caxigueira_ortigueira_rural_02

O Banco de Terras empezará a vender fincas e reducirá a 3 meses a tramitación para o aluguer

Esta ferramenta, empregada por propietarios e produtores interesados en manter aproveitada a terra, leva case 12 anos operativa. Abordamos algunhas das claves do seu funcionamento como os tipos de arrendamentos, os prezos da terra ou as novidades que se agardan

O Banco de Terras comezou a funcionar no 2007 e actúa como un mediador entre os produtores que precisan de terra e aqueles propietarios que non a están aproveitando e a queren arrendar dun xeito oficial. A principal vantaxe deste organismo son as garantías que ofrece tanto á hora de cobro do arrendamento, así como do uso da terra sen posibilidade de cambios de cultivos, ou que a terra se devolva nas mesmas condicións ou mellores das que se arrendou.

Os prezos da terra é outro dos atractivos deste sistema, mentres que a dilación das tramitacións foi un dos seus lastres nestes anos. Este é un dos aspectos no que levan tempo traballando e que agardan supoña unhas das novidades máis destacadas. Neste senso, a semana pasada comezou a ser operativa a posibilidade de tramitar as peticións de terra de xeito telemático. Agora queda pendente que tamén se poidan facer por esta vía as incorporacións de terras.

Os arrendamentos poden chegar a un máximo de 70 anos e deben ser polo menos por 5 anos sen opción de prórrogas

As terras arréndanse por un máximo de ata 70 anos, no caso dos terreos forestais; e de 15 anos nos predio agrarios. Aínda que tamén hai excepcións, como ocorre en terreos de viñedo onde, a pesar de non ser un cultivo forestal, os contratos superan os 15 anos para que poidan ser aproveitados.

Como mínimo as fincas deberán arrendarse por 5 anos e non hai posibilidade de prórrogas dos contratos. “Este é un aspecto que moitas veces se ve como inxusto por parte dos implicados pero busca precisamente ser xusto e ofrecer a posibilidade a outros interesados de poder optar a empregar esa terra”, concreta Alejandro Sánchez de Dios, subdirector de Mobilidade de Terras.

Que tipo de terras xestiona o Banco de Terras?

A maior parte dos predios que xestiona o Banco de Terras son de carácter público, e representan case o 85% das propiedades, aínda que tamén conta con terras privadas. As terras de carácter público supoñen na actualidade unhas 9.000 fincas despois de que nos últimos anos se levase a cabo un proceso de depuración destas parcelas que ascendían a 12.000 e que estaban a ralentizar as xestións, como aseguran dende a entidade. A estas fincas súmanse case uns 2.000 predios privados.

O 85% das fincas do Banco de Terras son de carácter público e boa parte proceden de masas comúns das parcelarias

Agora, a meirande parte das terras públicas son masas comúns resultantes dos procesos de concentración parcelaria pero antes desta reorganización contaban con terras nas que se incluían parcelas para as que non cabía ningún tipo de aproveitamento privado, como podían ser bens protexidos, como castros, ou mesmo construcións públicas, como cemiteiros ou ata unha casa consistorial. “O que se fixo foi devolverlle ás administracións locais todas aquelas parcelas sobre as que tiña competencias e responsabilidades”, apunta Sánchez de Dios.

As zonas onde máis actividade está tendo o Banco de Terras son aquelas nas que se levaron a cabo estes procesos de ordenación do territorio. A maioría dos terreos xestionados a través do Banco de Terras concéntranse no interior de Galicia que coinciden, ademais, coas zonas de produción leiteira. Así, as zonas do interior da provincia de A Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense son as que máis oferta e demanda acumulan. “Tamén é certo que naquelas zonas onde hai fincas clasificadas como forestais, cun bo tamaño, tiveron e seguen tendo unha importante demanda”, especifica Sánchez de Dios.

Dende 2018, a través do Banco de Terras arrendáronse máis de 700 parcelas que supoñen unhas 440 hectáreas

Dende comezos do 2018 e ata principios deste mes de outubro, a través do Banco de Terras arrendáronse unhas 738 parcelas que supoñen unhas 441 hectáreas. “Nas zonas con maior demanda, as mellores fincas procedentes de masas comúns e que serven para un aproveitamento agrario agora mesmo están arrendadas e van quedando os predios de menor tamaño”, explica.

Total de fincas no Banco de Terras. Datos actualizados do 15 de agosto 2019.

Total de fincas no Banco de Terras. Datos actualizados do 15 de agosto 2019.

En Galicia, o Banco de Terras ten arrendadas actualmente unhas 1.731 fincas que abranguen unhas 1.464 hectáreas, sendo a provincia de Lugo na que maior cantidade de parcelas se arrendaron (642) e nas que máis quedan dispoñibles (566).

Distintos arrendamentos para cada tipo de terra

En función do tipo de terra, os arrendamentos poden ser de tipo forestal ou agrario-gandeiro. Tamén se chegaron a formalizar arrendamentos ambientais, centrados en terras sobre as que se levaba a cabo un programa de custodia do territorio, para a súa protección e desenvolvemento, aínda que están comezando a desbotar os arrendamentos para estes casos.

