Medio Rural di que pagará antes de Nadal o 90% das axudas da PAC a quen teña os controis favorables

Publicidade
Medio Rural di que pagará antes de Nadal o 90% das axudas da PAC a quen teña os controis favorables

A Consellería do Medio Rural anuncia que pagará antes do Nadal o 90% do importe permitido das axudas da PAC aos agricultores que teñan os controis administrativos e sobre o terreo favorables. “Esta achega supón preto de 60 millóns de euros que, sumados aos pagados anteriormente –mais de 87 millóns– supoñen case 150 millóns de euros, un 15% máis que a axuda pagada en 2016”, aseguran dende a Consellería.

Así o destacou este xoves a conselleira Ángeles Vázquez na inauguración das xornadas sobre o uso das novas tecnoloxías na xestión e o control das axudas europeas celebradas en Santiago. Segundo explicou, o resto de pagos pendentes realizarase antes do mes de xuño, tal como está previsto na normativa comunitaria.

Esta mesma semana, o sindicato Unións Agrarias solicitoulle á Consellería que proceda a completar os pagos da PAC, pois a organización agraria calcula que aínda quedan sen abonar arredor da metade dos cartos, máis de 100 millóns de euros dun total de 210. Desde Unións aseguran non entender como a Administración aínda non liberou os cartos, pois sostén que conta con autorización comunitaria para iso desde o 1 de decembro.

Nesta campaña da PAC inspecciónanse sobre o terreo uns 90.000 recintos

Por outra parte, a titular de Medio Rural lembrou ademais que en Galicia inspecciónanse sobre o terreo uns 90.000 recintos e nesta campaña de 2017 preto do 90% deles foron controlados mediante teledetección.

“Este sistema, baseado en imaxes vía satélite obtidas en distintas épocas do ano, convértese así nunha ferramenta fundamental para garantir o correcto control sobre o cumprimento das obrigas do chamado pago verde”, dixo a conselleira. Ángeles Vázquez engadiu que a aposta de Galicia por esta tecnoloxía veu motivada pola modificación do período principal de cultivo na campaña de 2017, que obrigou a optar por un sistema que ofrecese información sobre o estado das plantacións no período de inverno.

A conselleira sinalou que as axudas da PAC en Galicia para pagos directos en función do número de hectáreas e cabezas de gando nesta tempada ascenden a uns 170 millóns de euros e que no mes de novembro pagouse o anticipo do 70% destas achegas, un pago que –explicou– está supeditado á finalización dos controis de campo. “No caso galego, estas inspeccións condicionan o desenvolvemento da campaña, polo elevado número de explotacións a visitar e a súa dimensión”, precisan dende a Consellería.

image_print
Etiquetado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información