CRAEGA_01_standar

O CRAEGA organiza unha xornada sobre produción e comercialización de produtos ecolóxicos

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), organiza o vindeiro mércores, 7 de novembro, unha xornada de comercialización de produtos ecolóxicos.

A xornada, que chega á terceira edición, celebrarase no concello lucense de Láncara, e nela tamén se analizará como evolucionou este tipo de produción en Galicia e cales son as perspectivas de futuro para a mesma.

E é que as producións certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica -que este ano celebra os seus 25 anos- non fan senón medrar. En 2017 incrementouse un 42% o volume de vendas certificadas o que tradúcese en 17,3 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Desta forma, en 25 anos o CRAEGA pasou de contar cunha ducia de produtores, pasando a aglutinar hoxe máis dun milleiro e a superar as 30.000 hectáreas cun volume de facturación que supera os 50 millóns.

Nesta edición, o CRAEGA organizará a xornada no Museo Integrado da Maquinaria Agrícola, en Trasliste, a 10 minutos de Láncara (Lugo), un espazo especial cunha fermosa colección nunha casa de labranza, Casa de Vázquez. As pezas, dende carros ata tractores históricos, están expostas nun pendello e nun antigo silo acondicionados e coa tipoloxía da zona. Tamén hai unha colección de máis de 100 miniaturas de máquinas agrícolas de tódolos tempos nunha antiga manxadoira de corte adaptada de máis de 100 anos. Ademais, a produción desta casa oriéntase á gandaría de carne ecolóxica de primeira calidade (tenreira galega suprema) e tamén a mazá ecolóxica de sidra.

Programa

A xornada comeza ás 10:00 da mañá e remata ás 17:00 da tarde. Nela abordarase a produción deste sector e a súa evolución en Galicia, falarase de como foi mudando a imaxe dos alimentos ecolóxicos entre os consumidores, da contribución deste tipo de producións á vida do noso rural, e de ir máis aló dos conceptos “ecolóxico” e “tradicional” no que a nutrición se refire.

Os convidados e relatores son Francisco López Valladares, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e o produtor Marcos Vázquez Marey, que darán a benvida aos asistentes; José Mouriño Cuba, enxeñeiro Técnico Agrícola e ex-sefe de Servizo na Consellería do Medio Rural; Manuel Cruz Rodríguez, presentador e Director do programa A Labranza da CRTVG; Francisco Sineiro García, doutor Enxeñeiro Agrónomo e ex-Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes; e o nutricionista e adestrador persoal Santiago Carro. Tras o descanso do mediodía farase unha visita ao museo de maquinaria.

xornada craega