O programa Leader achegará axudas por 84 millóns ao agro galego ata 2020

O Consello da Xunta activou hoxe este programa en Galicia. A partir de agora comezará o proceso para a selección de estratexias de desenvolvemento local e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural (GDR)

O programa Leader achegará axudas por 84 millóns ao agro galego ata 2020

O agro galego beneficiarase dunha achega de 84 millóns de euros no marco do programa de desenvolvemento rural Leader ata o ano 2020. O Consello da Xunta activou hoxe este programa en Galicia, tras coñecer un informe da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) sobre as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local e para a selección e o recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural (GDR).

Estas entidades traballarán en calidade de colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia, cun financiamento do 75% do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020. Logo da publicación destas bases reguladoras, os territorios rurais poderán iniciar os procesos participativos, para conformar aos GDR e definir a súas estratexias para a posterior implementación das axudas.

Nos próximos 4 meses constituiranse os GDR nos que se seleccionarán os proxectos beneficiados polas axudas

Dentro desta planificación, nos vindeiros 4 meses está previsto que se constitúan os GDR, entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento. En total serán 24 os grupos de desenvolvemento rural que se formarán.

Os principais obxectivos do programa Leader para o período 2014-2020 son o de mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información