Nas comarcas gandeiras galegas a mobilidade de terras á similar á de Francia ou Alemaña

Avance dos resultados do proxecto “Propiedade e mobilidade do mercado de terras en Galicia”, que promove a Fundación Juana de Vega e o AGADER por medio do Banco de Terras e que desenvolve o Grupo de Investigación da USC (LaboraTe).

Nas comarcas gandeiras galegas a mobilidade de terras á similar á de Francia ou Alemaña

A mobilidade de terras agrarias para o seu aproveitamento nas comarcas gandeiras de Galicia é similar á de Francia ou Alemaña, mentres que no conxunto de Galicia sitúase entre as máis baixas de Europa, debido ao abandono da actividade agraria en case toda a provincia de Ourense e na montaña lucense. Ademais, onde hai dinamismo agrogandeiro, os prezos das parcelas son menores.

Esta son algunhas das conclusións do proxecto Propiedade e mobilidade do mercado de terras en Galicia, que promove a Fundación Juana de Vega e o AGADER por medio do Banco de Terras e que desenvolve o Grupo de Investigación da USC (LaboraTe). Os seus resultados foron avanzados onte polo director da fundación, José Manuel Andrade, dentro do curso de verán da USC: “Que facer coa terra que temos? Desafíos da propiedade e uso da terra en Galicia” que ata o venres se celebra no Campus de Lugo.

En Galicia hai neste momento 46.000 hectáreas abandonadas de terras da mellor calidade agraria

José Manuel Andrade, empezou a súa ponencia sobre a mobilidade de terras en Galicia lembrando que na Comunidade “a superficie utilizada pola agricultura e a gandería diminúe cada ano desde a década de 1960, e cada vez faino máis rápido: aproximadamente 150.000 hectáreas menos desde 1985”.

Deste xeito, segundo expuxo o director da Fundación Juana de Vega “en Galicia hai neste momento arredor de 114.000 hectáreas de terra con boa aptitude agrícola que están abandonadas, das que arredor de 46.000 son terras da mellor calidade”.

Proxecto: “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial”

Precisamente, para coñecer cal é a situación real da mobilidade de terras en Galicia e dotar de transparencia ao mercado, poñendo en valor as terras abandonadas, xurdiu o proxecto “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial”, que utiliza como fontes de información o Rexistro de comunicacións de transacción en Zonas de Especial Interese Agrario, as Liquidacións do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, o Censo Agrario e as declaracións do FOGGA para as axudas da PAC.

A mobilidade de terras nas comarcas gandeiras de Galicia é parecida á de Alemaña ou Francia

E unha das conclusións do estudo adiantadas onte polo presidente da Fundación Juana de Vega é que a mobilidade de terras en Galicia presenta enormes disparidades. Así, as taxas de transferencia por compra-venda (superficie transferida en relación ó total de superficie) do conxunto de Galicia son das máis baixas de Europa. Unha media do 0,13% fronte á media española de 0,44 a 1%.

“Sen embargo, existen diferenzas moi importantes dentro do país, pois nas comarcas gandeiras o dinamismo do mercado da terra agrícola é similar a Francia ou a Alemaña”, subliñou José Manuel Andrade. Así, nos concellos onde hai dinamismo gandeiro a taxa de transferencia sitúase entre 0,36 e 1,15, mentres que naqueles nos que se abandonou a gandería, fundamentalmente a provincia de Ourense e boa parte da montaña lucense, a taxa sitúase entre 0,01 e 0,21%.

MOBILIDADE_TERRAS_JUANA_VEGA_01

Taxa de transferencia anual (%) e prezos unitarios (prezo mediano) por concello nos anos 2008–2013. Elaboración propia a partir dos datos da Axencia Tributaria de Galicia.

Prezos da terra dos máis elevados de Europa…sobre todo na costa e áreas periurbanas

Por outra parte, no contexto español, Galicia é unha das comunidades autónomas onde o prezo da terra é máis elevado. Os prezos están nunha media de 21.800 euros a hectárea, dos máis altos de Europa, fronte á media española de 10.000 euros. Como se observa no cadro, os maiores prezos danse nas áreas costeiras e nas zonas periurbanas. Pola contra, o prezo da superficie agrícola está nunha media de 15.000 euros, a de forestal en 8.700 e a de mato 6.800 euros.

Cambios no uso da terra en Galicia

O profesor da USC, Eduardo Corbelle, afondou nesta liña cun mapa dos cambios de uso da terra en Galicia no período 1985-2005 onde se observa de novo unha división de Galicia en tres sectores: a costa cun uso urbano e forestal, fundamentalmente eucalipto; as comarcas gandeiras do interior das provincias de Lugo e A Coruña e as zonas abandonadas de Ourense e a montaña lucense.

MOBILIDADE_TERRAS_JUANA_VEGA_03

As explotacións gandeiras cos titulares máis novos xa xestionan máis do 40% da SAU de Galicia

Outro dos resultados do proxecto que expuxo José Manuel Andrade é que “as explotacións gandeiras con base a terra e con titulares máis novos son as que máis terras demandan dentro do sector agrario”. Ademais, a taxa de transferencia media anual é maior en concellos con máis explotacións “en base a terra” e de maior tamaño produtivo.

O arrendamento impulsou o crecemento das explotacións gandeiras

En concreto, segundo expuxo o director da Fundación Juana de Vega, as explotacións con titulares menores de 55 anos e de maior dimensión económica xestionan xa máis dun 40% da SAU de Galicia, cando en 1999 só aglutinaban un 25%. “Así, este grupo multiplicou por tres o seu tamaño medio de explotación neses 10 anos”, subliñou.

Ademais, e tal como se reflicte na táboa, o arrendamento foi a vía fundamental para o crecemento deste subconxunto de explotacións que se poden denominar como de “alta demanda” de terras. En concreto, o 41% da súa SAU está nese réxime.

MOBILIDADE_TERRAS_JUANA_VEGA_02

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información