Medio Rural define cinco instrumentos clave para a nova lei de recuperación de terras agrarias

A Consellería presentará a normativa este mes no Parlamento. O Banco de Terras, xunto ó Banco de Explotacións, parten como as principais ferramentas, xunto a polígonos agroforestais, aldeas modelo e ós proxectos para o uso comunitario da terra

Medio Rural define cinco instrumentos clave para a nova lei de recuperación de terras agrarias

Zona de Cualedro afectada por un lume, onde se quere crear unha aldea modelo. / Arquivo.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, presentou estes días as liñas xerais da nova lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias de Galicia no marco do Congreso Internacional de Desenvolvemento Rural e Turismo, que se desenvolveu en Santiago. Ante un público especializado e chegado de distintos países, Dubois detallou os instrumentos claves desta lei que o goberno levará ó Parlamento este mes de novembro.

Segundo o director xeral, o Banco de Terras, xa en funcionamento, será unha das ferramentas principais para a mobilización e aproveitamento das terras agrarias na nova normativa. Dubois asegurou que “coa nova lei estableceranse medidas para mellorar a eficiencia do Banco de Terras”.

Cunha estrutura e funcionamento semellante ó do Banco de Terras, crearase o Banco de Explotacións, que será outro dos piares da norma. Neste caso, procurarán elaborar un rexistro para pór en contacto ós agricultores e gandeiros que cesen a súa actividade con aquelas persoas interesadas en continuar aproveitando as súas instalacións e terras, co gaio de evitar o peche de explotacións e reducir o abandono.

Crearán un Banco de Explotacións para pór en contacto produtores que cesen a actividade con persoas interesadas en mantela

Pérez Dubois tamén adiantou que neste marco normativo crearanse novas ferramentas legais para fomentar a mobilización da terra. Unha destas ferramentas son os polígonos agroforestais, cos que se pretende recuperar o uso produtivo de terras que están abandonadas ou que se atopan por debaixo das súas posibilidades de uso. Ademais, esta medida tamén se contempla para o aproveitamento de terras que proporcionen produtos de valor engadido ou para a produción de forraxes en zonas abandonadas e que poidan ser empregadas por parte de cooperativas agrarias.

Os proxectos de uso comunitario das terras é outras das ferramentas que dende Medio Rural pretenden pór en funcionamento. Trátase dun aproveitamento da terra que levarán a cabo os propietarios sen acometer ningún tipo de proceso de reestruturación. “Manteranse as mesmas parcelas salvo naquelas circunstancias nas que sexa preciso abrir camiños ou realizar obras para o desenvolvemento do proxecto”, concretou Dubois.

Estas iniciativas contemplan un reparto dos ingresos e gastos do proxecto entre as persoas implicadas en función da situación e valor da terra. “Non se vai levar a cabo un intercambio de propiedades, salvo no caso de trocos voluntarios, nin se van asinar contratos de venda”, detalla o director xeral. Este tipo de proxectos están pensados para asociacións ou fundacións agroforestais sen ánimo de lucro centradas na xestión destas terras.

Medio Rural está a estudar a implantación das aldeas modelo en 20 núcleos rurais

A terceira das ferramentas que detallou Dubois son as chamadas aldeas modelo. Una iniciativa que a Consellería de Medio Rural xa está a estudar en 20 núcleos rurais. Un destes plans piloto levouse a cabo no concello de Cualedro (Ourense).

“Trátase dun proxecto integral para a recuperación e a mellora das terras que se atopan nas proximidades dunha aldea”, indica Pérez Dubois. Ademais da recuperación da terra, a aldea modelo leva parellas outras actuacións nos núcleos para frear a despoboación, iniciativas que se levarán a cabo por parte doutros organismos do goberno baixo a coordinación de Agader.

O abandono da terra, unha problemática internacional

Á marxe da nova lei para a recuperación e posta en valor das terras agrarias de Galicia, no marco deste congreso tamén se presentaron outros proxectos levados a cabo no Instituto de Estudos do Territorio para contribuír á ordenación do territorio. Nestes momentos, tal e como destacou o director do instituto, Alfredo Fernández Ríos, están traballando no Plan Territorial Integrado da conca do río Eume (A Coruña), así como na Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.

“Nestes dous proxectos estamos a tentar integrar elementos de ordenación urbanística e do territorio para despois levar a cabo esa planificación do territorio e, en concreto, a ordenación do medio rural que ocupa o 90% do espazo galego”, concretou Fernández Ríos.

“O abandono da terra é un proceso complexo e gradual onde, ás veces, é difícil definir que é unha terra abandonada” (Margarida Ambar, enxeñeira agrícola)

No marco deste encontro internacional, tamén se puxo de relevo que o abandono da terra é unha problemática global e contra a que están actuando tamén noutros países. A enxeñeira agrícola Margarida Ambar encargouse de realizar un percorrido por distintos encontros internacionais que se levaron a cabo nos últimos 10 anos en Portugal, Budapest ou Belgrado para abordar esta problemática.

Ambar matizou que “o abandono da terra é un proceso complexo e gradual, xa que ás veces, é mesmo difícil establecer o marco para definir cando unha terra se considera abandonada”. A experta destacou que, ó longo destas sesións internacionais de análise, se ten incidido en que o abandono da terra non é unha cuestión centrada na agricultura ou a gandería, senón que é preciso abarcar un ámbito máis amplo e outros enfoques para poder propor estratexias para atallalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información