O Museo de Lugo chama a atención sobre “a morte do rural”

Este sábado día 14 a partir das 6 da tarde 18 poetas farán a súa particular interpretación do que supón o abandono das nosas aldeas nun recital que incluirá música en directo xunto á proxección de imaxes.

O Museo de Lugo chama a atención sobre “a morte do rural”

O Museo Provincial de Lugo acollerá este sábado o recital foto-poético Os Camiños da Brétema, co que 18 escritores e escritoras queren chamar a atención sobre o despoboamento do rural galego nun acto que incluirá tamén música ao vivo sobre unha selección de imaxes do fotógrafo cántabro asentado na Pontenova Vicente Ansola.

O acto, que terá lugar no refectorio do Museo de Lugo a partir das 18:00 horas, foi presentado esta mañá polo responsable de Cultura da Deputación e do Museo Provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, na compaña de María José Fernández, do colectivo poético A Porta Verde do Sétimo Andar, e do propio Vicente Ansola, autor das fotografías, que permanecerán no Museo Provincial até final de mes.

Máis de 3.000 aldeas abandonadas en Galiza, o 50% de todo o Estado

Pode situarse na década dos cincuenta o punto de partida dun proceso de despoboamento dos núcleos rurais galegos que continuou ata hoxe, deixando un saldo de máis de 3.000 aldeas deshabitadas, o 50% das aldeas abandonadas de todo o Estado. “É neste contexto no que xorde a idea de levar a cabo o proxecto de intervención foto-poética Os Camiños da Brétema, que integra nun único corpo a fotografía de Vicente Ansola e a poesía dun total de 18 poetas que formamos parte do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar”, explica María José Fernández, que afirmou que “quixemos trazar con este recital camiños entre a néboa para denunciar esta situación”.

Así pois, palabra e imaxe atópanse e mistúranse en Os Camiños da Brétema. As e os poetas poñen voz a través dos seus poemas a unha selección de fotografías escollidas polo propio Vicente Ansola para a ocasión, todas elas tomadas no concello de A Pontenova e pertencentes aos seus traballos O pobo das néboas e A última polavila. Este acto multisensorial contará ademais con música en directo, a do cantautor ferrolán Miguel Alonso e a do grupo astur-galaico de acordeón e voz Green Label.

Imaxes da arquitectura popular galega

Os Camiños da Brétema convértese deste xeito nun espazo de confluencia de poesía, fotografía e tamén música xirando en torno á realidade rural galega, ó valioso patrimonio cultural que as nosas aldeas atesouran e, como non, ás mulleres e homes que aínda viven nelas e que son, dalgún xeito, gardiáns da memoria deste pobo.

A mostra, que se poderá ver no Museo de Lugo até final de mes, está constituída por imaxes de xentes e exemplos da valiosísima arquitectura popular galega. As fotografías representan momentos da vida cotiá dalgunhas aldeas da Pontenova e as súas xentes. Aldeas como Vilarxubín, Bogo, San Paio, Herbelle, Vilargondurfe ou Vilaeimil sobreviven grazas á mostra deste artista ao esquecemento e a ruína. Vicente Ansola gañou no ano 2011 con este traballo sobre as aldeas da Pontenova o prestixioso Premio Hasselblad Masters Adwars, un dos galardóns de fotografía máis prestixiosos a nivel mundial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información