Considera que “non é un problema demográfico senón de modelo produtivo” e di que “o abandono nas últimas décadas dos sectores produtivos no rural en favor dos sectores vinculados aos servizos nas cidades deixou sen base económica a moitas zonas rurais” polo que “o modelo produtivo actual non é capaz de xerar no rural a capacidade económica suficiente como para empregar á xente moza, aínda que haxa pouca, sobre todo aquela con maior cualificación”, asegura.

“Non é un problema demográfico senón de modelo produtivo”

“O modelo aplicado até agora non dá máis de si”, asegura. Fan falla novas ideas e nova xente para poñelas en marcha, di, por iso reivindica un cambio xeracional nas intitucións de poder económico e político.

É unha evidencia numérica que na maioría de zonas rurais do interior de Galicia hai pouca xente nova, pero aínda así este demógrafo ourensán considera que non estamos diante dun problema demográfico, senón de despoboamento. “A poboación mundial medra e estabilizarase a mediados de século arredor dos 9.700 millóns de habitantes, o problema é que a xente marcha do rural cara as cidades e ese proceso migratorio dase na maior parte do planeta”, explica.

No caso de Galicia, explicou, “hai concellos nos que hai 20 vellos por cada mozo menor de 15 anos”. “Con esas porcentaxes son lugares abocados ao abandono e o despoboamento”, engadiu. Nesta situación estarían xa na actualidade moitas aldeas dos concellos de montaña de Lugo e Ourense, dixo. En concreto, en 6 municipios de A Coruña, 5 de Pontevedra, 40 de Lugo e 72 de Ourense, o número de habitantes menores de 20 anos non chega ao 10% de la poboación.

Os maiores no rural

Público asistente á primeira xornada do Son d'Aldea no Parladoiro de Arqueixal en Santiago de Albá

Público asistente á primeira xornada do Son d’Aldea no Parladoiro de Arqueixal

A edición deste ano do Son d’Aldea manten como fío condutor a análise da situación demográfica actual da maioría das aldeas galegas, unha temática que se encetou onte cunha xornada de debate que prestou atención ás persoas maiores no medio rural, á súa situación e diversidade, aos procesos de participación social e ao mantemento da poboación no rural a través dos servizos de proximidade.

Alberto Saco explicou que “o envellecemento da sociedade rural galega é un fenómeno que se ven dando desde os anos 70, o que ocorre é que agora agudízase máis”. “O que está pasando hoxe na nosa sociedade é algo inédito. Antes os tempos vitais da xente ían máis acompasados aos tempos biolóxicos, hoxe están máis distanciados, nunca antes tanta xente chegara a tan maior”, indicou.

Quixo tamén desbotar algúns mitos. “No rural hai unha maior porcentaxe de poboación maior, pero en termos absolutos onde máis vellos hai é nos entornos urbanos, é certo que moitos trasladáronse alí porque é onde teñen os servizos, pero é nas vilas e cidades onde numericamente máis persoas maiores hai e é onde tamén hai maior déficit de atención”, asegurou.

ÍNDICE DE REEMPRAZO. Municipios galegos onde hai 5 veces máis persoas maiores de 75 anos que menores de 10 (Autoría: Alberto José Pazo e María Pilar Moragón)

ÍNDICE DE REEMPRAZO. Municipios galegos onde hai 5 veces máis persoas maiores de 75 anos que menores de 10 (Autoría: Alberto José Pazo e María Pilar Moragón)

A traballadora social e socióloga da Universidade de Vigo Raquel Vázquez defendeu os servizos de proximidade para a atención e o mantemento das persoas maiores no rural e indicou que “as Administracións públicas teñen que crear servizos e recursos adaptados á situación da poboación maior e tamén especificamente adaptados á poboación maior que vive no rural, e no rural estamos xa no envellecemento do envellecemento, porque non é o mesmo ser vello con 70 que ser vello con 90 anos”, argumentou.

“As Administracións públicas teñen que crear servizos e recursos específicos adaptados á situación da poboación maior que vive no rural”, demanda Raquel Vázquez

Unha demanda de maior atención á que tamén se sumou Alberto Saco, quen sen embargo engadiu que é necesario unha mellor planificación porque “non imos ter maior número de vellos que os que temos hoxe en termos absolutos e hai concellos que teñen que importar xa vellos para encher as súas residencias de maiores mentres outras zonas están descubertas”, asegurou.

Para Maria do Carme Morán, profesora da USC e especialista en animación sociocultural, é necesario repensar tamén a maioría dos programas creados neste eido para as persoas maiores do rural. “Os programas dos Concellos e das Casas da Cultura son un facer por facer sen sentido, sen reflexión, baseados na rutina e no simple reconto do número de asistentes”, dixo. Por contra, defendeu a animación sociocultural “como estratexia de andamiaxe social, como valor de intercambio e de promoción da participación social”.

Un roteiro teatral, música, xogos e produtos artesáns completan a xornada de hoxe

O Son d’Aldea continúa hoxe analizando o rural desde a perspectiva da xente maior cun roteiro teatral que baixo o título Os ollos da experiencia percorrerá distintas localizacións da aldea lembrando escenas habituais nos pobos galegos non fai moito tempo. “Outorgamos xesto e vida ás raíces e ás sombras dos devanceiros no rural, tentamos que a lembranza colme ocos e vontades e resoen as voces da aldea de antano, mergullámonos no ser das persoas maiores, punto de unión e de experiencia, e achegámonos á memoria da tribo, á humanidade e ás lendas”, explican os organizadores.

Tralo xantar con produtos da aldea pola tarde haberá mostra de oficios artesáns e produtos de artesanía alimentaria e a cita rematará con festa e romaría tradicional. Cumprirá deste xeito o Son d’Aldea un ano máis a función coa que naceu, a recuperación e actualización da identidade cultural rural galega mediante a participación colectiva de todos os veciños e veciñas de Santiago de Albá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información