O Parlamento demanda máis controis sobre as concentracións parcelarias

O Parlamento demanda máis controis sobre as concentracións parcelarias

Zona de concentración parcelaria

Avaliar realmente se hai interese agrario antes de realizar unha concentración parcelaria e que nese proceso tamén se consulte ás persoas interesadas. Este é o contido da iniciativa aprobada este venres na Comisión de Agricultura, Gandería e Montes do Parlamento Galego cos votos a favor do Partido Popular, autor da proposición non de lei.

Actualmente están en marcha en Galicia 129 expedientes de concentracións parcelarias en distintos graos de tramitación, un proceso lento e custoso -o investimento público varía dos 3.000 aos 6.000 euros por hectárea-. .

Neste sentido, José González Vázquez, deputado autor da iniciativa, lembrou que o obxectivo é que para os novos procesos de concentración parcelaria que se inicien “se acredite realmente que existe un interese agrario que xustifique a actuación, para o cal é necesario establecer un procedemento de avaliación”. Neste sentido, a proposición non de lei insta á Xunta a “establecer un procedemento de avaliación do interese agrario para efectuar as reestruturacións de terras”.

Ademais, a iniciativa demanda que “no procedemento de avaliación do interese agrario que se configure, se teñan en conta as aportacións das persoas interesadas, dándolle a tal efecto un trámite de consulta”. “É imprescindible contar coa colaboración e apoio das persoas afectadas e que viven no territorio sobre o que actuar”, subliñou o deputado.

A mellora e ordenación da estrutura agraria de Galicia está regulada por tres leis: a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e, a última, a Lei 4/2015, do 17 de xuño, de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. A Consellería do Medio Rural destina este ano 22 millóns de euros para procesos de concentración parcelaria.

Valoración da oposición

Por parte, dos grupos da oposición, o deputado do Bng, Xosé Luis Rivas, considerou redundante esta iniciativa “porque non se pode iniciar ningunha concentración parcelaria sen ese requisito de avaliación de se é necesaria ou non, é o lóxico”.

Ademais, advertiu de que “na Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta de 2017 xa se cargaron os procedementos de avaliación previa, algo que agora queren colar de novo con esta esixencia lóxica de estudo de avaliación”.

Na mesma liña incidiu o deputado do PsdeG-PSOE, José Antonio Quiroga: “¿Ata agora as concentracións foron ao chou, sen procedemento de avaliación?”, preguntouse. Tamén valorou que a concentración parcelaria “é un procedemento de mellora da base territorial das explotacións que xa está superada por outros sistemas menos custosos para a Administración e menos agresivos co medioambiente”.

E por parte do grupo de En Marea, Paula Quinteiro chamou a atención sobre a necesidade de que iniciativas coma esta se acompañen de partidas orzamentarias para facelas realidade.

Axudas para medidas de prevención de ataques do lobo

Polo demais, na Comisión de Agricultura tamén se debateron dúas iniciativas do BNG e do PsdeG-PSOE nas que se lle pedía á Consellería de Medio Ambiente cambiar as axudas para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e xabaril. En concreto, demandaban que se permitise un prazo de xustificación dun mínimo de tres meses para poder programar as compras dos bens subvencionables, especialmente de cans de garda, evitando así situacións como as denunciadas de beneficiarios das axudas que non tiveron tempo para xustificalas.

Porén, o PP rexeitou as iniciativas ao non ver aceptadas as súas emendas. O deputado do PP, Carlos Gómez Salgado lembrou que “aínda que houbo casos puntuais debido a erros, a gran maioría dos solicitantes tivo tempo para adquirir o material unha vez que se lle notificou a concesión da axuda”.

Neste sentido, informou de que no caso caso das últimas axudas para previr ataques do lobo “foron xustificadas correctamente 414 solicitudes e renuncian á axuda ou non a xustificaron 43. No caso concreto, das axudas para a compra de cans de protección do gando, das 22 solicitudes aprobadas xustificáronse 16 para os peches eléctricos foron xustificadas case o 100% das solicitudes”.

Por último, os votos do Grupo Popular impediron que saíra adiante unha iniciativa de En Marea na que se pedía á Xunta “implementar mecanismos de compensación directa aos titulares dos terreos situados en Rede Natura ou noutras figuras de protección medioambiental”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información