O ferrado, a medida galega de superficie: orixe e canto mide en cada concello

O ferrado é a medida de superficie tradicional de Galicia e segue a ser amplamente usada no medio rural. Explicamos canto mide en cada concello, ofrecemos un conversor de ferrados en hectáreas e descubrimos a súa orixe

Publicidade
O ferrado, a medida galega de superficie: orixe e canto mide en cada concello

Paisaxe tradicional galega. Aldea en Chandrexa de Queixa

Acre en Estados Unidos ou Inglaterra, celemín en Castela, arpent en Francia, joch en Alemaña, e en Galicia…. o ferrado. A medida tradicional de superficie galega, vixente dende a Idade Media, segue aínda viva hoxe en día en moitas partes do rural galego, por riba das medidas do Sistema Métrico Decimal como a hectárea e o metro cadrado.

Como medida tradicional agraria máis extendida en Galicia -tamén existen outras como o copelo ou a tega- o ferrado é un recipiente de madeira, de forma rectangular, que orixinalmente medía o volume de cereal -entre 12 e 20 kilos, segundo o tipo de cereal ou legume- para os intercambios comerciais, pero que posteriormente pasou a medir a superficie: canta terra se podía sementar con ese recipiente.

Desta forma, e ao estar claramente vinculado á produtividade de cada terreo a variación do ferrado é enorme en Galicia, dende os terreos máis fértiles dos vales aos máis pobres de áreas montañosas, pode oscilar dende os 400 aos 700 metros cadrados, aínda que de media un ferrado ven equivalendo a uns 500 metros cadrados de superficie. Precisamente, o ser unha medida adaptada á calidade agrícola do terreo de cada zona, nun país con tanta variación do terreo como Galicia, explica quizás a súa vixencia a día de hoxe.

Antigamente o ferrado variaba segundo a parroquia, pero a comezos do século XIX, e coa implantación dos concellos, foise unificando a medida para cada municipio. Dese xeito, a día de hoxe atopámonos coas seguintes medidas do ferrado en Galicia segundo o concello:

ferrado_galicia1 ferrado_galicia2

Conversor online de ferrados ou cuartillas en metros cadrados e hectáreas

Un pouco de historia da orixe do ferrado: unha unidade de medida non tan antiga

Un ferrado

Un ferrado

O profesor do IES nº 1 do Carballiño, Frutos Fernández González, no seu artigo “Unidades de medida tradicionais: interese histórico e didáctico. Cautelas”, realiza un completo percorrido polas orixes e a historia do ferrado, como unidade métrica de Galicia.

Explica que desde a Idade Media ata a introducción do Sistema Métrico Decimal, no século dezanove, utilizáronse en toda Europa dúas clases de unidades de medida relacionadas coas superficies agrarias: As que se definían a través do tempo que levaba traballar as parcelas e as que se definían pola cantidade de gran que levaba a súa sementeira. Así, a cavadura é unha supervivente da medición por cantidade de traballo e o ferrado da medición por cantidade de semeadura.

Non obstante, contra do que se podería pensar, Frutos Fernández González advirte de que “nin a cavadura nin o ferrado son unidades de uso común moi antigas en Galicia”.

“Se atendemos á diplomática medieval galega, as dúas unidades non terían ese uso común ata o século XVI. Da cavadura comeza a terse noticia a finais do século XIV – un foro de Oseira do ano 1376 obriga ós foreiros a facer «de vinna en estes tres annos primeiros que veen a par da dita leira cavadura de des omes» Do ferrado como unidade de superficie, as primeiras referencias que teño son do século XVI”, conclúe.

As unidades de medición da superficie agrícola que se empregaban antes do ferrado eran os almudes, sestarios, quarteiros, ceramis e tegas de semeadura ou sementeira. Todas estas medidas, como posteriormente co ferrado, estaban vinculadas á produtividade: dúas parcelas de diferente superficie podían levar a mesma cantidade de gran na sementeira en función da súa diferente produtividade. “E a produtividade era a que marcaba o valor real da finca, moito máis que a superficie. Máis tarde asimilaríanse estas unidades, como sucedeu coa cavadura, cunha superficie fixa; pero ese non era o seu sentido nun principio”, subliña o autor.

