O Goberno facilitará a caza de xabaril ante a sobrepoboación e o risco de contaxio de enfermidades

O Goberno facilitará a caza de xabaril ante a sobrepoboación e o risco de contaxio de enfermidades

Leira de millo na Estrada estragada polos xabaríns

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ten previsto facilitar a caza do xabaril, tanto pola sobrepoboación existente en España, cualificada de praga en comunidades como Galicia, como polos riscos sanitarios que supón para o gando, en concreto de contaxio de tuberculose ao gando vacún e, sobre todo, de Peste Porcina Africana, que podería pór en risco un sector, como o porcino, no que España é líder a nivel europeo, con máis de 6.000 millóns de facturación.

Así se expuxo este luns na Mesa Nacional da Caza, que estivo presidida polo ministro Luís Planas, xunto a representantes de organizacións gandeiras e de cazadores.

Aínda que de momento o Goberno non se propón levantar un valado na fronteira con Francia para impedir o paso de porcos bravos procedentes do outro lado dos Pireneos, coma si se fixo nas fronteiras entre Bélxica e Francia e entre Dinamarca e Alemaña, o ministerio si que defende a necesidade de reducir a poboación de xabaríns na península ibérica -especialmente na fronteira con Francia- xa que esa especie é o principal reservorio da PPA nos focos europeos.

A xuízo de Planas, en España hai superpoboación de xabaríns e este asunto abordarase co sector e coas Comunidades Autónomas pero tamén co Ministerio para a Transición Ecolóxica co fin de determinar “cal é a situación e as medidas a adoptar”.

Román Santalla (UPA): “Hai posibilidade de que os gandeiros contribúan a cazar xabaríns”

Entre os asistentes á Mesa Nacional da Caza, o secretario de Gandaría da Unión de Pequeños Agricultores (UPA), o lalinense Román Santalla, destacou os pasos positivos dados na reunión para empezar a controlar a sobrepoboación de xabaríns, e con iso os cuantiosos danos que provocan nos cultivos, especialmente no millo forraxeiro, praderías ou patacas.

“Expúxose unha estratexia nacional de xestión da poboación de xabaríns, para reducila a uns niveis nos que os danos sexan asumibles e non supoña un risco sanitario para a gandaría. Tamén se vai avanzar nun plan de monitorización e control das enfermidades que transmiten estes animais salvaxes ao gando. Estas propostas o Ministerio levaraas en mazo á reunión coas Comunidades Autónomas e esperamos que sexan aprobadas”, destacou Santalla.

Outro dos aspectos a salientar da reunión, segundo o secretario de Gandaría de UPA, foi a posibilidade que expuxo a organización de que os propios agricultores ou gandeiros poidan dar caza aos xabaríns nas súas propiedades, sendo suficiente un aviso ao Seprona.

“Os cazadores recoñecen que o control da sobrepoboación de xabaríns váiselles das mans e todos os asistentes recibiron ben esta proposta”, destacou.

Estratexia común e nacional para controlar poboación de xabaríns

O Ministerio de Agricultura considera necesaria unha correcta xestión do xabaril en áreas onde aínda non está presente a enfermidade, o que esixe o desenvolvemento dunha estratexia común e coordinada a nivel nacional.

Así mesmo, a iniciativa do Ministerio constituirase un grupo operativo de traballo, xunto coas comunidades autónomas, co obxectivo de definir a estratexia a seguir nos próximos meses e iniciar as actuacións, para estender as medidas necesarias, en coordinación coa Comisión Europea (CE), co fin de evitar que a Peste Porcina Africana entre no territorio español.

O ministro asegurou que haberá “vixilancia e precaución”, e que, aínda que non hai un risco inmediato, é fundamental que todo o sector da caza contribúa e estea moi concienciado respecto diso.

Por outra banda, Planas expuxo o estado da elaboración da Estratexia Nacional de Xestión Cinexética, que o Ministerio preparará coas comunidades autónomas, e que constituirá o marco orientativo e de coordinación para a ordenación, a escala nacional, do aproveitamento cinexético.

Esta estratexia, sobre a que se empezou a traballar en pasado ano, conta xa con 5 obxectivos estratéxicos definidos, que se basean na defensa dun modelo de caza sustentable integrado no desenvolvemento rural; o establecemento de criterios xerais, directrices e indicadores de planificación da actividade cinexética; a posta en marcha de sistemas de información e monitorización da caza; o fomento da coordinación interadministrativa e a mellora da imaxe social da caza e a promoción dos seus beneficios socioeconómicos e ambientais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información