O proxecto piloto que se está a desenvolver en Cualedro e Oímbra (Ourense) para mobilizar terras agrarias abandonadas entra na súa última fase. A Consellería do Medio Rural identificou 500 hectáreas sen uso, boa parte delas en terreos de antigas concentracións parcelarias, e iniciou hoxe as reunións cos propietarios para trasladarlles propostas de arrendamento. Previamente, a Consellería mantivo contactos con empresas e cooperativas agrogandeiras para sondear o seu interese en cultivar esas superficies.
O primeiro encontro cos propietarios desenvolveuse hoxe en Cualedro, con participación do director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Dubois, e está previsto que esta tarde e mañá se desenvolvan outros en Cualedro e en Oímbra, nos que participarán técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Proceso
O proxecto arrancou coa análise de arredor de 3.000 hectáreas dos concellos de Oímbra e de Cualedro, correspondentes con zonas de concentración parcelaria e afectadas polos lumes. Posteriormente, a Consellería mantivo durante este ano contactos con diferentes empresas e cooperativas agrogandeiras para coñecer se estaban interesadas en participar no proxecto, así como as súas necesidades de superficie de cultivo e agronómicas.
Sobre a base dos requerimentos de empresas e cooperativas, a Xunta identificou un total de 500 hectáreas en abandono aptas para o cultivo. Os terreos, segundo indica Medio Rural en nota de prensa, estarían destinados ó cultivo de trigo, outros cereais e leguminosas para alimentación animal, así coma viñedos.
A seguinte fase de traballo arrancou hoxe, con reunións dos técnicos do Banco de Terras cos veciños de Cualedro para trasladarlles ofertas sobre as terras, incluíndo prezos e tempo de arrendamento. Para esta tarde está prevista outra reunión en Oímbra e mañá xoves 23 haberá outra en Cualedro, na centro social rectoral da Xironda.
Desde a Consellería agradecen a implicación dos respectivos Concellos no proxecto, pois colaboraron en tarefas como a identificación dos propietarios das terras.