“A mina sería a nosa desaparición, vivimos aquí e queremos seguir facéndoo”

Multitudinaria tractorada e manifestación en Touro contra o proxecto megamineiro de cobre. A mobilización contou coa participación de gandeiros, veciños e colectivos de toda Galicia, como a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa

Publicidade
“A mina sería a nosa desaparición, vivimos aquí e queremos seguir facéndoo”

Cabeceira da marcha de protesta contra o proxecto da mina de Touro - O Pino.

A tractorada e manifestación convocada hoxe contra a mina de Touro – O Pino esperábase como termómetro para medir a oposición social que xenera o proxecto. O resultado da protesta, coa participación unánime dos gandeiros da zona e cunha alta afluencia veciñal, superou incluso as expectativas da Plataforma Mina Touro O Pino Non, constituída o pasado outono para enfrontarse ó proxecto megamineiro, que retomaría a explotación de cobre na zona.

O sentir dos veciños asistentes á protesta é unánime contra o proxecto. “O impacto da mina sería a desaparición”, resumía ó final da marcha José Manuel Neira (Bendaña, Touro), un dos veciños que se desprazou en tractor á mobilización. “Estas empresas xa sabemos ó que veñen. Hai que mobilizarse porque, falando claro, veñen botarnos do concello. O que máis nos indigna é que os alcaldes dos dous concellos máis afectados estean de acordo coa mina”, criticaba.

Ao longo da marcha repetíronse as consignas contra ambos rexidores, Ignacio Codesido (Touro) e Manuel Taboada (O Pino), aos que os manifestantes acusan de complicidade coa promotora da megamina, Atalaya Mining. Tamén se demandou da Xunta a paralización do proxecto, que está na fase de recabar informes dos distintos organismos públicos sectoriais, antes da súa autorización ou non.

Galería de fotos (1/19).


Impacto na gandería

Abrindo a mobilización, que percorreu Touro, marchaba un tractor conducido por Pedro Souto, un dos socios de Gandería Sar (Bama, Touro), a maior explotación láctea da zona, que está ubicada nunha das parroquias que quedarían máis afectadas polas canteiras a ceo aberto.

“A mina tería un impacto grande para todo. Eu vívoo directamente na gandería, pero o impacto sería para todos os veciños” -destaca Pedro-. “A mobilización podemos dicir que é un éxito. Dos gandeiros da zona, penso que non falta ninguén e tamén hai moita participación do resto dos veciños. A protesta vale a pena e probablemente non será a última que fagamos. Hai que seguir loitando para que non abran isto”, concluía.

A fase inicial da mina abarcaría 700 hectáreas, pero a concesión total é de 122 quilómetros cadrados

Os veciños temen a dimensión que podería acadar a explotación mineira, que nunha fase inicial ocuparía 700 hectáreas, pero que conta cunha concesión total de 122 quilómetros cadrados, unha superficie sobre a que xa se están facendo prospeccións.

“A mina afectaría a todas as explotacións, tanto ás de leite, que perderían calidades, como as de Ternera Gallega, como é o meu caso. Na primeira fase, aféctame nas augas e no vento, pero se segue para adiante, as miñas terras están todas dentro da concesión”, resumía Maricarmen Aguiar, de Obra (Vila de Cruces). “A protesta de hoxe é unha maneira de dicirlle que non á mina. Vivimos aquí e queremos seguir facéndoo”, subliña Maricarmen.

Consecuencias
Os impactos da mina temidos polos veciños enumeráronse no manifesto final da marcha, nunha lista de consecuencias que se prolongou durante máis de cinco minutos de lectura. Entre os principais efectos, citáronse a perda de base territorial das explotacións agrarias, a contaminación atmosférica polo po en suspensión ou a contaminación química das augas.

Tamén hai preocupación polas escombreiras e depósitos de lodos. “A 200 metros do lugar de Arinteiro (Touro) ubicaríase unha balsa con capacidade para 500 millóns de metros cúbicos de residuos, o que representa unha sexta parte do encoro de Portodemouros. Hai un risco claro para as poboacións próximas á balsa”, valora a plataforma veciñal.

Témese o impacto da mina na contaminación das augas, que podería chegar a través do río Ulla ata os bancos marisqueiros de Arousa

Os veciños advirten ademais da contaminación das augas que van parar ó río Ulla, xa afectadas pola anterior mina de cobre, pechada hai tres décadas. “A contaminación chegaría á ría de Arousa, a máis produtiva de Galicia a nivel marisqueiro, e afectaría á traída de augas dos concellos da ribeira do Ulla”, inciden.

Apoios
‘A vaca e o mexillón non queren a contaminación’ foi un dos lemas coreado na protesta, que contou coa participación dunha representación da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Asistiron tamén á mobilización colectivos contrarios a outros proxectos mineiros, como os de Mesía ou a Terra Cha, así coma colectivos ecoloxistas e organizacións agrarias, coma o Sindicato Labrego ou Unións Agrarias.

Por parte do Sindicato Labrego, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, destacaba a falta de compatibilidade entre a mina e a actividade agraria e gandeira da zona. “Este proxecto non é compatible coa gandería e hai que paralo. O beneficio que pode deixar é mínimo comparado co impacto que pode causar, pois ademais da afectación directa na comarca, as augas contaminadas impactarían no marisqueo da Ría de Arousa. É un gran perigo”.

image_print

Una idea sobre ““A mina sería a nosa desaparición, vivimos aquí e queremos seguir facéndoo”

  1. Lucía

    Hai un dato no artigo que está errado, a concesión de explotación abarca 2700 hectáreas. Según recoñeceu nunha entrevista Alberto Lavandeira (administrador solidario da empresa promotora) a intención é explotar toda a concesión e ampliala ata unha superficie total de 122,7 kilómetros cadrados, abarcando así os concellos de Touro, O Pino, Boqueixón, Vila de Cruces e Santiago de Compostela. O proxecto actual de Touro é tan só un fragmento dun megaproxecto, queren convertir o rural galego nunha mina, pero non llo imos permitir!

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información