“Tense acusado ó Banco de Terras de reforestar Galicia e non se permiten os cambios de agrícola a forestal”, (Alejandro Sánchez de Dios)

É a propia entidade a que fixa a cualificación de cada tipo de terra en base ó Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) e o uso máis acaído a cada terra atendendo a distintos factores. “Se unha parcela está arrendada como prado non pode destinarse a un uso forestal. Durante moito tempo acusouse ó Banco de Terras de servir para reforestar Galicia e non se permiten este tipo de cambios de agrícola a forestal”, puntualiza.

Os prezos da terra

O prezo da terra é outro dos factores determinantes no funcionamento do Banco de Terras. O valor fíxase por hectárea no Consello da Xunta e varía tamén en función da situación da parcela e a cualificación que teña a terra. “En xeral, os prezos que manexamos son baixos, pero tampouco esaxeradamente baixos para non exercer unha competencia desleal”, indica Sánchez de Dios.

Prezo medio da terra por provincias no Banco de Terras.

Prezo medio da terra por provincias no Banco de Terras.

Os terreos clasifícanse como monte, labradío ou prado (posto que unha mesma finca pode combinar o pasto con cultivos como o millo), terreos de froiteiras, terra en abandono e terras baldías (aquelas partes dentro dunha parcela que non poden chegar a aproveitarse).

Así, dependendo da produtividade e da zona na que se atope, o prezo medio por hectárea dun prado é de 140 euros e pode ir dende os 115 ata os 180 euros. “Hai zonas nas que estamos traballando onde os arrendamentos duplican amplamente estes prezos pola alta demanda que hai”, especifica o subdirector.

A clasificación e revisión do terreo ó finalizar os contratos están detrás das subas que se producen ó longo dos anos e que representan as críticas máis repetidas por parte de usuarios. “A xente que colleu unha terra abandonada a un prezo, que se axustaba a como estaba esa terra, e que inverteu nos primeiros anos para facela produtiva, non valora que despois igual estivo 10 anos pagándoa como se fose abandonada, e que se quere volve acceder a ela xa terá outro prezo”, xustifican dende o Banco de Terras.

Axilizar o proceso de arrendamento e abrir a venda

A demora nas tramitacións é unha das eivas que arrastra o Banco de Terras o que fai que os procesos mesmo se prolongasen máis de 2 anos. Esta é unha problemática que se veu agravada pola cantidade de terras de uso forestal que, durante anos permaneceron bloqueadas. Unha vez se produciron cambios tanto na lei de mobilidade de terras como no funcionamento do órgano, a demanda destas terras, copou as peticións e os recursos de xestión dispoñibles. “Chegamos a ter unhas 2.000 peticións en 2 meses, cando o habitual nestes períodos é de 500 ou 600 solicitudes”, concreta Sánchez de Dios.

Prevén axilizar as tramitacións e que nos procesos sen concorrencia as fincas se poidan adxudicar en 3 meses

Unha vez aliviada esta carga de tramitacións, dende o Banco de Terras fíxanse a primavera do próximo ano para lograr acurtar ó máximo posible as tramitacións. “Axilizar os procesos está a ser unha das nosas prioridades. Pretendemos que, aquelas fincas que non estean nun proceso de concorrencia, se poidan adxudicar nun prazo máximo de 2 ou 3 meses”, concreta o subdelegado.

Con estes cambios, as fincas quedarían suxeitas a un proceso de concorrencia pública dun mes unha vez que entran no Banco de Terras. Logo, poderán ser adxudicadas á primeira petición que se faga sobre elas e que cumpra as condicións. Estiman que estas tramitacións se desenvolvan nun prazo máximo de 3 meses no que se efectúan as comprobacións e tramitacións necesarias para garantir o arrendamento.

Nos próximos meses agardan abrir a posibilidade de venta de predios propiedade do Banco de Terras

Outro dos cambios que se prevé para os próximos meses é permitir a venda daquelas parcelas públicas, é dicir, propiedade do Banco de Terras, que teñan un uso agrícola e un tamaño moi pequeno ou aquelas que poderían mellorar a base territorial das explotacións pola súa proximidade. “Ata agora, pola carga de traballo que había, estabamos a priorizar os arrendamentos pero contamos que nos próximos meses se poida comezar coas ventas”, indica Sánchez de Dios.

A venta farase baixo un prezo fixo que estipulará o Banco de Terras e inicialmente levarán a cabo a venta de parcelas piloto para detectar os problemas que poidan xurdir posto que legalmente xa se poden realizar estas ventas.

Por outra banda, neste mes de outubro comeza a ser posible realizar as solicitude de terras de xeito telemático na súa totalidade. Agora queda pendente que tamén se poidan ofertar desta forma as fincas que se queiran incluír no Banco de Terras. Ademais, unha das novidades que incluirá a nova Lei de recuperación e posta en valor de terras de Galicia, aínda pendente da súa tramitación parlamentaria, abre a porta á mobilización de terras de xeito colectivo. Polo momento, xa levaron a cabo distintos proxectos piloto, como o realizado en Cualedro (Ourense), que implicou a varios propietarios e unhas 200 hectáreas.