O Goberno prevé igualar as axudas de incorporación entre as distintas Comunidades

Tamén prevé pór en marcha en 2019 un Erasmus Agrario e crear unha oficina de atención á mocidade e á muller rural. O obxectivo é incorporar 20.000 persoas á actividade agraria en España de aquí ao 2023.

O Goberno prevé igualar as axudas de incorporación entre as distintas Comunidades

Xornada "Incorpórate!", de Agaca.

O rural español ten un grave problema de relevo xeracional e Goberno e Comunidades Autónomas parece que por fin empezan a mover ficha para favorecer a incorporación da mocidade á actividade agrícola, gandeira e forestal.

Para iso, Goberno, Comunidades Autónomas e organizacións agrarias e cooperativas están a traballar desde o pasado ano nun documento conxunto, a Estratexia Nacional de Modernización e Diversificación Rural, no que tamén se inclúe o chamado Paquete Joven, un total de 38 medidas para favorecer a substitución xeracional e lograr que de aquí ao 2023 se incorporen uns 20.000 persoas á actividade agraria, gandeira e forestal en España.

O documento está en fase de alegacións, en xuño está previsto que o Ministerio presente un borrador e antes do verán prevese presentar o documento final coas incorporacións recibidas.

Neste sentido, Esperanza Orellana Moraleda, directora xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, presentou recentemente en Santiago as liñas estratéxicas nas que traballa o Goberno para fomentar a incorporación de mozos ao campo. Fíxoo no marco da xornada “Incorpórate!”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a Fundación La Caixa.

Algunhas destas medidas xa se implantaron na actual campaña da PAC, como incrementar ata no 50% o valor do dereito de pago básico para os mozos, a eliminación das “peaxes” nas transferencias de dereitos do pago básico, ou flexibilización do cómputo dos 5 anos durante os que o mozo pode recibir a axuda, que empezarán a contar desde que se solicita o complemento e desde que era titular dos dereitos.

Pero os cambios máis relevantes que prevé o Ministerio é no segundo piar da PAC, afectando aos PDR rexionais, e por tanto a competencias das Comunidades Autónomas. “Estamos a traballar con elas e no medio prazo deberían estar en funcionamento, ou incluílo no novo período da PAC a partir de 2020”, asegurou Esperanza Orellana. Estes cambios son:

-Incrementar a axuda aos mozos dentro dos PDR. Todos os Programas de Desenvolvemento Rexional teñen programadas axudas á primeira instalación, unha axuda que ascende a uns 800 millóns para o período 2014-2020 sobre un total de 13.000 millóns para desenvolvemento rural. “A axuda aos mozos é dunha media do 7% do PDR, aínda que unhas Comunidades están no 4% e outras no 11%. Parécenos insuficiente para todo este período e no Ministerio queremos que se eleve esta porcentaxe en todas as Comunidades Autónomas”, destacou a representante do MAPAMA.

-Igualar as axudas de incorporación entre as distintas comunidades. “En España unhas Comunidades dan aos mozos 23.000 euros e outras 70.000, pero non debería estar xustificada esa diferenza”, subliñou Esperanza Orellana.

-Harmonizar as condicións para acceder ás axudas de primeira instalación.
“Unhas Comunidades piden 75 horas de formación e outras 250 horas. Haberá que buscar mozos formados pero tampouco que sexa un máster que dificulte o acceso”, advertiu. Igualmente chamou a atención de que unhas Comunidades pidan un plan empresarial e outras non. “Queremos harmonizar estas diferenzas”, subliñou.

-Un titor para os mozos que se incorporan ao campo. Outra medida na que traballa o Ministerio é no asesoramento dos mozos que se incorporan mediante a figura dun titor. “É imprescindible reforzar as medidas de asesoramento dentro dos PDR”, incidiu Esperanza Orellana.

-Creación dun itinerario de instalación único para toda España. “Queremos que todo se concentre nun paquete único e se podan pedir todas as axudas dunha vez. É algo no que estamos a traballar e posiblemente necesitaremos a futura PAC para poder chegar a ese obxectivo”, avanzou a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal.

-Creación dun Erasmus Agrario. Será un programa dirixido a mozos que queiran traballar no sector agrogandeiro, agroalimentario e forestal, contemplando visitas e estancias en granxas de referencia.

“Imos crear unha base de explotacións de referencia polas súas boas prácticas. A base será en toda España, e incluirá a granxas de diferentes sectores e de distintas Comunidades Autónomas. Posteriormente, seleccionaremos aos agricultores posibles beneficiarios mediante unha convocatoria do Mapama por concorrencia competitiva. A previsión é que estea activo en 2019”, avanzou Esperanza Orellana.

– Crear unha oficina de atención á mocidade e á muller rural, co fin de atender as necesidades de información que faciliten a súa instalación no medio rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información