O Festival Agrocuir da Ulloa ultima o programa de actividades para os días 30 e 31 de agosto

A programación inclúe música, teatro, obradoiros, poesía, cine, debates, fútbol feminino e unha entrega de premios. Nesta edición, na que reivindican a importancia da comunidade, activaron unha campaña de micromecenado que apura os últimos días

O Festival Agrocuir da Ulloa ultima o programa de actividades para os días 30 e 31 de agosto

Unha actuación nunha edición pasada do festival. // Foto: Musa Nicolás.

A Ulloa acollerá os días 30 e 31 de agosto unha nova edición do Festival Agrocuir que este ano reivindica a importancia da comunidade baixo o lema “Diversidade en comunidade”. Contarán cun programa de actividades variadas que van dende teatro ou obradoiros ata cinema ou debates, incluíndo distintas actuacións musicais.

Ademais, este ano non cobrarán entrada e as actividades localizaranse en distintos puntos da vila de Monterroso, no canto de celebrarse na Granxa Maruxa, a súa ubicación nestes anos, co gaio de ofrecer un descanso ós propietarios, e para facer máis accesibles as actividades.

Programa de actividades

O colectivo Agrocuir da Ulloa adica esta sexta edición á comunidade como un espazo seguro de coidados e resistencia, coincidindo co 50 aniversario da revolta de Stonewall, que deu lugar ó nacemento do movemento de liberación LGTBIQA+. De feito, entregará os premios á visibilidade a dúas asociacións que traballan dende hai tempo en construír comunidade.

Cartel da VI edición do festival Agrocuir da Ulloa.

Cartel da VI edición do festival Agrocuir da Ulloa.

As actividades comezarán o venres 30 de agosto na Praza do Froito de Monterroso. Contra ás 16.00 horas, terá lugar a celebración dun partido de fútbol feminino. Tamén realizarán unha proxección do documental sobre a historia Lgbt galega “Noite Irisada” e unha mesa redonda sobre performance organizada por Daniel Amarelo. Xa pola noite, contarán cunha performance de Nelu Vermouth e os concertos de Mounqup e Boyanka Kostova.

O sábado 31 a partir das 11.00 horas, a actividade trasladarase ó souto do Caracacho, onde como cada ano terán lugar diferentes obradoiros de baile tradicional a cargo de Gabi Reboredo; de construción con barro, con Guido Alfonso; e de cerámica, con Ceniza de Papel.

Tamén se representará unha obra de teatro, que este ano estará protagonizada por Carmen Conde a través do seu espectáculo Tabú. Haberá un contacontos a cargo da compañía Tropa de Trapo e actividades lúdicas para os máis novos organizadas pola Escola Semente de Lugo.

Ademais haberá unha feira de artesanía, sesión vermú-degustación, xantar popular, un espazo de poesía e concertos. Para pechar a última noite do festival, celebraranse os xa habituais cantos de taberna por Monterroso, que culminarán na área recreativa de A Peneda con pinchadiscos.

Últimos días da campaña

Nestes días previos, tamén se apura a campaña de micromecenado, á que se pode colaborar desde aquí iniciada este ano para financiar o festival. Polo momento, o colectivo acadou a cantidade mínima fixada logo de contar co apoio de máis de 400 persoas. Nestes últimos días nos que se manterá activa a campaña pódense seguir realizando aportacións para tentar acadar a cantidade óptima para a celebración do festival.

Ademais, nas semanas previas tamén se continúa coa tradición veciñal de custodia de virxes nos fogares, na que diferentes familias da vila de Monterroso custodiarán por quendas o corno agrocuir, a modo de alegoría en defensa da liberdade sexual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información