Medio Rural xestionará excepcións para que pastos queimados poidan cobrar a PAC

A Consellería vén de consultar a posibilidade de que gandeiros afectados polos lumes continúen a percibir as axudas correspondentes ás superficies afectadas

Publicidade
Medio Rural xestionará excepcións para que pastos queimados poidan cobrar a PAC

O impacto dos lumes sobre os pastos está a afectar de xeito negativo ós gandeiros.

Os lumes de outubro deixaron sen parte dos pastos a gandeiros de diversas zonas de Galicia, en especial nos Ancares (Lugo) e na provincia de Ourense. Esa perda de pastos deixaba ademais consecuencias para os próximos anos, pois durante dous anos a normativa prohíbe pastar sobre terras afectadas por lumes. Outro problema é que eses pastos deixan de ser admisibles para o cobro de axudas europeas. A Xunta traballa agora para solucionar esta situación, da que viñan advertindo nos últimos días os gandeiros e organizacións do sector.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que se están valorando “excepcións en determinadas áreas”. A Administración autonómica consultou a situación co Fondo Español de Garantía Agraria (Fega), que contestou que terá en conta as consideracións realizadas desde Galicia á hora de xestionar as axudas da Política Agraria Común (PAC), segundo informa Medio Rural.

Para lograr a excepcionalidade, a Xunta anuncia que elaborará un informe delimitando as zonas afectadas e valorando caso por caso as superficies incendiadas, a fin de que sexan admisibles para as axudas no 2018. A Administración lembra que o impacto dos lumes nos pastos debeuse en boa medida ás extremas condicións meteorolóxicas e a ventos furacanados. “Trátase de evitar que os gandeiros que se viron damnificados nos incendios sexan tamén perxudicados no pago de fondos europeos”, sinalou hoxe Ángeles Vázquez.

Unións Agrarias reclama forraxes para as ganderías afectadas

Unións Agrarias, que mantivo onte reunións con ganderías dos Ancares afectadas polos lumes, reclama que a Xunta cubra as necesidades inmediatas de alimento dos animais. “Se hai cartos para mercar palla para os montes, tamén ten que habelo para suministrar palla e forraxe ós animais”, defende a organización agraria.

Desde Unións valoran de xeito positivo a solidariedade que están amosando gandeiros de toda Galicia, que están enviándolle forraxes ós produtores afectados, pero consideran que o apoio debe ser público e encabezado pola Xunta, non depender da soliedariedade doutros gandeiros, “que ademais tamén están afectados este ano pola seca”.

A organización agraria lembra que gobernos autonómicos como o de La Rioja concederon este ano unha axuda alimentaria de 15 euros por vaca ás explotacións afectadas pola seca.

Por último, Unións sinala que constatou nas reunións dos Ancares un fondo descontento dos veciños co dispositivo de extinción, pois moitos foron obrigados a desaloxar as súas casas, cuestión coa que non estaban de acordo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información