Medio Ambiente valora cederlle ós gandeiros xaulas trampa para a captura de xabaríns

A Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe asegura que a Consellería está en trámites “para legalizar a autodefensa contra o porco bravo” por parte dos profesionais do agro

Medio Ambiente valora cederlle ós gandeiros xaulas trampa para a captura de xabaríns

Danos nun prado causados polo xabarín.

O sistema de xaulas trampa para a captura de xabaríns, que se ten empregado en parques naturais e na contorna de cidades, extenderase ó agro, segundo asegura a Asociación de Perxudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), creada recentemente por gandeiros de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Este colectivo informa en nota de prensa de que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, lles trasladou que a Consellería está “en trámites para legalizar a autodefensa de agricultores e gandeiros a través de xaulas trampa”.

A Asociación de Perxudicados pola Fauna sinala que Medio Ambiente xa ten feito un primeiro pedido de xaulas co obxectivo de cederllas nun futuro ás explotacións agrarias con danos. “O que Aperfasa-Galicia puido saber é que o mantemento das xaulas correrá a cargo dos agricultores e gandeiros. Unha vez capturado o animal, haberá que notificalo para que un veterinario proceda ao seu sacrificio e posteriormente pasará a empresa de retirada de animais mortos, Gesuga, a retirar os cadáveres”, explican desde a Asociación.

O sistema de captura consiste nunha xaula na que se coloca millo ou outra comida no interior, co obxectivo de atraer ó porco bravo. Unha vez que o animal entra na xaula para alimentarse, a porta da entrada báixase e e xabarín queda preso, sen poder saír. As xaulas trampa xa se viñan utilizando en espazos protexidos onde non é posible a caza, así coma na contorna de áreas urbanizadas nas que se rexistraban especiais problemas cos animais. A Xunta baralla agora extender ó sistema ó agro, ante a expansión que está experimentando a especie nos últimos anos, sen que as batidas de caza logren controlar o problema.

Desde Aperfasa subliñan tamén que teñen pedida unha nova de lei de caza, se ben desde a Xunta indicáronlles que hai marxe coa actual lei para mellorar o control do xabarín, “xa que ata o de agora hai artigos da lei que se estaban a pasar por alto sen ningunha responsabilidade para quen a incumplía”, valora a Asociación en nota de prensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información