Lume de Cualedro, posto como exemplo das consecuencias da falta de pasto. / Imaxe: Eloi Villada.

Medio Rural identificou 500 hectáreas abandonadas en Cualedro e Oímbra que proxecta recuperar

A Consellería está a reunirse cos propietarios dos terreos para trasladarlles ofertas de arrendamento, logo de sondear o interese de empresas e cooperativas do sector agrogandeiro por traballar esas superficies. O cultivo de trigo, leguminosas para alimentación animal e viñedo, entre as opcións

O proxecto piloto que se está a desenvolver en Cualedro e Oímbra (Ourense) para mobilizar terras agrarias abandonadas entra na súa última fase. A Consellería do Medio Rural identificou 500 hectáreas sen uso, boa parte delas en terreos de antigas concentracións parcelarias, e iniciou hoxe as reunións cos propietarios para trasladarlles propostas de arrendamento. Previamente, a Consellería mantivo contactos con empresas e cooperativas agrogandeiras para sondear o seu interese en cultivar esas superficies.

O primeiro encontro cos propietarios desenvolveuse hoxe en Cualedro, con participación do director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Dubois, e está previsto que esta tarde e mañá se desenvolvan outros en Cualedro e en Oímbra, nos que participarán técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Proceso
O proxecto arrancou coa análise de arredor de 3.000 hectáreas dos concellos de Oímbra e de Cualedro, correspondentes con zonas de concentración parcelaria e afectadas polos lumes. Posteriormente, a Consellería mantivo durante este ano contactos con diferentes empresas e cooperativas agrogandeiras para coñecer se estaban interesadas en participar no proxecto, así como as súas necesidades de superficie de cultivo e agronómicas.

Sobre a base dos requerimentos de empresas e cooperativas, a Xunta identificou un total de 500 hectáreas en abandono aptas para o cultivo. Os terreos, segundo indica Medio Rural en nota de prensa, estarían destinados ó cultivo de trigo, outros cereais e leguminosas para alimentación animal, así coma viñedos.

A seguinte fase de traballo arrancou hoxe, con reunións dos técnicos do Banco de Terras cos veciños de Cualedro para trasladarlles ofertas sobre as terras, incluíndo prezos e tempo de arrendamento. Para esta tarde está prevista outra reunión en Oímbra e mañá xoves 23 haberá outra en Cualedro, na centro social rectoral da Xironda.

Desde a Consellería agradecen a implicación dos respectivos Concellos no proxecto, pois colaboraron en tarefas como a identificación dos propietarios das terras.