“Nos países avanzados xa teñen claro que o eucalipto non é a árbore máis rendible a longo prazo”

Entrevista a Marcos Vázquez Marey, gandeiro e presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo. Lembra que “o enxeñeiro agrícola é o máis idóneo para elaborar un proxecto de instalación agrícola ou gandeira polos seus coñecementos do rural e agronómicos”

“Nos países avanzados xa teñen claro que o eucalipto non é a árbore máis rendible a longo prazo”

Marcos Vázquez Marey, gandeiro e presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo

Marcos Vázquez Marey é dende o pasado mes de outubro o presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, o de maior peso de Galicia, con arredor de 1.000 profesionais colexiados. Compatibiliza a súa labor cunha gandería de vacún de carne de 20 nais reprodutoras en Láncara e unhas 300 mazairas para a produción de sidra en ecolóxico.

Nesta entrevista analiza a situación da profesión e incide na necesidade de transmitir ao conxunto da sociedade a importancia das actividades agrogandeiras como motor para crear riqueza e manter un medio rural vivo.

¿Cal é a túa vinculación co sector?
Definiríame como una amante sen pudor do medio rural e sempre estiven conectado con este mundo. Lembro ir facer exames á facultade en Lugo e volver para seguir ensilando e sempre crin no futuro deste sector. Teño que recoñecer que son un privilexiado por traballar no que me gusta e onde me gusta: no medio rural.

Como moitas outras persoas en Galicia, traballo na gandería e na agricultura a tempo parcial, unha verdadeira ferramenta contra o abandono no rural. Aínda que a miña explotación podería ser aproveitada a tempo completo, eu son un labrego a tempo parcial, porque desenvolvo outras actividades ás que me dá acceso a titulación. Coido que a figura de agricultor profesional a tempo parcial é tamén unha saída profesional para o noso colectivo.

¿Que obxectivos te marcas para o colexio durante o teu mandato?
Quero que traballemos todos en equipo. Somos un grupo de 13 persoas no que estamos tanto gandeiros, técnicos de cooperativas, funcionarios da administración e profesionais independentes.

Como primeiro obxectivo quero escoitar as demandas dos máis de 1.000 colexiados na provincia de Lugo. Tamén centrarnos moito no medio rural non só a nivel produtivo, senón tamén paisaxístico, ambiental e social. Lembro que o perito agrícola era moi valorado e respectado no medio rural no pasado século e gustaríame que se recuperase ese papel e esa valoración.

Os enxeñeiros agrícolas somos proxectistas de todo tipo de construcións e de máquinas, pero non me gustaría que emulásemos a outros técnicos, pois ante todo temos que plasmar máis rural e máis vocación agronómica nos nosos proxectos. A cercanía e os coñecementos do rural e agronómicos é o que marca a diferencia.

“O enxeñeiro agrícola é o máis idóneo para elaborar un proxecto de instalación agrícola ou gandeira”

Nos últimos anos os arquitectos empezaron tamén a copar áreas que correspondían aos peritos agrícolas, elaborando proxectos para instalacións gandeiras…
Dende que asumín este cargo, unha das miñas preocupacións principais foi a batalla das competencias. En primeiro lugar, hai que recordar que un proxecto empresarial no rural vinculado á produción primaria teno que facer un técnico que teña idoneidade, e o enxeñeiro técnico agrícola é o que é máis idóneo, e aí é onde podemos defender a nosa profesionalidade e idoneidade para eses traballos, o que nos diferencia de profesionais doutros sectores.

Para evitar a competencia desleal dentro do colectivo ¿Tedes previsto establecer unhas taxas oficias como os avogados?
Temos unhas recomendacións oficiais aprobadas e de feito seguimos empregando unha actualización de cando os prezos estaban regulados. Pero agora o mercado é libre e non podemos incidir niso, pero si na calidade dos proxectos que visamos. Recoñezo que a maioría dos casos de competencia veñen polos prezos dos proxectos e legalmente non podemos facer nada.

Polas vosas mans pasan moitos proxectos para ser visados. ¿Cal é a tendencia en benestar nas novas instalacións gandeiras?
Constituímos un gabinete de visados formado por catro profesionais colexiados e que rotan periódicamente, en aras de fomentar a calidade dos proxectos. Este sistema permítenos incrementar tamén a capacidade e a velocidade de visado.

En deseño de instalacións avanzouse moito no que é tratamento de lixiviados, pendente das camas de descanso ou deseño dos pasillos para mellorar en benestar animal. É algo que se está a levar aos proxectos.

Tamén hai que salientar que nas axudas para plans de mellora da Consellería do Medio Rural se demande a obriga dun estudo económico. É importante que un técnico chegue a unha explotación e poda facer unhas recomendacións e, neste sentido, un plan económico obriga a repensar os investimentos en instalacións para que non acaben sendo un lastre en vez dunha solución.

