O Festival Son Labreg@ celebrarase en Chantada para reivindicar á mocidade do rural

O Festival Son Labreg@ celebrarase en Chantada para reivindicar á mocidade do rural

Vítor Rodríguez e Sonia Vidal Lamas durante a presentación do festival

O Sindicato Labrego Galego presentou este venres en Chantada, a que será a segunda edición do Festival Son Labreg@, que desta vez elixiu como escenario o entorno do Cinema Palleiriso, en Garabelos (parroquia de Mariz), apoiados por Anxo Moure e a Asociación Cultural Papaventos de Educación Ambiental.

Trátase dunha iniciativa dos mozos e mozas do SLG que están organizad@s ao redor de Mocidade Labrega e que explicaron polo miúdo dúas das persoas que a integran: Sonia Vidal Lamas, gandeira que, ademais, forma parte da Executiva do SLG; e Vítor Fernández, gandeiro tamén e membro do grupo chantadino Liviao de Marrao.

Co o lema “Construíndo soberanía alimentaria e cultural”, este festival pretende ser “unha xornada lúdica e festiva na que o lecer e a convivencia non estean rifados cos debates ou a reflexión”, explicou Lamas. “A intención é que a sociedade galega e, especialmente, aquelas persoas que nos queiran acompañar, poidan coñecer as problemáticas e desafíos aos que nos enfrontamos día a día nun ambiente festivo e en clave positiva”, engadiu.

Nun plano de diálogo e debates, a programación dará contido a esta intención con dúas palestras. Na primeira, ás 11:30 horas, sobre soberanía alimentaria, falarán mozos e mozas que xestionan anovadores proxectos agrogandeiros, como Ana Corredoira (Lácteos A Cernada), Alberto Santín (gandeiro de ovino e caprino), Xosé García (Casa da Fonte, lácteos) ou Mónica Llenderrozos (gandeira de Oscos).

Xa poñendo o foco en iniciativas culturais que se están a xerar dende o rural galego, nunha segunda palestra, pola tarde e a partir das 16:30 horas, participarán Xosé Antón Bocixa (cineasta, xestor da produtora audiovisual Tingalaranga e cantante do grupo Zënzar), Anxo Moure (Cinema Palleiriso), Lola Tourón (Cestería Viva) e Rural CE.

“Todo isto sen perder o sentido crítico”, puntualizou Sonia Vidal, “pois, dende Mocidade Labrega, con este festival tamén queremos denunciar a nefasta xestión que se está a levar a cabo do rural dende as administracións, deixándonos decotío aos mozos e mozas que vivimos no rural a única saída da emigración”.

Feira de alimentos e artesanía, obradoiros e música

Así e todo, o ambiente será marcadamente festivo, nun entorno que albergará unha feira cunha vintena de postos onde se poderán atopar dende alimentos a diversas artesanías; no que se poderá xantar nalgún dos varios restaurantes que servirán comidas ou traendo un mesmo a comida; ou participando en obradoiros para tódolos públicos como o de regueifas ou o de cestería.

Mesmo o Son Labreg@ servirá para acoller unha proba valedora para os campionatos galegos de billarda. E de cara a coñecer máis de preto un dos principais alimentos producidos na bisbarra, haberá unha cata de viños da Ribeira Sacra a partir das 21:00 horas.

En canto ás actuacións, antes de xantar haberá unha sesión vermú e un circo dirixido polo anfitrión do festival, Anxo Moure. O prato forte virá pola noite, para poñer remate ao festival, coas actuacións de Liviao de Marrao (Chantada), Cuarta Xusta (Melide), Punkdereteiras (Chantada) e DJ Peter.

E para facilitar o goce deste amplo programa, a organización disporá de ludoteca para deixar os nenos e nenas durante toda a xornada a cargo de monitores e monitoras, e haberá unha zona de acampada para todas aquelas persoa que queiran instalar unha tenda de campaña para pasar a noite.

Cartaz Son Labrego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información