O 67% das concentracións parcelarias en proceso en Galicia son de tipo forestal

O 67% das concentracións parcelarias en proceso en Galicia son de tipo forestal

Zona de concentración parcelaria con plantacións de eucalipto polo medio.

O 67% dos 128 procesos de concentracións parcelarias actualmente en proceso en Galicia, e que afectan a un total de 112.059 hectáreas, son para o sector forestal, mentres que o 32% son de natureza agraria. A Xunta márcase como obxectivo chegar a máis de 109.000 hectáreas de monte ordenado antes de que remate a lexislatura.

Así o explicou este mércores no Parlamento a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, en resposta a unha interpelación sobre este tema do deputado de En Marea, Antón Sánchez.

En canto á situación administrativa, a conselleira informou de que neste intre existen 84 zonas (desas 128) que xa están coas Bases Definitivas firmes ou en fase superior, “co que o obxectivo de pechalas na lexislatura vaise cumprir con facilidade”. En relación coas restantes 44 zonas, a conselleira indicou que na maioría dos casos (en 33 delas) xa están contratados ou en proceso o acordo e o replanteo das novas fincas e executadas ou en execución as obras da rede de camiños.

Das outras reestruturacións pendentes, en seis casos estase estudando se se adaptan aos obxectivos previstos na normativa. Os cinco restantes están condicionados polos informes sectoriais para poder desenvolvelos, pero trabállase para poder dar a toma de posesión das novas fincas e rematalas no ano seguinte.

“O obxectivo do Goberno galego é pechar administrativamente estes procesos no 2020, isto é, que cheguen á firmeza do acordo”, destacan dende a Consellería.

O Modelo Marcos estase a aplicar en diversas zonas de Galicia

Na súa intervención, a conselleira fixo tamén referencia ao modelo Marcos (Mecanismo Agrario de Reestruturación Comunitaria da Superficie), concibido para axilizar os procesos promovidos por particulares, coñecidos como concentracións privadas. Trátase, recalcou, dun instrumento rápido, eficaz e de baixo custo, para facilitar a mobilidade en zonas de tamaño pequeno –entre 50 e 200 hectáreas– nas que existan necesidades de terra por parte das explotacións agrarias, e citou a modo de exemplo destas reestruturacións os procesos en marcha en zonas como os arredores de Lugo, Sarria, Eume-Ortegal ou o Deza.

Antón Sánchez (En Marea): “O modelo de concentración parcelaria do PP serviu en moitos casos para plantar eucaliptos en terras agrarias”

Pola súa parte, o deputado interpelante, Antón Sánchez, criticou que “o modelo de concentración parcelaria do PP paralizou a actividade agraria e seguíronse criterios clientelares e caciquís para facelas, de forma que estes procesos pagados fon fondos públicos serviron, en moitos casos, para plantar eucaliptos e piñeiros en terras agrarias”.

Ademais, o deputado de En Marea chamou a atención sobre a excesiva duración no tempo destes procesos: “É un fracaso interminable”, advertiu. Por último, denunciou que “nos anos de goberno do PP en Galicia perdemos unha superficie agraria útil enorme, de forma que mentres que no Estado medran as hectáreas por explotación, en Galicia redúcense”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información