O proxecto Resfarm implantará enerxías renovables en granxas intensivas e comunidades de regantes

A iniciativa, coordinada por Unións Agrarias, busca aforrar custos nas explotacións. Os produtores interesados en instalacións como placas fotovoltaicas ou caldeiras de biomasa poden asesorarse cos socios galegos do proxecto

O proxecto Resfarm implantará enerxías renovables en granxas intensivas e comunidades de regantes

Jacobo Feijoo, na rolda de prensa.

O sector agrario de España, Italia e Portugal traballa en conxunto nun proxecto europeo, Resfarm, que busca agrupar explotacións nas que sexa rendible a implantación de enerxías renovables. O obxectivo para este ano consiste en asesorar ós produtores interesados, de cara a configurar un grupo que permita negociar con fondos de investimento.

A meta para final de ano sitúase en sumar proxectos por un mínimo de 100 megawatios instalados, unha potencia similar á de dous parques eólicos grandes. Sobre esa base, os socios da iniciativa Resfarm, coordinada por Unións Agrarias, negociarán con posibles inversores de cara a lograr unha financiación a tipos de interese baixos.

A idea é que as explotacións participantes poidan implantar sistemas de enerxías renovables pagando unha cota anual, ata a amortización das instalacións, inferior a súa actual factura eléctrica.

Explotacións interesadas
O acceso ás enerxías renovables ofrece unha oportunidade para reducir o custo eléctrico no agro. As posiblidades actuais son limitadas, pois a lexislación española penaliza o autoconsumo enerxético se se comercializa a enerxía sobrante, pero aínda así, hai explotacións para as que sería rendible a instalación de renovables co único fin do autoconsumo.

Desde Unións Agrarias identifican principalmente dous grupos de interese. Por un lado, granxas intensivas (polos, porcino, etc.), que poderían utilizar placas fotovoltaicas para a ventilación das naves no verán, e caldeiras de biomasa para a calefacción do inverno. Por outro lado, comunidades de regantes, que poderían instalar paneles fotovoltaicos para bombear auga a unha balsa de rego.

“En canto cambie a lexislación, as enerxías renovables extenderanse como un ‘tsunami’ no rural” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

Sen as actuais penalizacións á venda da enerxía sobrante á rede, a instalación de placas fotovoltaicas sería tamén de interese nas granxas de vacún. Agora non é viable na maioría dos casos, se ben o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, dá por feito que nun futuro cambiarán as relacións de poder e, por tanto, o marco normativo: “En canto cambie a lexislación, as enerxías renovables extenderanse como un ‘tsunami’ no rural”, pronostica.

Os produtores interesados en valorar as posibilidades que teñen as enerxías renovables no seu caso poden contactar cos socios galegos do proxecto Resfarm. A parte de Unións Agrarias, que coordina a iniciativa co conxunto de socios agrarios, tecnolóxicos e financieiros que participan na mesma, tamén figuran en Galicia a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e o Sindicato Labrego Galego.

Propostas para cambiar o marco legal
O grupo de traballo de Resfarm, integrado por entidades de España, Italia e Grecia, ten previsto trasladarlle este ano unha serie de propostas á Comisión Europea para mellorar o marco legal das enerxías renovables. Unións Agrarias, ademais de pedir a modificación da lexislación española, suxeriralle á Comisión Europea que teña en conta os proxectos de enerxías renovables á hora de medir a pegada de carbono das explotacións, isto é, os seus niveis de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Espérase que no próximo periodo da Política Agraria Común (PAC), a partir do 2020, as axudas europeas ó agro estean condicionadas a unha diminución da pegada de carbono das explotacións. Unións sinala que todos aqueles produtores con proxectos de enerxías renovables verían reducida a súa pegada e, a maiores, suxeriralle á Comisión que os sistemas de enerxías renovables puntúen positivamente para o acceso a determinadas axudas, como o pago verde (greening).

A organización agraria lembra tamén que a Comisión Europea fixou para o 2030 un obxectivo dun consumo do 27% en enerxías renovables, cando actualmente, no caso de España, só chega ó 15,6%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información