Mobilización en Madrid contra o despoboamento rural

Cartel da mobilización.

Cartel da mobilización.

Organizacións e plataformas de toda España apoian este domingo 31 de marzo a chamada ‘Revuelta de la España Vaciada’, unha mobilización que se desenvolverá en Madrid para reinvindicar políticas que freen o despoboamento en zonas rurais. En concreto, os convocantes demandan “oportunidades laborais, servizos e mellores vías de comunicación”.

A mobilización iniciouse por iniciativa de dúas plataformas cidadáns, ‘Teruel existe’ e ‘Soria ya’ e conseguiu xa o apoio de máis de 80 colectivos. Entre as entidades que se suman á mobilización está o Foro de Acción Rural, unha plataforma que integra a organizacións do sector agrario e que vén advertindo de que os habitantes do rural estanse a ver “expulsados do seu territorio pola falta de condicións axeitadas”.

“Os territorios rurais que van perdendo poboación -valora o Foro- caracterízanse por un elevado envellecemento, baixa natalidade e dificultades para os seus habitantes e para o asentamento de novas familias pola aplicación de meros criterios de mercado no deseño de servizos e equipamentos, cunha visión desvinculada do medio rural. As tecnoloxías de comunicación implántanse ademais con dificultade, o que reduce o emprendemento. O illamento dificulta a cultura asociativa e cooperativa. Á baixa rendibilidade da actividade agroforestal súmaselle a presión competitiva dos mercados globalizados, o desequilibrio territorial e social das axudas dirixidas ao medio rural e a tendencia xeneralizada á concentración poboacional en áreas urbanas, onde hai un mercado laboral máis diversificado, promovido, entre outros factores, polo estereotipo cultural de inferioridade de condicións e calidade da vida no medio rural. Por tanto, o conxunto de problemas fai que as oportunidades se reduzan, sobre todo para mozas e mulleres”, conclúen.

Lectura en Compostela da Declaración de Dereitos Labregos aprobada pola ONU

O Sindicato Labrego Galego tamén organiza este domingo, 31 de marzo, unha lectura pública da Declaración dos dereitos dos labregos, das labregas e doutras persoas que traballan nas zonas rurais, que foi aprobada definitivamente o 17 de decembro de 2018 pola Asemblea Xeral da ONU en Nova York.

Para desenvolver este evento o SLG elixiu como escenario o Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Compostela, e convidou a participar a figuras públicas e representantes de organizacións e colectivos destacados na defensa da terra e dos dereitos humanos. Cómpre destacar, neste senso, a presenza de Marina dos Santos, dirixente do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST).

O acto, que se iniciará ás 11 horas, busca dar a coñecer ás institucións e movementos sociais de Galicia esta Carta de Dereitos Labregos, pois o SLG entende que supón a primeira conquista global do campesiñado, “sendo resultado dun duro traballo de case dúas décadas liderado por La Vía Campesina, movemento internacional do que forma parte o Sindicato Labrego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información