Medio Rural comeza a seleccionar os proxectos que optan a fondos Feader

Medio Rural comeza a seleccionar os proxectos que optan a fondos Feader

A conselleira con Miguel Dubois

Os 24 territorios nos que se divide Galicia para o reparto dos investimentos do Programa Leader presentaron xa as súas estratexias de cara ao desenvolvemento das súas comarcas para os próximos catro anos. Trátase dun paso máis de cara á constitución definitiva dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que contarán cun orzamento de 84 millóns de euros financiados nun 75% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Rematado o período de presentación de proxectos, comeza a fase de análise por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Aínda que o prazo máximo é de 4 meses, a Consellería intentará axilizar ao máximo posible este proceso co fin de pór en marcha canto antes as iniciativas de cada GDR. A este respecto, o director xeral do departamento, Miguel Dubois, mantivo esta mañá unha reunión coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para analizar estas iniciativas.

A Consellería intentará realizar a selección antes de 4 meses

Cada grupo recibirá un mínimo de tres millóns de euros para desenvolver a súa estratexia e a partir desa cantidade as achegas poden incrementarse en función da valoración que se faga dende a Consellería en base á estratexia xeral xa aprobada.

Os principais obxectivos do programa Leader para o período 2014-2020 son o de mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar servizos á poboación das zonas rurais, favorecendo a mellora do seu nivel de vida, a inclusión social e a redución da pobreza.

Con estes investimentos tamén se persegue favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc., así como garantir que a actividade no medio rural sexa sustentable, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información