Medio Rural aumentará en 2017 as partidas para reestruturación da terra e comercialización

A conselleira presentou no Parlamento as contas do seu departamento para 2017. Hai previstos 28,5 millóns de euros para reestruturación das terras agrarias, case un 29% máis. A oposición critica o aumento da transferencia de diñeiro a empresas privadas ou os atrasos no pago da PAC

Medio Rural aumentará en 2017 as partidas para reestruturación da terra e comercialización

Ánxeles Vázquez cos máximos responsables da Consellería este venres no Parlamento

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou este venres no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para 2017, que ascenden a un total de 518,5 millóns de euros, 15 millóns de euros máis que no exercicio de 2016. As contas de Medio Rural medran en conxunto un 2,99% respecto ao exercicio anterior, lixeiramente por riba do incremento total que rexistra o orzamento da Xunta de Galicia.

A conselleira explicou que as políticas da Xunta para o medio rural galego pivotan sobre tres piares fundamentais, como son a terra, é dicir, a base territorial e posta en valor dos recursos; a transformación, para acadar maior valor engadido e a poboación, especialmente centrada no fomento da incorporación de mozos.

Reestruturación da propiedade da terra

Sobre a reestruturación da propiedade, a conselleira dixo que estes procesos teñen unha gran importancia para os sectores lácteo e cárnico, xa que contribúen de xeito decisivo a mellorar as condicións estruturais das explotacións e a súa base territorial, algo clave para dotalas de maior competitividade. Por iso, advertiu que nestes próximos catro anos destinaranse arredor de 80 millóns de euros para pórlle fin ás 130 concentracións parcelarias abertas e que afectan a unhas 117 mil hectáreas e preto de 92 mil propietarios. Desta dotación, para o 2017 hai previstos 28,5 millóns de euros de investimento, case un 29% máis que no exercicio anterior e preto de 6,5 millóns máis que en 2016.

Ángeles Vázquez vinculou estas medidas, en materia de infraestruturas no rural, co desenvolvemento real das explotacións gandeiras e, nesta liña, destacou os 21 millóns de euros que o orzamento de 2017 contempla en axudas para modernización e mellora das granxas, así como os 20 millóns para a instalación de agricultores mozos (increméntanse nun 23,5%, co fin de seguir impulsando a remuda xeracional no agro) e tamén os 2 millóns para a posta en marcha de pequenas explotacións.

A conselleira vinculou estas cifras co Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que comezou a súa andaina con 1.186,4 millóns de euros de gasto público total. E dixo que, tal como establece o PDR, a Xunta promove un desenvolvemento rural endóxeno e participativo no que teñen un papel destacado os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), que entrarán a funcionar, a pleno rendemento, no 2017. Lembrou, neste mesmo sentido, que cos proxectos desenvolvidos ao abeiro do Plan Leader no anterior período de programación consolidáronse arredor de 4.000 postos de traballo e creáronse en torno a 1.000 novos empregos. As previsións para este novo período céntranse en acadar, cando menos, as mesmas cifras de emprego no rural galego, con outros 1.000 postos de traballo máis.

Ángeles Vázquez falou tamén na súa intervención das axudas da PAC, salientando o crecemento dun 14% das axudas destinadas á apoiar a agricultura ecolóxica, así como o incremento das achegas para a xestión sustentable de pastos e de extensificación de vacún de leite, que medran un 56,2 e un 57,6%, ata 9,4 e 4,3 millóns de euros, respectivamente.

Aumento das partidas para fomento da industrialización, a comercialización e a promoción da calidade alimentaria e do consumo

A conselleira debullou estes datos e concretou os principais avances nos eidos da reestruturación da propiedade, por un lado, e no relativo ao dos produtos do agro galego, por outro. En relación con estes últimos, explicou que nos orzamentos consígnase un notable incremento en tres partidas concretas.

Por unha banda, de xeito destacado, un incremento de case o 47% no orzamento destinando a financiar as axudas para os investimentos en instalacións industriais co fin de mellorar as condicións de transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios, ou o que é o mesmo, 6,7 millóns de euros máis que en 2016.

