Medran un 13% os inscritos na agricultura ecolóxica en Galicia

A conselleira do Medio Rural presentou o balance do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica 2015, no que se observa un interese crecente por este tipo de produción que aumentou a súa facturación en case un 7%

Medran un 13% os inscritos na agricultura ecolóxica en Galicia

Ángeles Vázquez na visita a Castañas Naiciña

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou este luns o balance de 2015 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) que vén demostrar o interese crecente dos produtores por este tipo de negocio en Galicia. En concreto, o pasado ano creceu un 13% o número de inscritos nos rexistros do Craega, chegándose ás 721 persoas.

A titular de Medio Rural estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o presidente do Craega, José Antonio Fernández, que explicou que destas 721 persoas, 558 son produtores agrarios e 163 elaboradores e comercializadores. En 2014 estas cifras estaban en 638 operadores dos que 528 eran produtores e 110 elaboradores. A estas cifras habería que sumar 46 acuicultores en 2015.

Tamén a superficie dedicada á agricultura ecolóxica medrou en 5.073,4 hectáreas. Pasa de 15.233 no 2014 a 20.306,36 no pasado exercicio, o que supón un aumento do 33,3%. A provincia máis destacada é Lugo con 9.652,42 ha e un crecemento do 36,1%, seguida de Ourense con 8.091,51 ha e un incremento do 34,5%. Respecto ao tipo de produción Pontevedra destaca en acuicultura mentres Lugo en produción vexetal e animal con 121 operadores e 146 explotacións, respectivamente.

Aumenta case un 7% o volume de vendas

Ángeles Vázquez destacou a boa marcha deste sector que supón unha alternativa máis de desenvolvemento para o rural. De feito, o crecemento do volume de ventas certificadas en ecolóxico alcanzou o 6,76%, chegando aos 33,3 millóns de euros en 2015. “Son datos alentadores que demostran a importancia económica deste sector”, sinalou Vázquez, deixando claro que “Medio Rural aposta polo ecolóxico e así se pon de manifesto no incremento do 20% das axudas aos consellos reguladores”.

O leite entre os produtos de máis peso

Segundo o tipo de produción, o que máis peso ten en canto a volume de negocio é o leite con moita diferenza. O ano pasado superáronse os 9,9 millóns de euros neste ámbito, o que se traduce nunha suba do 4,6%. Séguenlle as carnes e derivados con 4,1 millóns e un crecemento do 8,6% respecto ao exercicio anterior e as conservas de pescado, tamén cun volume de negocio de 4,1 millóns e un aumento do 13%.

En canto ao crecemento, o gran aumento vén do ámbito dos cereais ecolóxicos. O seu volume de negocio medrou un 479% pero aínda se sitúa nos 4.400 euros. Tamén é destacado o incremento dun 134,72% das conservas vexetais cuns resultados de 721.638 euros.

Casos de éxito

Tras a presentación de resultados do 2015, a conselleira visitou tamén a sede de varias empresas co selo do Craega asentadas no polígono de Chantada como son Castañas Naiciña, Custom Drinks e Galletas Mariñeiras.

A primeira delas, dedícase á manipulación, envasado e comercialización de produtos derivados da castaña: castaña fresca, conxelada, seca, crema de castañas, puré, marmeladas… comercializadas baixo as marcas Naiciña, Flor do Miño e Castiñeiro, baixo o amparo ademais da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. A súa facturación é de entorno a 1,3 millóns (60% nacional e 40% internacional) cunha produción duns 497.000 quilos ao ano. Dende a Consellería de Medio Rural tense colaborado con ela cunha achega total de 372.856 euros dende o 2006.

Pola súa banda, Custom Drinks (antiga Sidrería Galega) percibiu dende 2003 un total de 2,4 millóns de euros en axudas. Esta fábrica produce 1.994.156 litros de bebidas refrescantes e enerxéticas e outros 1.433.555 de sidra convencional e ecolóxica, ademais de sangría, mostos e tónica.

Por último, a empresa familiar Galletas Mariñeiras, que produce galletas salgadas, nace en 2005 e dende entón contou cunhas achegas autonómicas de 780.989 euros. Xa acadou un volume de negocio de máis de 1,4 millóns euros, dos cales o 58% corresponden a exportación a Portugal e Reino Unido. O 30% distribúese en Galicia e o restante 12% no resto do Estado.

Ángeles Vázquez sinalou que todas estas compañías son exemplos de éxito e demostran que se pode seguir a traballar do rural apostando pola innovación e transformación.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información