O Festival Agrocuir da Ulloa lanza unha campaña de micromecenado

O Colectivo Agrocuir da Ulloa, que iniciou a súa actividade en torno á Granxa Maruxa, trasladará este ano o Festival á vila de Monterroso coa intención de que sexa máis aberto e participativo por tódolos veciños

Publicidade
O Festival Agrocuir da Ulloa lanza unha campaña de micromecenado

Imaxe dunha edición anterior do Festival Agrocuir.

O Colectivo Agrocuir da Ulloa puxo en marcha unha campaña de micromecenado a través da plataforma Goteo para financiar a próxima edición do Festival Agrocuir da Ulloa, un festival sen ánimo de lucro e auto organizado que terá lugar os días 30 e 31 de agosto. Entre outras novidades, este ano o Festival trasladarase durante toda a fin de semana a diferentes espazos da vila de Monterroso, deixando polo de agora a Granxa Maruxa, na que comezou.

O obxectivo do cambio é que esta nova edición sexa o máis aberta e accesible posible para a xente da Ulloa e arredores, polo que tampouco se cobrará entrada para os espectáculos. Por iso, o Colectivo vén de poñer en marcha esta campaña de microfinanciación coa que recibir microaportacións que lle permitan impulsar o evento, que desde hai anos vén visibilizando a diversidade afectiva e sexual no rural.

Outros focos do Festival están na importancia da defensa da terra, na protección do patrimonio material e inmaterial da comarca da Ulloa e no papel das mulleres no sostemento do rural.

A campaña de ‘crowdfunding’ para o Festival aberta en Goteo ten o obxectivo de acadar un mínimo de 11.300 euros para cubrir os gastos da celebración. Polo de agora, leva xa conseguido un 22%. Por cada aportación, as persoas donantes recibirán obxectos de merchandising do Festival, obxectos firmados por artistas que teñen actuado en pasadas edicións, cestas de productos da Comarca da Ulloa, visitas guiadas, estancias rurais e incluso a posibilidade de elixir cancións para que sexan pinchadas durante a próxima edición do Agrocuir. A campaña permanecerá aberta ata o sábado día 15 de xuño.

Xira por foros temáticos
O Colectivo Agrocuir da Ulloa está a percorrer parte da península nestas semanas presentando o Festival Agrocuir da Ulloa. A pasada semana participou en Lisboa no Ciclo de Resistência Cultural Galego-Portuguesa “Trocar o Canto”, organizado polo Centro de Estudos Galegos da FCSH-UNL xunto a outras entidades. Próximamente, o día 5 de xuño en Soria, esta iniciativa acudirá ao III Foro Cultura e Ruralidades, organizado polo Ministerio de Cultura e Deportes. Por último, o Festival será presentado no Madrid Summit II, Conferencia Mundial de Dereitos Humáns LGTBIQA+, que terá lugar os días 3, 4 e 5 de xullo.

Máis información
Campaña de ‘crowdfunding do Festival Agrocuir da Ulloa en Goteo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información