O 60% das mulleres do rural asegura coñecer casos de violencia de xénero

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) presenta o resultado dunha enquisa realizada en Galicia sobre o problema. Advirte de que a maioría das situacións non se denuncian

O 60% das mulleres do rural asegura coñecer casos de violencia de xénero

Cristina Pedreira, Rosa Arcos e Verónica Marcos, de esquerda a dereita, na rolda de prensa.

Unha enquisa que realizou a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) revela a dimensión do problema da violencia de xénero. O 60% das mulleres que vive no rural asegura coñecer casos de violencia de xénero. “Son cifras moi elevadas, pero o máis preocupante é que cando se lles pregunta ás enquisadas se saben se existe denuncia, só hai constancia de denuncias nun 27% de casos, en tanto o outro 73% entendemos que non se denunciou. Sete de cada dez mulleres afectadas por violencia de xénero segue nesa situación”, advirte a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos.

A enquisa fíxose sobre un total de 1.921 persoas, das que 673 eran mulleres que viven en aldeas.
En canto á porcentaxe de casos denunciados (27%), os datos globais da enquisa de Fademur coinciden cos datos específicos referidos ás mulleres rurais, pero cando se preguntan os motivos da non denuncia, detéctanse maiores medos entre as mulleres do rural.

“Unha das prioridades está nos servizos de atención á muller dos Concellos” (Rosa Arcos, Fademur)

O principal motivo que ven as enquisadas é o medo a perder os fillos (81% no rural, 76% no global da enquisa), seguido do medo a novas agresións (75% no rural, 70% a nivel global) e da vergoña (76% no rural por 72% a nivel global). Tamén é significativo o problema da dependencia económica (73% no rural) e o medo a non ser creída (61%).

Para afrontar o problema da violencia de xénero, desde Fademur consideran precisos varios frontes de actuación. “O que máis nos interesa son todas as medidas de servizos de atención á muller e de actuación que poden desenvolver as Administracións locais, e que se viron moi resentidos desde o inicio da crise” -sinala Rosa Arcos-. “Son as Administracións máis próximas e as que poden prestar un primeiro apoio para que haxa denuncias”.

Outro dos ámbitos sobre os que incide Fademur é a necesidade de maior formación de profesionais que poden estar relacionados con casos de violencia de xénero (médicos, servizos sociais, guardia civil, policías, etc.). Tamén subliña a Federación a importancia de medidas de formación de nenos e nenas para tratar de reducir esta situación de cara ó futuro, no medio prazo.

Os resultados da enquisa de Fademur presentáronse esta mañá en Santiago na Casa da Muller Xohana Torres, aberta recentemente polo Concello de Santiago. Na presentación participaron a presidenta de Fademur, Rosa Arcos; Verónica Marcos, secretaria de Igualdade de Unións Agrarias -entidade á que está ligada Fademur-; e Cristina Pedreira, presidenta de Agra, unha das asociacións de mulleres integradas en Fademur.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información