Orixe do ferrado e intentos de suprimilo

En canto á orixe do ferrado, Frutos Fernández explica que está no latín modius ferratus ‘moio ferrado’, que non é outra cousa que unha medida ferrada. Neste sentido, lembra que “as medidas para o gran eran normalmente de madeira, pero iso facilitaba as trampas, ó poderse variar de forma sinxela a súa capacidade. Para evitalo, foi frecuente en toda Europa a obriga de utilizar medidas de madeira ferradas, é dicir, medidas que levasen ferraxes por riba, por debaixo e polo centro, que evitasen as fraudes”.

¿Canto se intentou empezar a uniformizar as medidas de superficie agrícola na Península Ibérica? O profesor explica que o primeiro intento foi xa con Alfonso X O Sabio, no século XIII. Novas reformas neste senso foron promovidas por Afonso XI en 1348, Xoán II en 1435, os Reis Católicos en 1488 e Filipe II en 1563 e 1568, a favor en todos os casos das medidas agrarias de Castela.

“A unificación, a pesar das boas intencións lexislativas, non triunfaría antes do establecemento do estado liberal moderno”, explica o autor. Esto prodúxose a partir do ano 1849, cando a raíña Isabel II sancionaba a lei de pesas e medidas que establecía en España o Sistema Métrico Decimal, de orixe francesa. No seu artigo 1º dicía: “En todos los dominios españoles habrá un solo sistema de medidas y pesas”. E no 2º: “La unidad fundamental de este sistema será igual en su longitud a la diezmillonésima parte del arco del meridiano que va del polo Norte al Ecuador y se llamará metro”.

A forza coercitiva atopábase no artigo 11, onde ordenaba: “En todas las escuelas públicas o particulares en que se enseñe o Unidades de medida tradicionais: interese histórico e didáctico deba enseñarse la aritmética o cualquiera otra parte de las matemáticas, será obligatoria la del sistema legal de medidas y pesas y su nomenclatura científica, desde 1º de enero de 1852, quedando facultado el gobierno para cerrar dichos establecimientos siempre que no se cumpla con aquella obligación”. Do mesmo xeito, as novas medidas pasaban a ser obrigatorias nos tribunais e nos contratos públicos.

Sen embargo, o ferrado resistiu esta presión uniformizadora do Estado, porque, tal e como afirma Frutos Fernández, “as antigas unidades tradicionais tiñan un “sentido social” -vinculado á produtividade da terra en cada parroquia- moi superior ás do Sistema Métrico, o que explica a súa gran resistencia á desaparición”.

image_print

3 ideas sobre “O ferrado, a medida galega de superficie: orixe e canto mide en cada concello

  1. Juan

    Explícase moi ben a causa da variabilidade do ferrado por concellos, dentro dun certo rango. Pero chama a atención como o ferrado en Redondela e outros concellos próximos vale case a décima parte do que representa na maior parte dos concellos. Alguén me sabería explicar o por que desta diferenza tan grande? Grazas

    Contestar
    • campogalego

      Creo que os 4 ou 5 concellos que presentan valores por baixo de 100 metros cadrados son anomalías. Como no século XIX se estableceu que cada concello debía ter unha mesma medida de ferrado, posiblemente nestes casos, por razóns que descoñecemos, se optou por escoller o cuartillo, un cuarto dun ferrado, como medida aínda que a efectos administrativos levase o nome de ferrado. Indagaremos máis no tema. Saúdos

      Contestar
  2. Ramon

    Non sale no listado o concello de Val do Dubra,por qué??
    Pode ser que o ferrado teña 525m?? Gracias.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información