O Congreso demanda que non se tribute polo cambio de titularidade en explotacións agrarias

O Congreso demanda que non se tribute polo cambio de titularidade en explotacións agrarias

O presidente da Deputación de Lugo na clausura da xornada

A Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados aprobou este mérdores unha Proposición non de Lei do Grupo Socialista que insta o Goberno “para que a liquidación e pago da cota tributaria correspondente no IRPF non inclúa os cambios de titularidade dos dereitos de pago único cando pertenzan a unha mesma explotación e non exista beneficio ou ingreso derivado da operación”.

A iniciativa contou co voto a favor de todos os grupos parlamentares, agás o do Partido Popular.

A deputada lucense Margarita Pérez, que defendeu a iniciativa socialista, sinalou que “a esixencia de tributación que a Axencia Tributaria está a reclamar aos agricultores polos cambios de titularidade dos dereitos de pago único, chamados agora de pago básico, non é correcta porque non se trata dunha transmisión real”. Esta tributación pode chegar ata o 30% do importe dos dereitos de pago básico.

Respecto diso, indicou que “a cesión dos dereitos reais adoita facerse xunto co cambio de titularidade administrativa da explotación agraria, normalmente por cesamento na actividade do seu titular por incapacidade ou xubilación”. “Na maior parte dos casos -resaltou- esta cesión realízase a favor dun membro da unidade familiar e prodúcese un mero cambio de titularidade administrativa sen que supoña ningún beneficio”.

Así, apuntou que “é moi común a cesión entre cónxuxes con gananciais, a pesar de que tanto a explotación como os dereitos de pago básico teñen carácter ganancial, e non é correcto que a Axencia Tributaria entenda que existe transmisión e esixa o pago por unha ganancia patrimonial que non se produciu”. “Sucede algo parecido coas achegas a sociedades, nas que continúa participando o titular dos dereitos en orixe”, engadiu. “Incluso o impreso que utiliza a Xunta de Galicia contémplao pero a Axencia Tributaria négalles a natureza ganancial”, lembrou.

O presidente da Deputación de Lugo reclama ao Goberno Central que “non faga pagar aos gandeiros polo cambio de titularidade da súa explotación cando non hai beneficio”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García González, clausuraron este xoves a xornada Perspectivas do Sector Gandeiro de Vacún de Carne, que dita organización celebrou no Pazo de San Marcos.

Máis dun cento de persoas participaron nesta iniciativa, na que se trataron os problemas que atravesan as 5.000 explotacións de vacún de carne que hai na provincia e que representan o 55% das existentes en Galicia, pois estas ascende ás 9.000; así como as reclamacións que se deben facer para a supervivencia deste sector.

Dificultades

O Presidente destacou que “vemos como dende o ano 2010 o consumo de carne de vacún baixou nun 20%; como o prezo da carne é o mesmo que nos anos 90; que as axudas ao sector dende as administracións responsables, Goberno Central e a Xunta de Galicia, recórtanse ano tras ano; ou como os fondos dende a Unión Europea, como os da PAC, se poden reducir a partires de 2020, pois xa o dan por feito”.

“Hoxe é evidente que tedes menos ingresos que hai anos e máis custos, dificultando o mantemento das vosas explotacións, o relevo xeracional e, en xeral, a dinamización da economía da nosa provincia. O panorama non parece optimista, pero non podemos tirar a toalla, todo o contrario. Os que realmente cremos no rural temos que pelexar xuntos para vivir del e nel, reclamando ás institucións responsables a urxente aplicación de medidas que fortalezan ao sector”, destacou Campos.

Proposición non de lei aprobada onte no Congreso co non do PP

Neste senso, explicou que “onte no Congreso aprobouse unha proposición non de Lei que presentou o Partido Socialista para que que non tribute, para que non teñades que pagar aínda máis impostos, no pago do IRPF, polo cambio de titularidade dunha explotación, cando non hai ningún beneficio. Por exemplo, cando unha persoa se xubila e lle pasa a titularidade da explotación a un fillo ou ao seu conxugue”.

“A proposición non de Lei do PSOE saíu adiante, conseguiu o respaldo do Congreso, pero co voto en contra do PP que está á fronte do Executivo do Estado e, polo tanto, decidirá se a aplica ou non. Creo que debemos reclamar ao Goberno Central que non faga pagar aos gandeiros polo cambio de titularidade da súa explotación porque non habendo beneficio algún, e cando estamos a ver que un dos principais problemas do sector é precisamente o relevo xeracional e a redución de beneficios e axudas , considero que este imposto é unha clara traba do PP ao sector, simplemente, por afán recaudatorio”.

“Temos que sumar esforzos para esixir ás administracións responsables, Goberno Central e Xunta de Galicia, que atendan ao sector, que escoiten as súas necesidades e que apliquen esta e outras medidas de xeito urxente, porque son necesarias para a supervivencia das vosas explotacións e, polo tanto, da nosa provincia”, subliñou.

Reproches pola PAC e solucións

Neste eido, o Secretario de Unións Agrarias destacou que “podemos reprochar aos Gobernos que xa deron por suposto que vai a darse unha rebaixa de fondos da PAC, cando aínda non se comezou a negociar. Nada impide que os países que conforman a Unión Europea incrementen o seu PIB do 1% ao 1,2% ou 1,3% para ampliar a política agraria común. Segue habendo un marxe orzamentario amplo que permita unha PAC mellor distribuída e con máis fondos dos que se reciben, pois, por exemplo, no sector da carne non todas as explotacións co mesmo número de animais cobran o mesmo e un importante número queda fóra das axudas”.

García González engadiu que “no peor dos casos, aínda que España recibira o mesmo que esta recibindo neste momento, existen ferramentas para multiplicar por 2 ou 3 o que perciben os profesionais. Existe un debate social sobre se se pode seguir permitindo que máis de 950.000 persoas sexan perceptores da PAC, cando apenas 350.000 son agricultores e gandeiros que viven e traballan do sector. En Francia, cobrando o dobre de axudas, preto de 8.000 millóns que se distribúen entre apenas 350.000 porque hai que demostrar para cobralas que se é agricultor ou gandeiro. En Francia, a diferencia de aquí, non todas as hectáreas cobran o mesmo. As primeiras 25 hectáreas, as de pequenos e medianos agricultores teñen unha subvención por hectárea maior. Pola contra, aquí facemos táboa rasa. Polo tanto, existen elementos para que, recibindo menos fondos, podan vir mellores axudas aos profesionais ou cando menos as mesmas”.

Retos

García González rematou apuntando que “entre todos temos que traballar para lograr a comercialización dos nosos produtos, conseguindo o mellor prezo posible; que nesta reforma da PAC, pola vía de destinar, que vaia a quen viva e traballe no sector, a quen ten explotacións, e que se poidan incrementar de forma significativa estas axudas aos profesionais, así como que non coloquen aos profesionais do sector gastos que ten que resolver o sector público”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información