Mercado da Terra, produtos 100% naturais e ecolóxicos

Todos os martes pola tarde un grupo de dez venderores danse cita no Mercado de Quiroga Ballesteros de Lugo para dar saída ás súas colleitas e produtos. É un modelo que funciona por media Europa, o dos mercados ecolóxicos de proximidade, e que en Galicia estase xa a desenvolver nas principais cidades

Publicidade
Publicidade
Mercado da Terra, produtos 100% naturais e ecolóxicos

Mercado da Terra que se celebra en Lugo tódolos martes á tarde.

Pan, froitas, hortalizas, galletas, confituras ou mesmo aceites esenciais. Todos produtos de quilómetro cero, 100% naturais e ecolóxicos, de tempada ou en conserva. É o que un pode atopar os martes de 5 a 8 da tarde na nave central do Mercado Municipal Quiroga Ballesteros de Lugo. Unha iniciativa que promoveu a asociación O Bandullo Ecolóxico e que cumpre xa 6 anos.

O mercado funciona en modo autoxestión, aínda que para poder vender hai que cumprir unha serie de requisitos fixados por todos os vendedores, que toman en asemblea as súas decisións de xeito conxunto.

Cooperativa de traballo asociado en Negueira de Muñiz
A variedade de vendedoras é ampla. Dora Cabaleiro forma xunto a Luz Rossel Ribeiregas, a rama de agroecoloxía e transformación de produtos agrarios da Cooperativa de Traballo Asociado Ribeira do Navia, de Ernes, no Concello de Negueira de Muñiz, que ten tamén outras dúas facetas: a de bioconstrución e a de traballos agrícolas e forestais.

A cooperativa de traballo asociado Ribeira do Navia trata de fixar poboación no concello de Galicia que menos ten, o de Negueira de Muñiz

Decidiron crear a cooperativa no ano 2012 entre uns poucos veciños do lugar para poder fixar poboación no concello que menos ten de toda Galicia, con tan só 215 habitantes en 72,3 quilómetros cadrados. Ernes é unha das aldeas onde sobrevive o espírito da comuna hippy que se asentou ás beiras do encoro de Grandas, no límite entre Galicia e Asturias, a finais dos setenta, despois de que a construción da presa nos anos 50 baleirara de xente a zona, deixándoa orfa de futuro.

Dora é das que acode todos os martes a vender os seus produtos ao Mercado da Terra de Lugo. Ribeiregas tamén fai venda directa os mércores no mercado semanal de Ribadeo e a partir de agora comezarán a comercializar tamén en tendas, xa que desde decembro de 2016 contan co rexistro sanitario necesario.

Dora Cabaleiro, no seu posto do Mercado da Terra.

Dora Cabaleiro, no seu posto do Mercado da Terra.

Dora e Luz (activista belga que leva 25 anos instalada en Negueira) envasan e transforman todo tipo de produtos que dá a horta no seu pequeno obradoiro da parroquia de San Pedro de Ernes. No seu posto hai vinagre de mazá; confituras e marmeladas de figo, framboesa, pexego, kiwi, amora e pera, cereixa, grosella, arando ou sabugueiro; zumes naturais de mazá, uva, pera e kiwi; salsa de sésamo, pisto e ketchup caseiro; deshidratados de mazá, kiwi, cabaza, cebola ou tomate; chutney, chucrut e falafel e encurtidos.

Unha ampla gama de produtos demandados sobre todo por unha clientela fixa e habitual que todos os martes acode ao Mercado da Terra a provisionarse para toda a semana. “Eu desde que veño ao Mercado da Terra case non piso o supermercado”, afirma unha clienta asidua.

Selo propio
Desde hai un tempo están tentando artellar un selo de garantía participativo que poidan compartir todos os seus produtos. A diferenza é que neste caso a certificación non é feita por terceiras persoas, senón polos propios produtores a través dunha comisión da que forman parte unha produtora, unha consumidora e unha técnica. “O selo non ten nada que envexar ao do Craega polos requisitos que nós mesmos nos fixamos”, consideran.

Os vendedores traballan na posta en marcha dun selo de garantía participativo que distinga os seus produtos

Forman parte desta iniciativa, que imita o selo que A Gavela ten en Vigo, 12 produtores e produtoras, todos da provincia de Lugo agás un. Producen carne, mel ou legumes. O proceso de creación do selo está avanzado. Xa están feitas as visitas aos 12 produtores (faise unha visita por proxecto ao ano) e están pendentes de que se reúna a Comisión para facer as valoracións.

Mercados en toda Galicia
Coma o Mercado da Terra de Lugo, existen outros en Galicia, como o de Lusco e Fusco de Santiago ou o de Catro Ponlas en Pontevedra, todos en ecolóxico. Están tendendo a unificar criterios entre eles para establecer selos locais coas mesmas características. O obxectivo é que o consumidor identifique con claridade todos os mercados galegos deste tipo.

Luis Fontenla, do Forno das Candeas, tamén é dos que acode todos os martes ao Mercado da Terra de Lugo. Luis comezou coa súa parella, Sabela, a traballar con castañas no Courel no 2007 e desde hai dous anos trasladáronse á Laracha. Está a traballar dentro da Asociación Labrega Natura da Coruña en distintos proxectos coa mesma filosofía que o Mercado da Terra de Lugo.

