Medio Rural destina 1,5 millóns de euros a axudas para afectados polos lumes

A Consellería anuncia que as liñas de apoios sairán publicadas previsiblemente este luns no Diario Oficial de Galicia

Medio Rural destina 1,5 millóns de euros a axudas para afectados polos lumes

Incendio nos Ancares este mes. / Imaxe: @Briflaza.

As liñas de axudas para os afectados pola vaga de lumes sairán publicadas previsiblemente este luns no Diario Oficial de Galicia, segundo anunciou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras reunirse con colectivos do sector agrario e forestal. A Xunta destinará un total de 1,5 millóns de euros ás axudas e prevé destinar outros 7 millóns de euros a medidas de consolidación de solos e restauración de áreas queimadas.

O obxectivo das subvencións de Medio Rural é paliar as perdas en infraestruturas e equipamentos privados en explotacións forestais, agrícolas e gandeiras. A Consellería sinala que sufragará tamén os gastos derivados de madeira amoreada queimada procedente de cortas, así como a recollida e astelado de madeira queimada non comercial.

En canto ás producións agrarias, haberá liñas de achegas para a perda total ou parcial das explotacións, ben pola morte de gando ou colmeas, ben para a adquisición de alimentación complementaria para gando en extensivo ou colmeas, sempre para un periodo máximo de tres meses.

Recuperación de solos
A Consellería informa tamén de que as accións de recuperación de solos e restauración centraranse nunha primeira fase nos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo do ano 2017. As accións acometeranse por encomendas de xestión, para as que se destinan 3 millóns de euros no 2017 e 4 millóns no 2018.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información