O agro consensúa propostas galegas para a reforma da PAC

Cooperativas e organizacións agrarias chegan a un acordo coa Xunta sobre as medidas que se precisan na reforma da PAC. O Sindicato Labrego desmárcase da sinatura do pacto

Publicidade
O agro consensúa propostas galegas para a reforma da PAC

A Consellería do Medio Rural, conxuntamente con organizacións agrarias e cooperativas, elaborou un documento de propostas galegas para o próximo periodo da PAC, a partir do 2020, que se está a debatir en Bruxelas. As medidas figuran nun documento asinado pola Xunta, Unións Agrarias, Asaga (antiga Asaja Galicia), a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e Clun. O Sindicato Labrego desmarcouse do pacto ao entender que deixaba fóra “cuestións fundamentais”.

O acordo seralle agora trasladado ó Ministerio de Agricultura, para que o incorpore á posición conxunta de España sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC), que se negocia en Bruxelas.

O sector agrario galego selou o acordo sobre as seguintes bases, segundo explica a Consellería nun comunicado:

– Conservar unha financiación exclusivamente con fondos europeos para as axudas directas da PAC, a fin de evitar que se xeren diferenzas entre os produtores en función do apoio de cada Estado Membro. Deféndese que haxa un único plan por Estado que recoñeza as peculiaridades internas.

– Fixar un tope máximo de axuda por explotación para favorecer ás de menor dimensión, se ben desde a óptica galega, a proposta da Comisión Europea de establecer o tope en 100.000 euros é excesivamente alto, preferíndose un teito de 60.000 euros. Os fondos que se obteñan tras establecer ese tope redistribuiranse con criterios coma o apoio a agricultores mozos.

– Regular medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións de prezo das producións agrarias e das materias primas (pensos, enerxía, etc.), de xeito que se eviten situacións de crises e as explotacións poidan manter as súas rendas.

– Primar nas axudas as primeiras hectáreas de cada explotación co obxectivo de que iso supoña un apoio para as pequenas e medianas explotacións, algo esencial en territorios como Galicia e a Cornisa Cantábrica, cunha superficie moi inferior ás grandes explotacións europeas e do resto de España.

– Aumentar as axudas asociadas, de xeito que supoñan unha gran parte das axudas directas.

– Destinar as axudas ós ‘agricultores xenuínos’, un concepto pendente de definir que sustituirá ó actual de ‘agricultor activo’.

– Apoiar os dereitos históricos nun novo pago disociado.

– Crear un sistema estatal para o asesoramento dos agricultores e para o control de riscos.

Desmarque do Sindicato Labrego
Por parte do Sindicato Labrego, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, valora en positivo que a Xunta tivese en conta ó sector para xerar un documento de consenso sobre a PAC, pero desmárcase da sinatura do mesmo ao entender que non recolle “cuestións fundamentais”. “Para nós é necesario definir quen vai ser o perceptor da PAC. Hai que concretar quen é o agricultor xenuíno. Para cobrar as axudas débese esixir que alomenos un 50% dos ingresos procedan da actividade agraria e que a persoa adique máis do 50% do seu tempo laboral á agricultura”, defende Vilalba.

Outro dos desacordos do Sindicato Labrego co documento radica nos dereitos históricos, pois o SLG entende que deben desaparecer. “A xente nova que non conta cunha explotación previa tense que instalar en sectores sen axuda ou onde as teñen só as explotacións que están de antigo”, cuestiona.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información