O Goberno aproba cambios na PAC para este ano

O Goberno aproba cambios na PAC para este ano

O Consello de Ministros aprobou este venres, a proposta do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, un Real Decreto polo que se modifica a normativa vixente sobre a aplicación, a partir de 2015, dos pagos directos á agricultura e a gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagos directos e dos pagos ao desenvolvemento rural.

Esta modificación incorpora ao ordenamento xurídico español os cambios introducidos polo denominado Regulamento “Omnibus” na Política Agrícola Común (PAC). Estes cambios entraron en vigor desde o pasado 1 de xaneiro e por tanto vanse a aplicar a campaña de solicitude de axudas que se inicia o próximo 1 de febreiro.

Novidades da nova norma

Pagos a novos agricultores:

Entre as novidades introducidas, cabe destacar que, para incentivar a participación nas axudas desacopladas dos novos agricultores, duplícase o valor da axuda complementaria aos novos agricultores ata o 50% (ata agora era o 25%) do valor medio dos dereitos de pago básico do agricultor mozo.

Esta axuda poderá percibirse durante cinco anos consecutivos, desde a primeira solicitude de pagamento para esta axuda complementaria (aínda que esta fose anterior a 2018), en lugar de como viña sendo ata agora, desde a primeira instalación do agricultor novo .

Pastos arbustivos:

Por outra banda, flexibilízanse os criterios para determinar unha superficie como pasto, ampliando o espectro dos pastos elixibles a todos aqueles pastos arborados e arbustivos que realmente poidan pastarse, aínda que a forraxe de carácter herbáceo non sexa maioritaria nesas superficies.

Sen embargo, isto non exime para que nestas superficies se aplique o correspondente coeficiente de admisibilidade de pastos (CAP), con obxecto de descontar zonas de masas de vexetación impenetrable, afloramentos rochosos ou outros elementos improdutivos dispersos polo pasto ou se fose o caso, pendentes elevadas.

Agricultor activo:

Aínda que o Regulamento Omnibus permite, de maneira optativa, reducir os controis da figura do Agricultor Activo, España decidiu, co propósito de manter unha correcta orientación das axudas e garantir que os pagos se conceden aos produtores que xeren unha actividade real no ámbito agrario, non introducir cambios neste aspecto e por tanto manter a normativa vixente sobre a figura do agricultor activo.

Esta orientación cara aos agricultores e gandeiros cunha actividade agraria real permitiu nos últimos anos que o número de solicitudes de PAC pasase de 915.295 no ano 2013 a 745.166 en 2017 cunha redución de preto de 170.000 solicitudes, o que supón case un 19% das solicitudes. “Isto traduciuse na mellor canalización das axudas cara ás explotacións agrarias verdadeiramente activas”, destacan desde o Ministerio.

Superficies de interese ecolóxico:

Finalmente, flexibilízanse as condicións para o cobro do pago para prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente, tanto na medida de diversificación como en relación coas superficies de interese ecolóxico. En concreto, en relación a estas últimas, mellórase o tratamento das superficies de leguminosas, e auméntase o número de categorías de superficies de interese ecolóxico, que poden ser utilizadas polo agricultor cos barbeitos melíferos (é dicir aqueles barbeitos con alta presenza de especies melíferas) e superficies de eulalias (Miscanthus) e silfo (Silphium perfoliatum).

O próximo 1 de febreiro abrirase o prazo para a presentación, ata o 30 de abril, da solicitude das axudas da PAC da campaña 2018, o que permitirá iniciar a xestión destas axudas de tal maneira que, a partir do 16 de outubro, se poidan iniciar os pagos dos case 4.940 millóns de ? que se abonarán nesta campaña.

Consulta aquí o Real Decreto cos cambios para a PAC deste ano. 

Una idea sobre “O Goberno aproba cambios na PAC para este ano

  1. Xoan

    O goberno volve a pasar olimpicamente de incluir as sebes, da vexetación de ribeira, dos valados de pedra e outros elementos singulares da paisaxe como SIEs, cando xa están sobre o terreo desde séculos e son osque teñen maior valor ecolóxico!!. Como é posible que non se “poña en valor” un patrimonio paisaxístico e natural pola Administración, que non só non premia s enon que penaliza a os agricultores que fan a s mellores prácticas, a o considerar a superficie ocupada por estes elementos singulares da paisaxe como superficie forestal (FO) o improductiva, polo tantosuperficie non elexible para as axudas da PAC. Alguenvai a correxir esta desfeita?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información