No que vai de setembro nas provincias da Coruña e de Lugo choveu menos do 10% dun ano normal

No que vai de setembro nas provincias da Coruña e de Lugo choveu menos do 10% dun ano normal

Millo seco en Lalín

No que vai de mes de setembro nas provincias da Coruña e de Lugo caeron menos do 10% das precipitacións do que sería un mes normal. Así, mentres que na de Ourense as treboadas fixeron posible que con tan só 2 días de precipitación apreciable se alcance xa case o 80% da media mensual, no resto dos observatorios principais da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) a porcentaxe sobre a media oscila entre o 3% da Coruña e o 8% de Lugo (con 3 días de precipitación en ambos os casos).

Esta seca está a afectar especialmente aos cultivos de millo forraxeiro e aos pastos, con perdas para o sector gandeiro.

As previsións para este outono de Aemet é que en toda España as temperaturas acaden uns valores superiores aos normais, mentres que non se aprecian diferenzas significativas con respecto á climatoloxía excepto
en Baleares, onde hai unha maior probabilidade de que a precipitación alcance
valores lixeiramente superiores aos normais.

Un verán húmido e moi cálido

En canto ao verán que ven de rematar, o balance de Aemet para Galicia é o dunha estación moi cálida e húmida. Así, a temperatura media de cada un dos meses do verán resultou superior aos seus respectivos valores normais. Xuño (anomalía +0.5 ºC) e xullo (anomalía +0.6 ºC) foron meses cálidos, pero hai que destacar sobre todo o carácter moi cálido dun mes de agosto que, cunha anomalía de +1.8 ºC, resulta o terceiro máis cálido da serie histórica de Galicia
(1951-2018), só superado polos de 2003 e 1998. Como consecuencia, o trimestre resultou moi cálido (anomalía +1.0ºC), aínda que cunha temperatura media inferior aos de 2015, 2016 e 2017, sen ir máis lonxe no tempo.

A máxima absoluta rexistrouse en Ribadavia o 2 de agosto: 42.3ºC. A mínima absoluta, en Xinzo o 10 de agosto: 3.3ºC.

En canto ás precipitacións, aínda que houbo zonas da metade occidental nas que non se alcanzaron os valores normais, sobre todo nas provincias da Coruña e de Pontevedra, o verán resultou húmido para o conxunto de Galicia, cunha porcentaxe sobre a media do 32%.

Un mes de xuño moi húmido (o máis húmido desde 1974 e o cuarto da serie histórica) no que se duplicaron folgadamente os valores medios, compensou a un agosto moi seco, no que as cantidades recollidas quedaron por baixo do 40% dos devanditos valores. Pola súa banda, xullo foi un mes normal aínda que lixeiramente húmido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información