Medio Rural mantén a incógnita sobre a prórroga das axudas agroambientais

O sector agrario considera que urxe unha ampliación dos apoios, unha cuestión que entende que está pendente dunha “decisión política na Xunta”

Publicidade
Medio Rural mantén a incógnita sobre a prórroga das axudas agroambientais

As axudas agroambientais benefician sobre todo a ganderías de zonas de montaña.

O remate do actual periodo de axudas da Política Agraria Común (PAC) no 2020 está a deixar incertidumes no agro. As ganderías que tiñan compromisos ambientais de xestión sustentable de pastos ou de extensificación en vacún de leite descoñecen a día de hoxe que vai pasar coas primas que recibían por estes compromisos. En principio, parte das ganderías cobrarán este ano o último pago agroambiental e o resto remata no 2020.

A mesma inquietude téñena os gandeiros que traballan con razas autóctonas en perigo de extinción, pois entre 2019 e 2020 conclúen tamén os pagos que reciben da Administración por manter esa liña de traballo. E o mesmo sucede cos apicultores que teñen apoio por traballar en zonas con limitacións naturais.

Como o novo periodo da PAC non vai dar arrancado no 2021 e mesmo se teme que tampouco no 2022, iso podería significar que as axudas agroambientais estarían bloqueadas ata o ano 2023, segundo vén advertindo o sector. O pago base da PAC está comprometido por Bruxelas para tódolos anos, pero coas axudas ligadas ó Plan de Desenvolvemento Rural, como as agroambientais, a cousa non está clara.

Posibilidades
Para evitar o bloqueo das axudas agroambientais, faríase preciso que a Xunta redistribuíse fondos do actual Plan de Desenvolvemento Rural, a fin de prorrogar as axudas agroambientais. É unha situación da que vén advertindo o sector e que se volveu poñer sobre a mesa esta semana nunha xornada organizada en Santiago pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).

O director xerente de Agaca, Higinio Mougán, sinalou que existe preocupación no agro, pois hai unhas 4.000 ganderías que se benefician das axudas agroambientais, unha liña que representa unha parte significativa da renda das granxas. “Estamos pendentes de que haxa unha decisión política da Xunta”, subliñou. O sector lembra que outras comunidades como Castilla y León xa tomaron esa mesma decisión, cun compromiso de fondos públicos.

Valoracións do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)
A ese respecto, o subdirector xeral do Fondo Galego de Garantía Agraria, Jorge Piñeiro, presente na xornada, sinalou que unha posible redistribución dos fondos do PDR para prorrogar as axudas agroambientais era unha cuestión que excedía o seu departamento, pois o Plan de Desenvolvemento Rural inclúe liñas de axudas para o sector forestal e para industrias (alimentarias e forestais), polo que a decisión debería tomarse a nivel Xunta de Galicia. Mantense, por tanto, a incógnita sobre o que sucederá en próximos anos coas axudas agroambientais.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información