Os martes pola mañá o recinto municipal de San Agustín xa acolle un mercado deste tipo e en breve tamén haberá un mercado de rúa (“encontro de rúa”, prefire chamarlle Luis) os venres noutra zona da cidade que aínda están a concretar.

Luis Fontenla, do Forno das Candeas.

Luis Fontenla, do Forno das Candeas.

“Tratamos de transformar os ingredientes que dá a terra en cousas que dean cartos”

O Forno das Candeas é un proxecto familiar de elaboración de produtos con fariña de castaña e con cereais locais como o millo e o centeo. “O que tentamos facer é transformar os ingredientes que dá a terra en cousas que dean cartos”, explica Luis, que ten no seu posto pan e galletas de castaña, millo e centeo.

Ademais da castaña biolóxica (ecolóxica), que eles mesmos recollen, secan e seleccionan para convertela en fariña de excelente calidade coa que elaboran pan, madalenas e galletas, o resto dos ingredientes que empregan son de orixe local ou de comercio xusto e os seus produtos están certificados polo CRAEGA.

Secado de castañas no Courel
A aventura de Luis e Sabela comezou hai xa 10 anos. “En 2007 vendemos as nosas primeiras castañas secas recuperando a maneira tradicional de secado existente na Serra do Courel, dous anos despois comezamos a vender fariña de castaña para uso culinario e en 2010 vendemos o noso primeiro pan de castañas na Feira de Artesania de Vilamor”, lembra.

O Forno das Candeas vende galletas e pan de castaña, millo e centeo

“A partir de aí preferimos continuar co tema do pan de castaña e outros produtos elaborados e sempre vendemos en feiras ou locais afíns ao consumo responsable”, conta. Os seus produtos están hoxe xa en 34 puntos de venda das catro provincias galegas.

Luis explica que durante esa primeira época utilizaron un forno de leña tradicional dunha veciña, a quen lle están enormmente agradecidos, e que desde xaneiro de 2013 contan xa cun pequeno forno propio con rexistro sanitario. Durante dous anos o seu sequeiro e obrador encontrábase en Parada dos Montes, no Courel, onde tamén residía a parella cos seus dous fillos. “En 2015 solicitamos o selo do CRAEGA de certificación ecolóxica e mudamos de residencia e isto animounos tamén a mudar o nome do noso negocio para O Forno das Candeas (anteriormente O Sequeiro da Portela)”, conta.

Actualmente Luis e Sabela viven en Golmar, na Laracha, a onde tamén trasladaron o seu obrador e deciciron adicar as súas terras a cereal, co que ampliar a súa gama de produtos.

Obradoiros e actividades todos os meses

Os produtores e vendedores que se reúnen todos os martes en Lugo teñen no Mercado da Terra un punto de encontro e aproveitan para facer tamén actividades abertas ao público. Así, todos os meses organizan algún tipo de obradoiro que a maioría das veces eles mesmos imparten. “Todos sabemos facer algo diferente e interésanos transmitir ese coñecemento aos demais, así que nos obradores cada un conta o que sabe facer para converter en accesible ao conxunto da poboación ese coñecenento e esa experiencia de cada un de nós”, explica Xosé Martínez Gómez.

Con ese obxectivo divulgativo, Xosé ten tamén o seu blog, onde universaliza coñecementos como os procesos de fabricación do seu pan de landras ou da produción de shiitake, unha das súas últimas aventuras, que cultiva en tronco de carballo e bidueiro de poda ecolóxica, un produto de tempada que vende de maio a decembro fresco ou deshidratado.

Xosé Martínez, nun dos obradoiros do Mercado da Terra.

Xosé Martínez, nun dos obradoiros do Mercado da Terra.

Pan de landras
Tamén é novidosa outra das súas especialidades, a fabricación de pan de landras. O proceso é semellante ao da castaña (hai que apañar as landras, secalas, descascalas e moelas) pero a maiores hai que desamargar a fariña en tres lavados con moita auga (bótase un quilo de fariña en 10 litros de auga e agárdase 6 horas a que decante). Nesa auga quedan disoltos os taninos, que dan amargor e son tóxicos.

Xosé coce no forno que ten na parroquia de Santa María Alta, pertencente ao Concello de Lugo, onde vive nunha casa de bioconstrución, porque Xosé é desas persoas absolutamente coherente na defensa e coidado da natureza. Por iso tamén mércalle o trigo para o seu pan a Víctor, outro dos produtores que acode ao Mercado da Terra e o millo a Demián, un produtor de San Antolín de Ibias, en Asturias, que está a recuperar variedades da zona. No forno de Xose coce tamén Sabela, que fai empanadiñas de produtos de tempada.

Xosé foi quen impartiu o último dos obradoiros, titulado Sementando Poesía e adicado á reciclaxe de papel con sementes. Os anteriores foron de fabricación de queixos, de aceites esenciais ou a presentación do banco de tempo, que tamén se está a artellar. Todo nun mercado pensado para que a terra rexurda.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información