¿Como inciden os plans de mellora na vosa carga de traballo?
Con 11 millóns de parcelas en Galicia existe un elevado grao de litixiosidade entre propietarios, e neste sentido a delimitación de parcelas segue ocupando moita da nosa carga de traballo. A litixiosidade mantense case constante, así como o intercambio de terras.

En canto aos proxectos, se hai plans de mellora anima moito a facer proxectos de investimentos así como que as instalacións se constrúan dentro da legalidade. Sen dúbida nótanse moitísimo os plans de mellora na actividade dos enxeñeiros agrícolas.

Por outra parte, penso que hai que reclamar á Xunta de Galicia que se cubran as xubilacións dos centros de investigación agraria así como que se reforcen as oficinas agrarias comarcais, porque son imprescindibles para o apoio ao sector.

¿Cal debe ser o papel do enxeñeiro técnico agrícola ante as denuncias de falta de cumprimento da legalidade na forestación de terras agrarias? ¿Deberían actuar os colexios como parte denunciante?
Mentres eu presida non teño intención de promover que se presenten denuncias a este respecto, pero si tratar de convencer e de feito é unha liña na que estamos a traballar. Sirva como exemplo que un estudo recente da Fundación Juana de Vega conclúe que en Galicia hai máis de 700.000 hectáreas abandonadas das que 41.000 teñen máxima aptitute para a produción de millo forraxeiro, o que permitiría que os nosos gandeiros reducisen a súa factura en concentrado e en gastos de alimentación.

É dicir, onde se dá herba, millo ou patacas habería que pensar moito o de plantar eucaliptos. Ademais, en países desenvolvidos e con cultura forestal teñen claro que o eucalipto non é unha árbore rendible a longo prazo. E iso recoñecendo que os propietarios son libres para facelo mentres estea permitido polas leis e polos plans xerais.

É suficiente con ollar o que se está facendo noutras zonas cercanas de aquí, como en Braganza, no norte de Portugal, onde teñen claro que o máis rendible é a plantación de castiñeiros. E de feito, a xente que plantou 20 hectáreas de castiñeiros hai 30 anos hoxe ten uns ingresos de 100.000 euros ao ano de media pola venda de castañas e cunha calidade de vida moi boa.

¿Como valorades as últimas reformas da Lei do Solo e as súas incidencias nos plans de mellora?
As leis do solo en Galicia sempre son un tema altamente sensible. Considero que a anterior lei do ano 2002 foi moi innovadora, pese ás críticas que tivo. Por exemplo, creou os plans xerais coas figuras de solo rústico de protección agropecuaria, solo rústico de protección forestal e núcleo rural tradicional e intentou que se lles dera relevancia nos plans xerais. Ademais, favoreceu o recoñecemento das explotacións e que a partir de entón todo o que se construíra no rural fose legal, algo que aínda non se conseguiu.

“Debemos ser os primeiros en transmitir á sociedade a importancia do medio rural”

En canto á lei de 2/2016, diría que todos aínda temos un profundo descoñecemento dela, cuns regulamentos que son moi extensos. Ademais, emitir calquera informe técnico obriga tamén a consultar a lei de emprendemento, a lei de montes, a de protección contra incendios forestais de Galicia…etc. Redactar leis para un medio rural tan complexo e diverso como o galego é moi difícil.

¿En que áreas de traballo prevés que se xere máis traballo para os colexiados nos próximos anos?
Considero que a nosa é unha profesión de futuro, e sobre todo no noso territorio, onde os estudantes están rodeados de explotacións agrogandeiras.

Polo demais, temos que ter o compromiso de transmitir á sociedade que o medio rural é fundamental para Galicia e todos temos que concienciarnos e difundilo. Temos tamén unha gran área de traballo en mellorar a mobilidade da terras en Galicia e en incrementar a dimensión das explotacións.

2 ideas sobre ““Nos países avanzados xa teñen claro que o eucalipto non é a árbore máis rendible a longo prazo”

  1. José Manuel Zapata Fernández

    Xa que lle dá tanta importancia ás competencias profesionais, ¿qué tal se deixa que sexan os enxeñeiros técnicos forestais ou os enxeñeiros de montes os que falem sobor da rendibilidade do eucalipto?

    Contestar
  2. Cristina

    Este señor non debería de falar do eucalipto cando ten unha empresa privada adicada á gandería. Os gandeiros compiten polos montes para deforestalos e sementar herba no lugar de árbores, coma o eucalipto que sirven de purificador do dióxido de carbono que as empresas gandeiras, coma a deste señor, emiten.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información