Manifesto da Universidade de Santiago por unha nova política para o rural galego

Como reacción á vaga de lumes, máis de 80 profesores e investigadores da USC asinan un documento que demanda medidas de ordenación territorial e a aplicación na práctica da lexislación vixente

Publicidade
Publicidade
Manifesto da Universidade de Santiago por unha nova política para o rural galego

Presentación do manifesto suscrito por docentes e investigadores da Universidade de Santiago.

Máis de oitenta profesores e investigadores da Universidade de Santiago (USC) que traballan en diversas áreas de coñecemento ligadas ao ámbito territorial demandan unha nova política para o rural galego, segundo se recolle no manifesto ‘Por unha nova política para o rural galego’, presentado este mércores por un grupo de docentes no edificio de Vicerreitorías de Lugo.

Os profesores da USC Dolores Vázquez, da área de Ecoloxía, e Emilio Díaz Varela, do departamento de Enxeñaría Agroforestal, foron os responsables de poñer voz ao manifesto ‘Por unha nova política para o rural galego’, un documento a través do que os asinantes achegan as súas opinións e propostas para contribuír a acadar unha solución á problemática derivada dos incendios.

Este é o texto íntegro do manifesto:


‘Por unha nova política para o rural galego’

Os e as asinantes deste manifesto, persoal docente e investigador da Universidade de Santiago, achegámonos á problemática dos lumes desde áreas científicas diferentes (agronomía, bioloxía, economía, historia, enxeñería de montes, xeografía, etc.), mais compartimos, como parte integrante que somos da sociedade, a preocupación polo sucedido na segunda semana de outubro, cando unha vez máis, as lapas asolaron unha parte significativa do noso país. Preguntámonos, sobre todo, polo que podemos e debemos de facer para evitar que isto volva acontecer.

Por que sufrimos vagas de lume de xeito recorrente? A resposta a esta pregunta precisa dunha reflexión colectiva na que participen tanto os habitantes do rural como do urbano. Unha reflexión que ten que estar apoiada non en suposicións ou opinións difundidas en medios de comunicación, senón no coñecemento científico-técnico achegado desde unha multiplicidade de fontes.

Con este manifesto pretendemos facer unha chamada de atención á sociedade no seu conxunto e aos nosos responsábeis políticos sobre a necesidade dun debate público sereno e profundo acerca das causas dos lumes forestais. Un debate que supere as explicacións banais e produza un cambio de rumbo nas políticas territoriais, particularmente nos eidos ambiental, forestal e agrogandeiro. Somos conscientes de que moitas das medidas a adoptar so deixarán sentir os seus efectos a medio e longo
prazo, e que ademais, poden ser difíciles de aceptar por unha parte importante da poboación. De aí que o consenso social e político sexa imprescindíbel.

Temos que comezar xa a traballar na análise do acontecido, e pensamos que este traballo ten que ter como obxectivos finais, os seguintes:

1.- Abordar a ordenación territorial. Debemos de facelo en sintonía coas directrices internacionais,comunitarias e nacionais en materia de planificación de espazos rurais e urbanos, conservación da biodiversidade e mitigación do cambio climático, así como nas necesidades ambientais e socioeconómicas do país.

2- Integrar a diversificación de usos e o aproveitamento racional dos recursos existentes coa finalidade de frear a perda de terras de uso agrario de elevada aptitude e a destrución de espazos de grande valor ambiental. Precísase dunha ordenación do sector forestal baseada en criterios de sustentabilidade ambiental e económica, diversificación de especies e produtos, respecto ás infraestruturas verdes e á rede de espazos protexidos.

3- Aplicar de xeito efectivo a lexislación vixente. Necesitamos mecanismos que permitan que se cumpra o xa establecido en materia de distancias, aproveitamento ou conservación ambiental.

4.- Transformar o actual dispositivo de extinción de incendios, recoñecendo o esforzo dos/das traballadores/as do servizo e o elevado risco que enfrontan. Ao mesmo tempo, consideramos que as labores de prevención deben cobrar un maior protagonismo.

Partindo destas premisas, os e as asinantes deste manifesto reclamamos consenso social e político e expresamos a nosa disposición para colaborar nun proceso de debate aberto e participativo en aras da consecución dun modelo de xestión que permita superar a situación actual e proporcionar unha nova oportunidade ao noso medio rural, no convencemento de que sen as ferramentas axeitadas, o futuro da nosa sociedade e do medio que a acolle pode verse seriamente comprometido.

Asinan: Docentes e investigadores/as no ámbito territorial da USC

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información