Por outra parte, unha suba de preto do 35% sobre o orzamento en 2016 (que xa sufrira un incremento do 15% sobre o ano anterior) para abordar as accións de promoción que executa directamente a Consellería do Medio Rural, como asistencia a feiras e organización de diferentes eventos, caso das catas dos viños, augardentes, queixos e meles, etc. En terceiro lugar, o incremento superior ao 32% na partida que financia as actividades de promoción dos produtos de calidade realizadas por consellos reguladores ou asociacións.

Agacal

En materia de investigación, a conselleira destacou a creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), que agrupará os centros investigadores e que “vai ser -dixo- un fito fundamental e unha das apostas máis importantes da Xunta nesta materia”. Así, subliñou que “servirá para impulsar liñas específicas orientadas aos produtos galegos de calidade diferenciada e a posta en marcha de novas explotacións ligadas ao Banco de Terras para amplos territorios actualmente infrautilizados e con orientación a producións forraxeiras de cereal, castaña, froiteiros de pebida e pequenos froitos”.

No eido da formación, Ángeles Vázquez indicou que se van potenciar as actuacións dos diversos centros dependentes da Consellería, reforzando ao tempo as liñas de colaboración coas asociacións de produtores, empresas, centros tecnolóxicos, universidades e outras entidades.

Sanidade animal

A titular de Medio Rural referiuse tamén ao importante papel que desempeñan a sanidade e o benestar animal na viabilidade e rendibilidade das explotacións e, neste sentido, apuntou o incremento dun 6,1% nos orzamentos da Subdirección Xeral de Gandaría.

Este aumento vai permitir manter o investimento destinado á mellora xenética do frisón de Galicia, co fin de continuar reforzando o lácteo. Tamén se incrementa a partida das axudas ás Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG). En termos semellantes, aumenta un 15,5% (ata 1,7 millóns) a partida orzamentaria destinada á dotación dos laboratorios de sanidade animal e medra tamén un 8,88% o presuposto para os programas sanitarios, chegando aos 8,9 millóns de euros.

Forestal

En relación co ámbito forestal, como resumo do orzamento, a titular de Medio Rural apuntou que se destinarán máis de 49 millóns de euros á valorización do monte. A maiores, outros 21 millóns de euros serán para prevención (fomento de traballos como talas e outras tarefas silvícolas) e 31 millóns máis para a extinción de incendios, a onde se vai destinar practicamente a mesma cantidade que no 2016, cun lixeiro incremento do 0,34%.

A conselleira destacou tamén que, ao igual que en exercicios anteriores, as dúas terceiras partes dos orzamentos do capítulo seis, en total 8,25 millóns de euros, destinaranse a financiar traballos preventivos nos montes (control de pragas e enfermidades, ordenación de montes, sistemas silvopastorís ou infraestruturas forestais preventivas). E que se dará continuidade á xestión das axudas para silvicultura, forestación, sistemas agroforestais (castiñeiro para froito) e investimentos en empresas forestais.

Valoracións da oposición

En Marea advirte das importantes transferencias a empresas privadas

Por parte da oposición parlamentaria David Rodríguez, portavoz de Medio Rural de En Marea, criticou que os orzamentos da Consellería para 2017 “revelan unha clara falta de compromiso co Medio Rural, reducíndose as Actuacións e Valorización do Medio Rural en 44 millóns de euros, un 33% menos; ou a Dinamización Económica do Medio Rural en 69 millóns de euros, un 20% menos”.

Ademais, Davide Rodríguez botou en falta que nos orzamentos da Consellería para o próximo ano “non existe conservación para soutos ou frondosas autóctonas, non existen faixas perimetrais na defensa das nosas aldeas onde vive, en gran parte, poboación moi envellecida, non hai fondos para pastizais…”

En canto á política forestal, o portavoz de En Marea denunciou “o 100% de redución para a adquisición de vehículos contra incendios forestais e 130.000€ menos para renovación e equipamento de EPI´s dos nosos Bombeiros Forestais”. “O dispositivo de prevención e defensa contra incendios forestais -advertiu- queda reducido a 4.800.000€, mentres que o alugueiro de Medios Aéreos para a extinción increméntase en 150.000€, chegando case a cifra de 10.000.000€. Menos prevención e máis extinción, e si é en forma de helicóptero de Inaer, mellor que mellor para vostedes, a xente do Partido Popular”, denunciou Davide Rodríguez.

