Meira celebra o vindeiro 19 de agosto a súa Festa da Malla , declarada de Interese Turistico Galego

A recreación deste traballo agrícola, na que colaboran veciños e visitantes, cumpre 27 anos e foi a primeira que se comezou a celebrar en Galicia. O programa complétase con música, gastronomía e exposición de maquinaria antiga e artesanía

Publicidade
Meira celebra o vindeiro 19 de agosto a súa Festa da Malla , declarada de Interese Turistico Galego

O concello de Meira, na provincia de Lugo, vivirá un ano máis o vindeiro domingo 19 unha auténtica xornada de tradición e de lecer arredor dun dos traballos agrícolas de máis arraigo durante décadas en Galicia. O balbordo atronador da máquina de mallar volverá escoitarse no centro da vila, onde a organización, que corre a cargo da asociación Amigos da Malla, reproduce un labor tradicional de forte peso no agro galego que aínda pervive na memoria das xeracións de maior idade.

Declarada de interese turístico galego, a Festa da Malla de Meira foi a primeira iniciativa de recuperación en toda Galicia en torno a esta temática, servindo de modelo para outras moitas que agora se desenvolven por toda a xeografía galega, que contribuen a manter esta tradición, despoxada hoxe dos seus fins produtivos.

A xornada comezará ben cedo coa chegada á praza do trigo nun tractor antigo tras ser recollido días atrás noutra xornada de sega e almacenado na propia finca en forma de medeiros. Logo, unha parte dos 80 colaboradores e colaboradoras comezan coa malla tanto á man (ao malle ou cunha escabezadora) coma á máquina (tanto de motor coma accionada pola forza humana que lograron introducir fai dúas edicións grazas a máquinas sen motor de comezos do século XX). Comezarán traballando a man e irán incluíndo ferramentas ata a chegada da malladora, facendo un percorrido polas distintas técnicas e a súa evolución no tempo, na medida en que ían evolucionando os apeiros e ferramenta empregada.O proceso continúa despois co paso do gran pola limpadora; mentres se constrúe tamén o palleiro.

A malla prolóngase ao longo de todo o día e todos os traballos realízanse á vista do público, para que todo aquel que así o queira poida mesmo participar. O obxectivo é, segundo os organizadores, ter unha xornada de convivencia recordando tempos pasados nos que a malla era un deses momentos de traballos agrarios comunitarios, onde os veciños se axudaban os uns aos outros.

malla meira apaisado 2

Labran 3.000 metros cadrados de trigo

A Asociación de Amigos da Malla de Meira, que preside Manuel Pardo, encárgase de todos os preparativos para esta celebración, entre os que están os traballos de sementado e sega do trigo. Para a realización da malla seméntanse 3.000 metros cadrados de trigo, que son segados á man, como se facía antes. A xornada de sega, na semana anterior á malla, reúne a veciños e voluntarios provistos de fouciños.

malla meira estandar

A actividade da asociación prolóngase durante todo o ano, con tarefas como o mantemento da maquinaria ou a organización de outras actividades. Para a malla de Meira emprégase maquinaria antiga. As persoas que se acheguen ata Meira o 19 poderán ver tamén na Praza do Concello unha mostra de maquinaria agrícola antiga que amosa a evolución dos traballos no campo. Outras asociacións e colectivos doutros lugares de Galicia onde tamén se fan mallas contribúen a enriquecer a festa achegando distintas máquinas e técnicas.

Música e gastronomía para completar o programa

Coma todos os anos os organizadores contan cun cartel cheo de actividades que comezan dende a mañán cedo ata ben entrada a noite. Por todo o centro da vila atópanse as exposicións de artesanía e maquinaria antiga. Nos 40 postos de venta pódese atopar antigüidades, artesanía e produtos de alimentación de toda a provincia de Lugo.

A xornada complétase cunha degustación gratuíta de buñuelos e viño á unha do mediodía, imitando as costumes das antigas mallas, e quen o desexe pode tomar á hora do xantar un cocido típico da malla a prezos populares nunha carpa habilitada polos organizadores, que servirán arredor de 800 racións do tradicional cocido galego que se ofrecía aos traballadores e traballadoras da malla. Á noite celebrarase unha queimada de balde como peche a esta xornada de lembranza.

Durante todo o día a festa estará amenizada por distintas formacións musicais. Haberá, por exemplo, Festival de Bandas de Música, coa participación de Charamela de Pontedeume e da Banda Municipal de Meira. Tamén será protagonista a música tradicional, con até seis agrupacións: a banda de gaitas e acordeón da Escola Municipal de Meira, o grupo 9 Ferreñas, o Trío Muralla, a Murga de Cántigas e Flores, Antaruxas e Sorteiros da Fonsagrada e Caivanca de Lugo. Pola tarde haberá tamén xogos para nenos e nenas e, como novidade este ano, o primeiro Concurso de Fotografía en torno á malla.

Participantes na anterior malla.

Participantes na anterior malla.

A orixe da festa

Os veciños de Meira souberon sacar partido ao trigo sementado por uns cazadores para atraer as perdices hai xa 27 anos. Cos excedentes decidiron facer unha malla tradicional e organizar unha festa para todos os veciños. A cita foi a primeira das mallas que se celebraron como festa etnográfica e de recuperación da tradición en Galicia.

En vista do éxito da convocatoria foron sumando actividades ata chegar este ano á XXVII edición. E faino dende que aquel grupo de amigos apostara por recuperar esta tradición, despertando un gran interese dos veciños e veciñas que se achegaban á malla guiados polo son das máquinas.

Ao ano seguinte, coa colaboración da cuadrilla de cazadores, a malla trasladábase ao centro da vila onde se mallara cun equipo que adquirira o Concello. Posteriormente a propia asociación, xa constituída, fíxose con desgranadoras e limpadoras. Así, contan na actualidade cunha desgranadora con motor de gasoil refrixerado por auga e unha malladora que se engancha a un motor, tamén coñecida pola súa marca, Campeva.

Referencia na provincia

A Festa da Malla de Meira é a primeira cita destas características que xurdíu en Galicia, xa hai 27 anos, dando paso a outras convocatorias na comunidade e acadando a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional no 2006. A malla de Meira segue a ser referencia deste tipo de celebracións na provincia de Lugo, onde se celebran tamén outras citas deste tipo en lugares como Vilapena (Trabada) ou Orbazai (Lugo). Noutros concellos, sen embargo, foron desaparecendo nos últimos anos este tipo de recreacións tanto pola falta de trigo coma tamén pola falta de man de obra para realizar a propia malla e os traballos que conleva. É o caso das que se celebraban Samos ou O Corgo e que se deixaron de facer.

A Festa da Malla de Meira conta con apoio tanto da Deputación coma do Concello de Meira. Manuel Pardo destaca a importancia da colaboración institucional neste tipo de citas, que axudan a facer historia colectiva, amosando ás novas xeracións como eran os traballos dos nosos antepasados.

Compaxinar tradición con momentos lúdicos

Tradicionalmente as mallas eran momentos de apuro e de traballo duro, pero tamén de festa. Ese mesmo espíritu é o que conxuga a Festa da Malla de Meira, cun programa que une a historia e tradición etnográfica galega con momentos lúdicos, unha combinación que se converte nun claro dinamizador da economía da zona, servindo de reclamo turístico para visitantes e veciños.

Todos os anos son moitos os turistas que se achegan á vila para coñecer esta tradición da malla e, ao mesmo tempo, descubrir os numerosos recursos patrimoniais, culturais e paisaxísticos de Meira, como por exemplo, a igrexa mosteiral de Santa María, de estilo románico, consagrada en 1258 e Declarada Monumento Nacional en 1931, así como as rutas de sendeirismo da vila, como as que van dar ao nacimento do Miño no Pedregal de Irimia, nunha impresionante morrena glaciar de cuarcita.

Gráfico1

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información