Asemade, criticou “o recorte de 340.000 € en silvicultura de prevención, 118.000€ menos na construción e mantemento de infraestruturas de protección de montes, ou 1.326.865 de recorte en recuperación do potencial forestal danado”. En canto ás SOFOR “queda tan so con unha partida de 126.000€, reducindo máis do 50% a dotación en comparación cos orzamentos do 2016”, advertiu.

Por último, o portavoz de Medio Rural de En Marea denunciou que “as empresas privadas son as grandes beneficiadas do orzamento de Medio Rural para o ano 2017”. En concreto, advertiu de que “as transferencias de capital a empresas privadas aumenta en 18,6 millóns, pasando de 208,13 millóns a 226,8 millóns”, en especial a Inaer.

Os socialistas reducen os orzamentos expansivos a “publicidade enganosa” e critican os atrasos no pago da PAC

Pola súa parte, o portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, José Quiroga, alertou de “importantes retrasos de entre o 20 e o 30 por cento nos pagos do Fondo Galego de Garantía Agraria por parte da Xunta”.

O responsable socialista sinalou que “a día de hoxe a Xunta aínda retén parte das axudas agroambientais correspondentes ao ano 2015, e mesmo ten sen comunicar o resultado das solicitudes aos posibles beneficiarios das do ano 2016”. Criticou o que cualificou como “xestión desastrosa” deste servizo polo goberno galego, “que reduciu á metade ao persoal do Fogga, cunha tramitación lenta, farragosa e descoordinada”.

Engadiu ademais que “a suposta realidade expansiva dos orzamentos da Xunta queda desmentida pola realidade cando, lonxe do incremento de 15,1 millóns de euros que anuncian nos orzamentos de Medio Rural, estes teñen aínda hoxe 140 millóns de euros menos que en 2010”.

En canto á política forestal, o portavoz socialista advertiu que” a Xunta destina un de cada cinco euros do seu orzamento á prevención e extinción de incendios, que non valen para nada en canto salta a vaga de lume”.

Finalmente, alertou das consecuencias do impulso á Axencia Galega de Industria Forestal, “dirixida a un cambio de modelo e a facer realidade unha reserva forestal monocultivo desligada das necesidades do país, do medio ambiente e da sociedade galega”.

BNG: “Este 2017 tampouco será o do medio rural”

Por último, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas  manifestou que este ano  “tampouco  será o do medio rural”. “Mini” lembrou que “durante a campaña electoral o Presidente da Xunta anunciou 1.200 M€ durante tres anos, pero despois de escoitar a conselleira de Medio Rural  podemos concluír que unha vez máis enganaron á xente e van a seguir facéndoo”.

O nacionalista tamén botou en falta na Xunta “un proxecto estratéxico para o sector lácteo galego”. “O sector leiteiro galego -subliñou- necesita dun proxecto que transforme o leite líquido aquí en Galiza e aproveitar o valor engadido porque o “noso queixo ten un gran futuro na exportación” así como os produtos lácteos infantís, cremas…

“Nos próximos dez anos -explicou o nacionalista- “Irlanda aumentará a súa produción nun 41% e Gran Bretaña por riba do 10% porque teñen proxecto de país, un proxecto do que vostedes carecen, a pesar de que o noso clima, os medios humanos e físicos non teñen nada que envexarlle a estes países nin aos do norte de Europa”. Neste sentido, Xosé Luis Rivas lembrou que “o sector necesita terras, superficie agraria útil e producir leite líquido con máis marxe de beneficio e favorecer con primas especiais un modelo de produción forraxeira, principalmente herba”.

En canto ao sector forestal, o parlamentario do BNG tamén se referiu na súa intervención á planta de biomasa de 50 Megavatios en Curtis “que absorberá tal cantidade de madeira que se verán obrigados a ocupar terras agrarias porque no caso contrario non poderá funcionar”, advertiu.

“As 8 plantas de biomasa -explicou- demandan xa un millón de toneladas, entre 15 e 20 hectáreas anuais de cortas, e multiplicar por dez os megavatios requiriría queimar todos os anos unha superficie equivalente a metade da provincia de Pontevedra e o propio estudo de impacto ambiental da planta de Curtis recolle o consumo de 568 toneladas ao ano de biomasa recolectadas na provincia da Coruña”. “Non é casual a súa instalación, porque a súa ubicación facilita traer madeira de calquera parte de Galiza”, denunciou Rivas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información